Compay Segundo
Nome orixinal | (es) Máximo Francisco Repilado Muñoz |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de novembro de 1907 Santiago de Cuba |
Morte | 13 de xullo de 2003 (95 anos) A Habana, Cuba |
Causa da morte | insuficiencia renal |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Santa Ifigenia |
Actividade | |
Ocupación | compositor, guitarrista, cantante, compositor de cancións |
Período de actividade | 1922 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Trova (pt) |
Tesitura | Baixo |
Instrumento | Guitarra e voz |
Compañeiro profesional | Rey Caney (en) : Los Compadres (en) Lorenzo Hierrezuelo (pt) : Los Compadres (en) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
|
Máximo Francisco Repilado Muñoz, nado en Siboney, Santiago de Cuba, o 18 de novembro de 1907 e finado na Habana o 14 de xullo de 2003, coñecido artisticamente como Compay Segundo, foi un músico e compositor cubano cunha ampla traxectoria mundial.
Converteuse nun compositor e intérprete moi coñecido. Comezou a tocar a guitarra, o tres cubano, o clarinete e o bongó. Tamén tocou a conga ou tumbadora.
Foi o creador da melodía Chan-chan,[1] e inventor do armónico, un híbrido de sete cordas entre a guitarra española e o tres cubano. Este instrumento tenta imitar o timbre do tres engadindo unha corda de oitava na terceira corda (sol). A súa afinación é a mesma que a da guitarra. Primeira corda mi, segunda si, terceira sol (corda de dobre oitava) e re, la, mi, afinadas unha oitava por riba da afinación propia da guitarra.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado nunha humilde familia labrega, comezou a traballar moi novo, o que non lle impediu aprender a tocar a guitarra e o tres cubano de oído.[2] Cando o seu pai foi despedido do ferrocarril no que traballaba, trasladouse coa súa familia a Santiago, capital da provincia, e aínda que comezou a traballar como barbeiro, sabía xa daquela que o seu futuro ía cara á música. Con outros rapaces da cidade fundou o sexteto Los Seis Ases, e sendo aínda pequeno comezou a tocar o clarinete, que lle comprou ao seu dono liando tabaco na súa propiedade.
Comezou a súa carreira musical moi novo cando compuxo as súas primeiras cancións e nos anos trinta formou parte de diversas agrupacións artísticas de Santiago como o Cuarteto Trobadores Orientales e o Cuarteto Hatuey. Tamén foi vocalista do conxunto de Miguel Matamoros.
En 1948, Repilado, como segunda voz e tocador de tres, fundou o dúo Los Compadres con Lorenzo Hierrezuelo. Lorenzo, como primeiro vocal, chamábase Compay Primo e Repilado, como fixo a segunda voz, adoptou o alcume de Compay Segundo. Los Compadres constituíron un fenómeno de popularidade que se prolongou até 1955 cando Reinaldo Hierrezuelo, irmán de Lorenzo, substituíu a Compay Segundo que á súa vez formou un novo grupo ao que bautizou como 'Compay Segundo y sus muchachos'.
Gañou fama internacional en 1997 coa súa participación no álbum Buena Vista Social Club, que gañou varios premios Grammy, e coa súa aparición na película homónima dirixida por Wim Wenders. En 1998 tocou no Teatro Olympia de París, e en abril de 2002, compartiu o escenario do Palais des congrès de Paris, co tamén destacado soneiro Adalberto Álvarez nun concerto homenaxe á contribución sonora de Cuba no 20 aniversario da fundación de Radio Latina.[3]
Nos últimos anos, actuou ante millóns de espectadores e gravou nove álbums.
Colaborou con Carlos Núñez gravando e tocando en directo "Para Vigo me voy" de Ernesto Lecuona.[4]
Non puido cumprir o seu soño de chegar á idade alcanzada pola súa avoa, que era escrava e morreu libre aos 106 anos.[5] Morreu na Habana por mor dunha insuficiencia renal aos 95 anos. O seu conxunto, conservando o seu nome como conxunto Compay Segundo, continuou facendo concertos[6] e en 2019 visitaron Ribadeo participando no festival Ribadeo Indiano.[7]
Discografía
[editar | editar a fonte]- 1942-1955
- "Sentimiento Guajiro"
- "Cantando en el Llano"
- "Compay Segundo y Compay Primo"
- "Mi Son Oriental"
- "Los Reyes del Son"
- "Los Compadres"
- 1996-2002
- "Cien Años de Son" (1996)
- "Yo Vengo Aqui" (1996)
- "Son del Monte" (1996)
- "Musique Traditionelle Cubaine" (1997)
- "Buena Vista Social Club" (1997)
- "Antología" (1997)
- "Lo Mejor de la Vida" (1998)
- "Calle Salud" (1999)
- "Yo Soy Del Norte" (2000)
- "Las Flores de la Vida" (2000)
- "Antología" (2001)
- "Duets" (2002)
- 2007
- "Cien Años. 100th Birthday Celebration" (3CD+DVD)
Galería
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "RPP Noticias: Cantautor Compay Segundo está delicado de salud". 2003. Arquivado dende o orixinal o 2003-07-29. Consultado o 2022-04-15.
- ↑ "Compay Segundo". biografiasyvidas.com (en castelán).
- ↑ "Compay Segundo - EcuRed" (en castelán). Consultado o 2022-04-15.
- ↑ "Para Vigo me voy - Carlos Núñez + Compay Segundo". Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "Un tabaquero de 95 años de edad". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 24 de xullo de 2007.
- ↑ "Grupo Compay Segundo ; Ribadeo Indiano". indiano.ribadeo.org. 2019-06-26. Consultado o 2023-02-18.
- ↑ "O grupo Compay Segundo, en Ribadeo o 14 de xullo - Novas. Concello de Ribadeo". www.ribadeo.gal. Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2023. Consultado o 2023-02-18.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Compay Segundo |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía e fotos de Compay Segundo en lahuellasonora.com Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Arquivado
- Buena Vista Social (en inglés)
- Compay Segundo en YouTube