Saltar ao contido

Paleoantropoloxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A paleoantropoloxía (do grego, παλαιός, paleos, "antigo"; ἄνθρωπος, anthropos, "ser humano"; e λογος, logos, "coñecemento") é a rama da antropoloxía biolóxica que se ocupa do estudo da evolución humana e os seus antepasados fósiles, noutras palabras dos homínidos antigos. Ás veces, tamén pode ser coñecida como paleontoloxía humana.

Esta ciencia traballa principalmente con fósiles que se rastrexan ata varios millóns de anos, polo que está estreitamente vinculada tamén á paleontoloxía, a xeoloxía, a paleoecoloxía, a bioloxía, a xenética e a primatoloxía. A paleoantropoloxía busca analizar e interpretar os datos do pasado humano co obxectivo de explicar o xurdimento do home e os seus sucesivos cambios que se produciron a través do tempo.

Australopithecus africanus.

Outro vínculo estreito é o que ten con outra das ramas da antropoloxía, que é a arqueoloxía. Esta pon énfase nos aspectos culturais. Intervinculando a información, relaciónanse estas dúas ramas, e así tamén con outras ciencias como se dixo antes.

As evidencias que se manexan son principalmente fósiles de ósos, pero tamén ferramentas líticas ou pegadas de pés como as de Laetoli, en Tanzania.

O comezo da paleoantropoloxía está unido ao da historia do Home de Neanderthal, cando en agosto de 1856 foi descuberto o espécime que logo sería coñecido como Neanderthal 1. O lugar foi a cova Feldhofer no val do río Neander, en Alemaña. Foi bautizado como Home de Neanderthal porque así se di "val do Neander" en alemán.

Os restos óseos foron atopados nunha canteira próxima á cidade de Düsseldorf. Eses ósos fósiles eran un casquete cranial, dous fémures, os tres ósos do brazo dereito, dous do brazo esquerdo, parte do óso ilíaco esquerdo, e fragmentos da escápula e costelas. Atopados polos traballadores da canteira, foron deixados ao carón para que os vise un profesor local, naturalista afeccionado, chamado Johann Carl Fuhlrott. El sospeitou enseguida que eses ósos representaban pezas importantes do pasado da humanidade, aínda que non prevía que serían os primeiros restos de homínidos nun estado evolutivo anterior. O libro A orixe das especies, de Charles Darwin non fora publicado aínda, sairía en 1859.

Fuhlrott enviou unha descrición do material ao anatomista Hermann Schaaffhausen e o descubrimento foi anunciado conxuntamente en 1857. Así comezou o estudo dos homínidos fósiles e os seus antepasados. Logo viría a procura sen fin da pantasma do elo perdido.

Paleoantropólogos recoñecidos

[editar | editar a fonte]
Homo habilis.
Homo ergaster

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]