Pé (moluscos)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diagrama anatómico dun hipotético molusco ancestral.
4. Manto.; 18. .; 19. Músculos retractores pedios. 27, b. Par de ganglios pedios.

O é un dos órganos característico dos moluscos, xunto coa cabeza (que é xeralmente o centro sensorial) e a masa visceral (que contén os órganos internos notabelmente desenvolvidos).[1][2]

O pé mostra unha enorme plasticidade evolutiva. Está dotado dunha musculatura complexa e potente. Suponse que, primitivamente, era reptante (parecido ao dos gasterópodos actuais), pero experimentou unha gran diversificación, orixinando, entre outros, o pé escavador dos bivalvos, o pé escindido en tentáculos dos cefalópodos ou o pé nadador dalgúns gasterópodos peláxicos, entre outros.[3]

Características[editar | editar a fonte]

O pé corresponde á parte ventral, musculosa, do tronco e posúe, en principio, unha superficie de reptación. Como o resto do corpo, desprovisto de cuncha, está recuberto por un epitelio glandular ciliado e incluso, nas especies terrestres, presenta bandas ciliadas. Na súa parte anterior áchase unha glándula pedia, moitas veces afundida a xeito de bóla. O pé é moi variábel en forma e función.[4]

Diferentes tipos de pés[editar | editar a fonte]

  • Bivalvos. O pé nos bivalvos está ligado ás valvas mediante feixes musculares, que lle dan mobilidade, e posúe unha musculatura propia que non está inserrida na superficie interna das valvas. A súa estrutura e tamaño son moi variábeis en relación coas diversas formas de vida e de hábitat destes animais. É moi robusto e está moi desenvolvido cando a súa función consiste en desprazar o animal mediante unha serie de contraccións (vieiras, zamburiñas); falta, ou é moi rudimentario en formas que levan vida sedentaria, como os mexillóns ou as ostras.[5] En moitos bivalvos o pé ten forma de machada, con función locomotora e escavadora, que ten un suco fino na cara posterior, e cuxo extremo aparece dilatado pola entrada de vasos sanguíneos, o que permite que o pé se fixe ao sedimento e atraia cara a si o resto do corpo. Traso o pé, nalgunhas especies, como os mexillóns, achase unha glándula pedia cuxa secreción endurecida forma o biso (por iso este órgano denomínase tamén glándula do biso), que lle serve ao animal para fixarse, temporal ou definitivamente, ao substrato;[4] o biso componse dun talo (eixo groso e curto), filamentos e unha placa adhesiva, que é a que produce a verdadeira ancoraxe debido a unha substancia que baixa polo suco do pé e que se endurece ao contacto coa auga.
  • Caudofoveados. Carecen de pé —igual que de ollos e de tentáculos— xa que non son reptantes senón escavadores que viven en túneles verticais a grandes profundidades no fondo do mar.
  • Cefalópodos. Nesta clase o pé aparece xunto á cabeza (de aí o nome), e está diversificado en varios tentáculos provistos de ventosas, en número que varía desde 8 nos polbos até os 90 que poden ter os náutilos (nestes, no existen nos tentáculos). Moitos cefalópodos son moi bos nadadores fuertes e algunhas especies poden «voaren» a distancias curtas na auga, mantendo agrupados os tentáculos e expulsando con forza a auga polo sifón, nun movemento de retropropulsión a chorro.[6] Algúns dos tentáculos (nos coleoideos) modificáronse para formaren estruturas reprodutivas chamadas espádices, que cumpren o papel de introducir os espermatóforos (sacos cheos de esperma) na cavidade paleal da femia.[7]
  • Gasterópodos. Nos caracois pequenos a locomoción prodúecese grazas aos cilios do pé, pero nas especies de maior tamaño está prodúcese grazas a ondas musculares regulares ou irregulares. Nalgúns casos existe unha fendedura lonsitudinal que fai posíbel a locomoción por desprazamento alternativo da parte dereita e da parte esquerda do pé (Pomatius, Littorina), e tamén pode existir unha división do pé nunha parte anterior e outra posterior (Strombus).[4] As partes laterais do pé, especialmente as anteriores, poden tamén efectuar movementos de batido, e formaren así as chamadas aletas pedias típicas dos chamados caracois alados.[4][8][9] Noutros caracois a parte anterior do pé pode converterse nunha aleta natatoria impar e verical e, noutras, nun órgano prensor. A partir desta zona é onde se desenvolveron os brazos dos cefalópodos.[4]
  • Escafópodos. Nos escafópodos, ao estar aberta a súa concha en forma de dente de elefante por ambos os extremos, permite a retracción da cabeza e o pé a través do extremo anterior (a abertura máis ancha), que está situada baixo o substrato. O pé é alongado, cilíndrico e protáctil, e serve para perforar; no seu extremo presenta tres lóbulos ou unha pequena discoidal plana. O ensanchamento do pé, en forma de disco, permítelle a estes animais ancorarse ao substrato (esta mesma característica preséntana as ameixas primitivas).[10][11][12]
  • Monoplacóforos. Nestes moluscos primitivos, mariños, a parte central da súa cara ventral está ocupada polo pé, que é case circular e está rodeado por un suco paleal no que se encontran cinco pares de branquias. Os músculos retractores do pé, moi desenvolvidos, están dispostos en oito pares, distribuídos metamericamente.[13]
  • Poliplacóforos. Nos poliplacóforos, (quitóns) o pé está situado na superficie inferor do corpo, está ben desenvolvido, é moi ancho e musculoso e ten forma de sola. Grazas aos seus movementos reptadores os quitóns deslízanse lentamente.[14][15]
  • Solenogastros. Os solenogastros son moluscos mariños, de pequeno tamaño, vermiformes e sen cuncha, que presentan moitos caracteres primitivos e derivados (polo que a súia clasificación é difícil). Un dos caracteres derivados é a redución do pé, que ás veces falta; cando existe, está representado por un estreito canle ciliado ventral lonxitudinal que permite a reptación.[16][17][18]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 0-87893-097-3.
  • D'Ancona, Humberto (1972): "Moluscos" en Tratado de zoología. Tomo II. Zoología especial. Barcelona: Editorial Labor, S. A., pp. 729–763.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Zoología, vol. 1. Invertebrados. Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch, U. (1980): "Mollusca (Moluscos)", en Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2, pp. 121–169.
  • VV. AA. (1968): "Moluscos" en: Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 4. Animales invertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 248–293.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Frings, H. e Frings, M. (1975), p. 380).
  2. Grassé, P.-P. et al. (1976). p. 377.
  3. Wilbur, Karl M.; Trueman, E. R. & Clarke, M. R., eds. (1985): The Mollusca, 11. Form and Function, New York: Academic Press. ISBN 0-12-728702-7, p. 4.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Remane, A. et al. (1980), p. 122.
  5. Grassé, P.-P. et al. (1976), p. 276.
  6. Muramatsu, K.; Yamamoto, J.; Abe, T.; Sekiguchi, K.; Hoshi, N. & Sakurai, Y. (2013): "Oceanic squid do fly". Marine Biology 160 (5): 1171–1175.
  7. Arkhipkin, A. I. (1992): "Reproductive system structure, development and function in cephalopods with a new general scale for maturity stages". Journal of Northwest Atlantic Fishery Science 12: 63–74.
  8. Descubierto un caracol de mar con alas que se desplaza como los insectos Diario El Periódico, Barcelona, 18/02/2016.
  9. Una nueva especie de caracol de mar 'vuela' como los insectos Europa Press. Ciencia. 18/02/2016.
  10. Remane, A. et al. (1980), p. 160.
  11. Barnes, R. D.(1989): Zoología de los invertebrados. México: McGraw Hill-Interamericana.
  12. VV. AA. (1968): "Moluscos" en: Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 4. Animales invertebrados, p. 272.
  13. Grassé, P.-P. et al. (1976), pp. 392-393.
  14. Remane, A. et al. (1980), p. 131.
  15. Grassé, P.-P. et al. (1976), p. 384.
  16. Remane, A. et al. (1980), p. 133.
  17. VV. AA. (1968): "Moluscos" en: Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 4. Animales invertebrados, p. 254.
  18. Grassé, P.-P. et al. (1976), p. 380.