Alianza Regional de Castilla y León

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Alianza Regional de Castilla y León foi unha asociación castelán-leonesista de carácter moderadamente rexionalista e conservador xurdida en Herrera de Duero, provincia de Valladolid, en 1975 ao abeiro da Lei de Asociacións de 1964. Cómpre ter en conta que o territorio que reivindicaba esta asociación como Castela e León difería do actual territorio da Comunidade autónoma, pois integraba nesta as entón provincias de Logroño e Santander (hoxe A Rioxa e Cantabria, respectivamente).

Territorio reclamado pola Alianza Regional de Castilla y León.

O 15 de decembro de 1975 reuníronse en Herrera de Duero personalidades sobranceiras de todas as provincias das entón rexións de Castela a Vella e León co gallo de constituír unha asociación de carácter rexionalista. Entre os protagonistas do encontro destacaron algúns procuradores nas Cortes Orgánicas como Alberto Cercós Pérez, procurador por Soria; Adolfo Sánchez García, por Valladolid; ou Jesús Esperabé de Arteaga González, por Salamanca, todos eles procuradores polo terzo familiar na X Lexislatura das Cortes franquistas. O mundo universitario tamén estivo representado entre outros polo leonés Alfonso Prieto Prieto, catedrático de Dereito Canónico e Decano da Facultade de Dereito de Valladolid; o burgalés Gonzalo Martínez Díez, historiador medievalista e profesor de Historia do Dereito da Universidad de Valladolid e autor do libro Fueros sí, pero para todos: os conciertos económicos (1977); ou Dionisio Llamazares, director do Colegio Universitario de León. Outras figuras relevantes naquela reunión foron Herminio Ramos, entón concelleiro de Cultura do concello de Zamora; Fernando Pastora, mestre e pintor; Alfredo Martínez de la Pedraja Abarca, avogado de Santander; Andrés Sorel, escritor, publicista, e experto en lingua e literatura castelás; e Carmen Cossío Escalante, deputada pola provincia de Santander. O 8 de maio de 1976 quedaba inscrita no Rexistro de Asociacións a Alianza Regional de Castilla y León.

Aínda que se declaraba como unha asociación independente de calquera partido, arredor do 10% dos seus socios militaba nalgún partido político do momento. É o caso por exemplo do presidente da Deputación de Valladolid, Fernando Velasco de Andrés, que se presentará ás eleccións con Alianza Popular; de Jesús Esperabé de Arteaga, que se presenta coa UCD; ou da deputada cántabra Carmen Cossío, que o fai co PSOE. Precisamente por todo isto cara a 1977 a Alianza Regional de Castilla y León empeza a ir tendo cada vez menos actividade, e os seus distintos membros intégranse nos diversos partidos políticos que lles sexan máis favorables ou directamente optan por non ingresar na vía política. Un sector da Alianza Regional de Castilla y León, entestado por Millán Bravo Lozano, decidiu crear a finais de 1977 unha forza política castelán-leonesista baseada nas reivindicacións da asociación, decisión que rematou na fundación de PANCAL.

Esta organización, desaparecida, foi a pioneira do castelán-leonesismo trala morte do xeneral Franco, antecedendo ao Instituto Regional de Castilla y León. O Instituto, poucos días despois da súa fundación, convocou en 1976 a primeira homenaxe aos comuneiros en Villalar de los Comuneros trala caída do franquismo.