Omara Portuondo
(2009) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de outubro de 1930 (94 anos) A Habana, Cuba |
Actividade | |
Ocupación | cantante, bailarina |
Período de actividade | 1950 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Bolero (pt) e Latin jazz (pt) |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | EGREM World Circuit (en) |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Dictionary of Caribbean and Afro–Latin American Biography (en) |
Sitio web | omaraportuondo.com |
|
Omara Portuondo Peliez, nado na Habana o 29 de outubro de 1930, é unha cantante cubana de son e boleros, ademais de ser unha das maiores representantes do chamado Feeling. Coñecida como «A diva do Buena Vista Social Club» ou «A noiva do feeling».
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]A nai de Portuondo pertencía a unha familia cubana de avoengo de ascendencia española e esperábase dela un casamento que a unise a outras familias da sociedade; pola contra, escapou co home ao que amaba, un xogador de béisbol do equipo nacional. O matrimonio tivo tres fillas, e como en todos os fogares cubanos había música na súa casa; non tiñan diñeiro, mais tiñan as voces dos pais, cantando na cociña onde facían as súas vidas diarias. Omara, que naceu no barrio de Cayo Hueso da Habana, lembraba as súas cancións, incluída entre as súas favoritas "La bayamesa", de Ernesto Grenet e Sindo Garay (tamén cantada por Compay Segundo en Buena Vista Social Club). Estas foron as súas primeiras leccións informais de canto, e esas cancións pasaron a formar parte do seu repertorio durante toda a súa vida.
Cando a súa irmá Haydée se converteu en bailarina do famoso cabaré Tropicana, Omara axiña a seguiu por accidente: a compañía de danza viuse reducida un día de 1945 cando unha bailarina se retirou dous días antes dunha importante estrea. Omara vira ensaiar a súa irmá tan a miúdo, que sabía todos os pasos, así que lle pediron que ocupase o lugar que deixara libre:
Era un cabaré moi chic, mais dixen que era inadmisíbel. Era moi tímida e dábame vergoña mostrar as miñas pernas.[1]
Porén, a súa nai convenceuna ao dicirlle que non podía defraudalos;[2] así comezou unha carreira como bailarina, formando unha parella famosa co bailarín Rolando Espinosa.[3] Continuou toda a vida a actuar no Tropicana.[4]
A noiva do feeling
[editar | editar a fonte]As fins de semana Omara e Haydée cantaban estándares de jazz con algúns amigos como César Portillo de la Luz, José Antonio Méndez e o pianista Frank Emilio Flynn. O grupo chamouse Loquibambla Swing, e o estilo que tocaban era unha música con influencias do jazz que logo se coñeceu como feeling, palabra que foi castelanizado como «filin». No seu debut na radio, foi anunciada como Omara Brown, «a noiva do filin». Ese nome artístico foi esquecido, mais non a definición que o acompañou.
En 1950 foi integrante da Orquesta Anacaona, e contra 1952 Omara e a súa irmá Haydée Portuondo formaban un cuarteto vocal feminino con Elena Burke e Moraima Secada, liderado pola pianista Aída Destro.[5] Convertéronse nun dos cuartetos vocais máis importantes da música cubana e Omara permaneceu co Cuarteto Las d'Aida durante quince anos, aínda que a formación orixinal só gravou un álbum para RCA Víctor en 1957. Realizaron numerosas xiras por América con innovadores arranxos vocais de Aida; tiveron oportunidade de compartir escenarios con Édith Piaf, Pedro Vargas, Rita Montaner, Bola de Nieve e Benny Moré e tamén serviron como acompañantes de Nat King Cole cando este se presentou no Tropicana.
Carreira en solitario
[editar | editar a fonte]Debutou en solitario co álbum Magia negra, publicado en 1959, en que cruza música cubana e jazz e inclúe versións de That Old Black Magic e Caravan de Duke Ellington.[4] Despois seguiu con Las De Aída ata 1967, ano en que comezou a dedicarse finalmente á súa carreira en solitario, actuando en Cuba e nalgúns festivais do exterior representando o país.
Nos anos 70 cantou coa Orquestra Aragón e viaxou cumpridamente, facendo presentacións en varios países como Francia, o Xapón, Bélxica, Finlandia e Suecia. Omara realizou moitas gravacións ao longo das dúas décadas seguintes; pero a máis destacada foi o álbum que gravou con Adalberto Álvarez en 1984 e dous álbums realizados para a discográfica española Nubenegra: Palabras e Desafíos.
O director cubano Fernando Pérez Valdés realizou un documental sobre a cantante titulado Omara, en 1983.[6]
Os novos tempos
[editar | editar a fonte]En 2000 World Circuit lanzou Buena Vista Social Club presenta... Omara Portuondo, o terceiro disco deste conxunto que contou coa participación de músicos como Rubén González, Orlando "Cachaíto" López, Manuel "Guajiro" Mirabal e Jesús "Aguaje" Ramos, e ademais aparicións de artistas convidados como Eliades Ochoa, Compay Segundo, Manuel Garban e Ibrahim Ferrer.
O álbum, acollido con grandes eloxios da crítica, conduciu a Omara a unha xira mundial en 2000-2001 cos seus compañeiros do Buena Vista, Rubén González e Ibrahim Ferrer.
O 2002 realizou unha extensa xira internacional en solitario, con numerosas datas en Norteamérica e Europa. No outono do mesmo ano participou no Festival de Jazz no Xapón. En 2003 fixo unha xira polo Canadá e os Estados Unidos.
En setembro de 2003 gravou nos estudios da EGREM o seu segundo disco en solitario producido por World Circuit. O álbum Flor de amor marcou un cambio de dirección e os músicos cubanos combinados cunha selección de músicos brasileiros deron ao disco un son distinto. O álbum foi candidato aos premios Grammy na categoría de mellor disco tradicional tropical e nos Billboard Latin Music Awards en 2005 obtivo o premio ao mellor disco tropical do ano.[2]
O 5 de novembro de 2009 gañou o Premio Grammy Latino na categoría de mellor álbum tropical contemporáneo, con Gracias, co que se converteu na primeira artista cubana residente no país que gañar este galardón e o recolleu coas súas propias mans. No disco, fixo un percorrido polos seus sesenta anos de carreira artística, con participacións especiais do cubano Pablo Milanés, o uruguaio Jorge Drexler e o brasileiro Chico Buarque.[7]
En 2010 presentouse a súa biografía titulada Omara, los ángeles tamén cantan, de Óscar Oramas Oliva.[6]
Durante o 2019 recibiu o premio Grammy Latino á Excelencia Musical,[8] e a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes.[9]
Discografía
[editar | editar a fonte]- 1958: Magia negra
- 1966: Como un milagro
- 1967: Esta es Omara Portuondo
- 1967: Omara Portuondo
- 1974: Omara Portuondo y Martín Rojas
- 1981: Y tal vez
- 1983: Omara Portuondo
- 1984: Jorrín
- 1984: Omara Portuondo canta el son
- 1991: Soy cubana
- 1995: Pensamientos
- 1995: Omara Portuondo
- 1995: Cuarteto Las D’Aída (reedición dun LP de 1957).
- 1995: Palabras
- 1996: Amigas
- 1997: La novia del feeling
- 1997: Desafíos (Irakere).
- 2000: Buena Vista Social Club presenta: Omara Portuondo (WCD059).
- 2000: Omara Portuondo - La colección cubana
- 2000: Veinte años (Edenways).
- 2004: Flor de amor (Harmonia Mundi).
- 2005: Lágrimas negras
- 2007: Duets
- 2007: Singles
- 2008: Gracias
- 2008: Omara Portuondo e Maria Bethania
- 2008: Omara Portuondo e Maria Bethania ao vivo (DVD).
- 2009: Gracias
- 2018: Omara Siempre (Egrem)
- 2020: Mariposas
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Orixinal en castelán: "Era un cabaret muy chic, pero dije que era inadmisible. Era muy tímida y me daba vergüenza mostrar mis piernas."
- ↑ 2,0 2,1 "Omara Portuondo". Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2020. Consultado o 27 de outubro de 2020.
- ↑ Biografía de Omara Portuondo en su página web; consultado o 02.01.2012
- ↑ 4,0 4,1 Romero, Angel (1 de abril de 2017). "Artist Profiles: Omara Portuondo | World Music Central.org" (en inglés). Consultado o 27 de outubro de 2020.
- ↑ "Omara Portuondo: "Me gusta ser un símbolo de Cuba"". 18 de outubro de 2016. Consultado o 27 de outubro de 2020.
- ↑ 6,0 6,1 "Presentarán en Cuba Biografía de Omara Portuondo". 1 de febreiro de 2010. Consultado o 27 de outubro de 2020.
- ↑ Castilla, Amelia (7 de xullo de 2014). "Omara Portuondo: “No soy reina de nada”". Babelia. El País. Consultado o 27 de outubro de 2020.
- ↑ Cantor-Navas, Judy (22 de agosto de 2019). "El Puma, Joan Baez, Omara Portuondo & Others to Receive Latin Recording Academy Lifetime Achievement Awards" (en inglés). Consultado o 27 de outubro de 2020.
- ↑ "Estos son los 24 premiados con la Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes 2019". 20 de decembro de 2019. Consultado o 27 de outubro de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Omara Portuondo |
A Galipedia ten un portal sobre: Música |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial Arquivado 18 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.
- Biografía de Montuno Producións e Eventos SL
{{ORDENAR:Portuondo, Omara}