Saltar ao contido

Paleo-Tetis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Océano Paleotetis»)
Situación do océano Paleo-Tetis hai uns 280 millóns de anos.
Situación do océano Paleo-Tetis hai uns 380 millóns de anos.[1]

O Paleo-Tetis, Paleotetis ou océano Paleo-Tetis foi un océano localizado na marxe norte do paleocontinente Gondwana que empezou a abrirse durante o Cámbrico medio, creceu durante o Paleozoico e pechouse finalmente durante o Triásico tardío; existindo durante uns 400 millóns de anos.[2]

O Paleo-Tetis foi o precursor do mar de Tetis (tamén chamado Neo-Tetis ou Neotetis) que estaba situado entre Gondwana e os terreos húnicos (fragmentos continentais que se desprenderon de Gondwana e movéronse cara ao norte). Abriuse conforme o océano Proto-Tetis subducía baio eses terreos e pechouse a medida que os terreos de Cimeria (que tamén se desprenderon de Gondwana en dirección norte) deixaron paso ao mar de Tetis.[3] Un tanto confusamente, o Neo-Tetis defínese ás veces como o océano do sur dunha hipotética dorsal mesooceánica que separaba a Gran India de Asia, e nese caso o océano entre Cimeria e a dorsal hipotética chamouse Meso-Tetis.[4]

Os denominados terreos húnicos divídense en Húnico europeo (hoxe a codia baixo partes de Europa ―chamada Armórica― e Iberia) e Húnico asiático (hoxe a codia de partes do sur de Asia). Unha gran falla transformante separaba os dous terreos.

O papel que desempeñou o Paleo-Tetis no ciclo supercontinental, e especialmente na rotura de Panxea, está aínda sen resolver. Algúns xeólogos argumentan que a apertura do Atlántico Norte desencadeouse pola subdución de Pantalasa baixo as marxes occidentais das Américas, mentres que outros argumentan que o peche do Paleo-Tetis e Tetis tivo como resultado a rotura. No primeiro escenario, unhas plumas do manto causarían a apertura do Atlántico e a rotura da Panxea e o peche do dominio do Tetis foi unha das consecuencias deste proceso; no outro escenario, as forzas lonxitudinais que pecharon o dominio do Tetis transmitiríanse latitudinalmente no que hoxe é a rexión mediterránea, o que tería como resultado a apertura inicial do Atlántico.[5]

Imaxe do océano Paleo-Tetis antes de que a placa cimérica se movese cara ao Norte, o que fixo que se pechase o océano, o océano Paleo-Tetis pechouse hai uns 180 Ma. Imaxe de hai ~290 Ma (Permiano temperán).
A placa cimérica empeza a moverse cara ao norte, pechando o Paleo-Tetis, mentres que o mar de Tetis empezou a abrirse desde o sur. Imaxe de hai ~249 Ma (límite Permiano-Triásico).

O océano Paleo-Tetis empezou a formarse cando a extensión tras-arco separou os terreos húnicos europeos de Gondwana no Ordovícico tardío, para empezar a moverse cara a Euramérica (tamén coñecido como continente do arenito vermello antigo) no norte. No proceso, a placa baixo o océano Reico entre Euramérica e os terreos húnicos europeos subducían e os rifts desta placa orixinaban a formación dun pequeno océano Renoherciniano que durou ata o Carbonífero tardío.[6][7]

No Devoniano temperán abríronse as partes leste do Paleo-Tetis, cando os terreos húnicos asiáticos, incluíndo os mirocontinentes da China do Norte e China do Sur, movéronse cara ao norte.[7][8]

Estes eventos causaron que o océano Proto-Tetis se acurtase ata o Carbonífero tardío, cando os bloques chineses colidiron con Siberia.[7] Porén, no Carbonífero temperán, desenvolveuse unha zona de subdución ao sur dos terreos húnicos europeos consumindo a codia oceánica do Paleo-Tetis. [9] Gondwana empezou a moverse ao norte e no proceso pecharíase a parte occidental do Paleo-Tetis.[7][10]

No Carbonífero tivo lugar unha colisión continental entre o continente do arenito vernmello antigo e o terreo húnico europeo, en América do Norte isto chamouse oroxenia allegheniana, en Europa oroxenia varisca. O océano Reico desaparecera completamente e o oeste do Paleo-Tetis estaba pechándose.

No Permiano tardío, a pequena e alongada placa de Cimeria (a codia das actuais Turquía, Irán, Tíbet e partes do sueste asiático) separouse de Gondwana (que entón era parte de Panxea). No sur do continente cimérico creouse un novo océano, o mar de Tetis. No Triásico tardío, todo o que quedaba do Paleo-Tetis era un estreito canal marítimo.

No Xurásico tardío, como parte da oroxenia alpina, a codia oceánica do Paleo-Tetis subducía baixo a placa cimérica, pechando o océano de oeste a leste. Un último resto do océano Paleo-Tetis podería ser unha sección de codia oceánica baixo o mar Negro (Anatolia, ao sur dese mar, é parte do continente cimérico orixinal que formou a fronteira sur do Paleo-Tetis.)

O océano Paleo-Tetis atopábase onde hoxe están o océano Índico e o sur de Asia. O ecuador discorría por este mar, polo que tiña un clima tropical. As costas e illas probablemente albergaban densos bosques carboníferos.

  1. Stampfli & Borel 2000 - Tethyan Plate Tectonic working group of the Institut of Mineralogy and Petrography, University of Lausanne
  2. Zhai et al. 2015, Abstract
  3. Muttoni et al. 2009, Fig. 2, p. 19
  4. Müller & Seton 2015, p. 5
  5. Keppie 2015a, Abstract; Keppie 2015b, Abstract
  6. Stampfli, von Raumer & Borel 2002, Middle Devonian Phase, p. 272
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Stampfli, von Raumer & Borel 2002, Fig. 3, pp. 268–629
  8. Stampfli, von Raumer & Borel 2002, Superterreo húnico, p. 267
  9. Stampfli, von Raumer & Borel 2002, Marxe activo do terreo húnico europeo en Armórica (sensu lato), p. 273
  10. Stampfli, von Raumer & Borel 2002, Fig. 4e, p. 270

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]