Parga, Guitiriz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santo Estevo de Parga
Vista da Pobra de Parga
ConcelloGuitiriz[1]
ProvinciaLugo
Coordenadas43°09′04″N 7°51′00″O / 43.151, -7.8501Coordenadas: 43°09′04″N 7°51′00″O / 43.151, -7.8501
Poboación420 hab. (2020)
Entidades de poboación13[1]
editar datos en Wikidata ]

Santo Estevo de Parga é unha parroquia do municipio lucense de Guitiriz, situada a 6 quilómetros da capital do concello. Segundo o IGE en 2012 tiña 465 habitantes (225 homes e 240 mulleres) distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 609 habitantes.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Nesta parroquia está situada a Fonte de Valdovin, que é unha das tres fontes mineromedicinais que hai no concello. Outra das paraxes naturais que posúen un encanto especial é a Area Recreativa da Carballeira situada a beira do río Parga.

Capela de San Xosé

Xunto ó centro de saúde atópase a capela de San Xosé, da que destaca no seu interior un retablo de estilo barroco e talla da Virxe sedente co Neno.

Sitio arqueolóxico de Pena Xiboi[editar | editar a fonte]

O sitio de Pena Xiboi, declarado Ben de Interese Cultural, está datado entre os anos 8000 e 5000 a. C. Está situado na aldea da Tolda, preto do muíño da Ruxida. A carón del colocouse un cruceiro cunha placa conmemorativa.

Igrexa parroquial[editar | editar a fonte]

Igrexa de Santo Estevo.

Está situada nun outeiro, posiblemente ocupado con anterioridade por un poboado castrexo. Foi construída no século XII, se ben tras numerosas transformacións posúe características arquitectónicas de diferentes estilos.

Ten unha nave rectangular e a capela maior cadrada, coa sancristía engadida no lado esquerdo.

A fachada é de perpiaño, do século XVIII. Consta de porta, ventá, espadana con dúas campás, e sobre ela unha cruz metálica. Entre a fachada e o muro lateral dereito hai un reloxo de sol.

No interior da igrexa hai tres retablos do barroco popular e unha serie de pinturas murais datadas cara ao século XV, representando escenas da Paixón, a Anunciación e o Cristo en Maxestade.

Os retablos laterais, restaurados recentemente, presentan figuras como San Ramón Nonato e San Roque.

Hai tres sarcófagos antropoides, desenterrados do adro, así como varias lápidas sepulcrais e unha pía bautismal gótica sen adornos.

Castelo de Parga[editar | editar a fonte]

Restos do Castelo da Pobra de Parga.

O castelo de Parga está situado nas proximidades da igrexa parroquial. Actualmente consérvase parte dun dos muros do peche e unha das torres.

As paredes están fabricadas na súa parte alta con perpiaños de granito asentado sobre pedras de cachotaría pertencentes a unha época anterior, posiblemente reaproveitadas do castro de Parga.

Segundo Ángel del Castillo a fortaleza foi construída entre finais do século XIV e inicios do XV, levantado por Juan Pérez Parragués. A fortaleza tiña forma de polígono regular con torres cilíndricas e con seteiras enfiando os flancos, que constituían unha das súas defensas avanzadas. Existía un pasadizo subterráneo que unía o castelo co río Parga, usado para procurar aprovisionamentos en tempos de asedio.

En 1603 o castelo serviu como cárcere xurisdicional.

Preto del levántase un cruceiro.

Feiras e festas[editar | editar a fonte]

As feiras teñen lugar o domingo entre os días 9 e 15 e o derradeiro domingo de mes[2].

Unha das festas máis coñecidas é a Feira da Cantería, artesanía e callos, que se celebra a primeira fin de semana de xullo, onde se pode ver como os canteiros traballan na pedra, así como gozar dun dos pratos típicos da zona como son os callos. Nese día abundan as merendas familiares na carballeira.

As festas parroquiais son na honra a San Roque, a terceira fin de semana de agosto.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Santo Estevo de Parga[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Parga no concello de Guitiriz (Lugo)

O Carballal | Cercedo | O Buxío | A Chantada | O Covelo | Ferreira | Galiñeiro | Montemeá | A Ponte | A Pobra de Parga | Portopulgo | A Tolda | A Vilouchada

Parroquias de Guitiriz[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Guitiriz

Becín (San Xiao) | O Buriz (San Pedro) | Labrada (Santa María) | Lagostelle (San Xoán) | Mariz (Santa Eulalia) | As Negradas (San Vicenzo) | Parga (Santo Estevo) | Pedrafita (San Mamede) | Pígara (San Pedro) | Roca (San Xiao) | San Breixo de Parga (San Breixo) | San Salvador de Parga (San Salvador) | Santa Cruz de Parga (Santa Cruz) | Santa Locaia de Parga (Santa Locaia) | Santa Mariña de Lagostelle (Santa Mariña) | Trasparga (Santiago) | Vilar (Santa María) | Os Vilares (San Vicenzo)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
  2. http://aquamlatam.blogspot.com/2009/10/blog-post.html

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]