O martirio de san Mauricio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 40°35′21″N 4°8′52″O / 40.58917, -4.14778

O martirio de san Mauricio
ArtistaDoménikos Theotokópulos, O Greco
Data1582
TécnicaPintura ó óleo sobre lenzo
MovementoManierismo
Dimensións445 cm × 294 cm
LocalizaciónMosteiro do Escorial (San Lorenzo de El Escorial)

O martirio de san Mauricio ou San Mauricio e a lexión tebana é unha importante obra El Greco da súa primeira etapa toledana. Foi encargada por Filipe II para o mosteiro do Escorial, onde sempre permaneceu.[1] El Greco, comezouno en 1580 e rematouno no outono de 1582, e o entregou persoalmente no Escorial o 16 de novembro.[2] Foi catalogado por Harold Wethey co número 265 no seu catálogo razoado de obras deste pintor.[3]

Contexto da obra[editar | editar a fonte]

Introdución á obra: adaptación de El Greco a Toledo[editar | editar a fonte]

Segundo Juan Agustín Ceán Bermúdez, con esta obra El Greco entra no seu "segundo camiño", que este autor considera "malo".[4] O certo é que en San Mauricio, desaparecen os derradeiros vestixios do espírito italiano porque hai un esquecemento completo das fórmulas italianas, mentres que o mestre ensaia un novo e estraño sistema que resalta o seu esaxerado módulo pictórico.

A partir deste traballo, xunto aos trazos propios do Manierismo, únense á obra de El Greco unhas particularidades propias do medio xeográfico e humano de Toledo. Influenciado pola violenta luminosidade do ceo sobre a terra monótona e gris da meseta castelá, a luz nas pinturas de El Greco adoita aparecer sen contrastes, sen transicións suaves, e a cor faise intensa e crúa. Os personaxes acentúan tamén unha maior intensidade de expresión e movemento, e aparece unha dureza e angulosidade nerviosa e excitada que, a miúdo, chega até a esaxeración.

Para chegar a este cambio coinciden certos factores. Por unha banda, a vitoria decisiva da influencia local, do ambiente español do século XVI, e dos tipos característicos casteláns, trasladados da realidade á pintura. Por outra banda, a progresiva intensificación das calidades innatas do mestre, que tamén puideron ter lugar en Italia, pero que se reafirmaron en Castela cunha singular forza.[5]

Xénese da obra[editar | editar a fonte]

Orixinalmente, a obra fora encargada a Juan Fernández de Navarrete (O Mudo) como retablo. Mai este, faleceu en Toledo, o 28 de marzo de 1579, sen chegar a rematar a sere de 32 pinturas que se lle encomendaran para a igrexa do mosteiro do Escorial, Pouco despois, en xuño de 1579, na festa do Corpus Christi, Filipe II visitou Toledo, e probablemente El Greco, que viña de se establecer na cidade, aproveitou a visita do monarca para lle ofrecer os seus servizos[6] e semella que conseguira a realización da obra.[7]

O "San Mauricio" estaba destinado a unha capela lateral da basílica do Escorial, concretamente a que estaba adicada ao santo,[8] formando un "pendant" co "Martirio de Santa Úrsula e as once mil virxes" encargado a Luca Cambiaso.[2]

A encarga do San Mauricio aparece por primeira vez nunha real cédula asinada polo monarca en Zorita o 25 de abril de 1580, no que daba instrucións precisas ao prior do mosteiro do Escorial coa fin de lle proporcionar ó pintor os materiais necesarios para levar a cabo o traballo. Por outra banda, Frei Andrés de León asegurárase de que non lle faltasen cartos suficientes a El Greco de tal xeito que recibiu varios adiantos monetarios. A pintura rematouse antes do 2 de setembro de 1582, mais non gustou a Filipe II,[9] que non entregou a obra ao prior do Escorial até o 17 de agosto de 1584; e no seu lugar colocouse outra versión do mesmo feito, obra de Rómulo Cincinato.

O prezo final da obra tivo que ser decidido por unha segunda taxación a cargo de Diego de Urbina e máis Rómulo Cincinato dado que El Greco non estivera de acordo co prezo da primeira taxación. Dado que o San Sebastián definitivo, colgado na igrexa do Escorial, fora obra de Rómulo Cincinato, é moi posible que este pintor e taxador influíse na opinión de Filipe II. Finalmente, a cantidade total cobrada por este traballo foi de 800 ducados.[10][11]

Análise da obra[editar | editar a fonte]

É un óleo sobre lenzo de 448 x 301 cm, segundo Wethey, e de 445 x 294 cm segundo o Patrimonio Nacional,[8] realizado entre 1580-82.[8] Está asinado con cursiva grega na parte inferior dereita do papel, colocado na boca dunha serpe. A serpe, poida que represente anto a prudencia coa que o cristián debía actuar no mundo, como a envexa que xa provocaba a incipiente fama do propio pintor.[12]

Temática[editar | editar a fonte]

Sinatura de El Greco en "O Martirio de San Mauricio"

Segundo a Lenda de ouro, Flos Sanctorum e outros textos de escasa validez histórica, Mauricio foi o líder da Lexión Tebana, que estaba formada por máis de 6.500 soldados coptos na rexión de Tebas (Exipto). Estando esta lexión en Agaunum, hoxe Saint-Maurice-en-Valais (Suíza), o emperador romano Maximiano ordenoulles participar nunha cerimonia pagá de sacrificio aos deuses antes de entrar en batalla. Mauricio e os seus oficiais: Cándido de Tebas, Xereón de Colonia, Urso, Victor, Exuperio de Agune e outros, negáronse, emocionados pola súa fe cristiá. Como a maioría dos lexionarios eran cristiáns, tamén se negaron, polo que tamén foron decimados; e dicir, serían axusticiados un de cada dez homes da lexión. Como se volveron negar por segunda vez, ordenou ao resto dos soldados que cercaran e mataran a tódolos lexionarios.[13]

Detalle dun tronco de árbore que está cortado pero que rebrota. Símbolo do masacre, mais tamén da futura resurrección dos lexionarios mortos.

Descrición[editar | editar a fonte]

O Greco mesturou unha lenda do cristianismo primitivo con personaxes contemporáneos seus, o que significa a resistencia do catolicismo fronte o paganismo e/ou outros inimigos, tanto de finais do século III coma do século XVI.

Mauricio aparece na parte diante, cunha armadura supostamente romana. Á dereita do cadro, san Exuperio leva un estandarte vermello. Outro oficial, de costas ao espectador, pode ser san Cándido. Estes dous oficiais asenten ás palabras de Mauricio, estendendo os seus brazos dereitos coas palmas das mans abertas. No medio deles está un criado que porta un casco. Mauricio e os seus oficiais están descalzos e vestidos de lexionarios romanos, pero detrás deles hai un personaxe calzado e cunha túnica amarela. Pode ser só unha figura simbólica, ou pode representar a Santiago o menor, que (segundo a Lenda dourada) predicara en Tebas e convertera, previamente, a lexión tebana ao cristianismo.[14]

San Mauricio, os seus oficiais e personaxes contemporáneos de El Greco, no primeiro plano do "Martirio de San Mauricio".

Os personaxes do século XVI son: o máis vello é Manuel Filiberto de Savoia, comandante das tropas españolas na batalla de san Quintín, e nomeado por Gregorio XIII Gran Mestre da Orde de San Mauricio.[15] Á súa dereita vemos a Alexandre Farnesio, que despois participou na Guerra de Flandres. Na escena de fondo, onde se desenvolve o martirio, está Xoán de Habsburgo e Blomberg, fillo natural de Carlos V, e vencedor da batalla de Lepanto. Estes personaxes vístense co uniforme militar do século XVI. Detrás del, vense a parte superior dunha morea de picas e alabardas, portadas por personaxes indeterminados. O mozo de barba rubia que mira cara ao espectador, adóitase considerar coma un autorretrato de El Greco.

O "rompemento de gloria" (visión momentánea do Ceo) está composta por anxos músicos, e outros con túnicas verdes, que levan follas de palma e unha coroa triunfal, destinados aos mártires. É de salientar a audacia dos escorzos dalgúns destes anxos que contrastan coa quietude e tranquilidade da parte terreal.

Detalle do " Rompemento de Gloria " do "Martirio de san Mauricio"

No fondo, lexionarios, espidos ou con túnicas transparentes, marchan en fileiras ao lugar onde escollen os que teñen que morrer. O verdugo está representado de costas ao espectador e cunha postura que lembra ás figuras de Michelangelo Buonarroti, mentres Mauricio conforta aos seus compañeiros e acolle nos seus brazos os corpos dos que son decapitados. Á dereita e esquerda do verdugo, represéntanse os admirables nus en escorzo de dous lexionarios decapitados. Volvemos ver a san Exuperio e outros personaxes contemporáneos de El Greco, vestidos co uniforme militar do século XVI.

A paisaxe[editar | editar a fonte]

El Greco só estaba interesado na espiritualidade da situación, polo que eludiu case completamente a súa contextualización. Colocou a escena nun outeiro rochoso, que está nun segundo plano nun lugar indeterminado, e no fondo aparecen algúns outeiros onde se amosan pequenas casetas. O lugar está completamente desprovisto de vexetación, agás o tronco dunha árbore tallada, situada fronte aos oficiais que conversan. Este tronco pode simbolizar tanto o masacre dos lexionarios nun segundo plano coma a súa futura Resurrección.[12] O ceo é azul brillante, con nubes brancas e na parte centro-esquerda hai un magnífico "rompemento de gloria" (apertura momentánea da dimensión celestial).

Intensificación realista neste obra[editar | editar a fonte]

Varias características da obra que poden parecer sorprendentes xa estaban presentes nas obras anteriores de El Greco, pero aquí intensifícanse e aparecen dun xeito moito máis radical:

  • nesta obra non hai algunhas pernas espidas, como en obras anteriores, senón que aparece unha longa serie delas que ocupan gran parte da pintura.
  • as figuras alongadas non son nin unha nin dúas como nos cadros anteriores, senón todas.
  • a luz fría e crúa non se limita a aspectos parciais como antes, senón que invade todo o cadro, dificultando ao espectador pouco atento admirar algúns fermosos detalles cromáticos.
  • aínda que os corpos dos personaxes en primeiro plano son musculosos e heroicos, as súas caras son impropias de mártires ou heroes clásicos, xa que son realistas, óseas e angulares, típicas dos personaxes casteláns contemporáneos de El Greco.

De feito, a actitude do grupo de primeiro plano, a pesar do vestiario militar e a aparencia de estatuas heroicas, semella máis típica dunha pintura de xénero, da que se diferencia, no entanto, pola expresiva individualidade de cada rostro, que a achega ao retrato pictórico. É moi interesante notar que o cretense consegue representar a tódolos personaxes do primeiro plano, non coma se levasen un disfrace, senón coma se fosen reais e, case, logra convertelos nos seus contemporáneos.

Nos planos posteriores, son remarcables a construción sólida e minuciosa de todo o conxunto, e a solidez de tantas figuras pequenas de soldados espidos, plasmadas e estudadas coma se fosen grandes. Segundo Manuel Bartolomé Cossío, todo isto débese á vitoria decisiva do españolismo e do naturalismo sobre o espírito de El Greco, o que provocou a recrudescencia e a intesificación das súas condicións innatas.[16][17]

Detalle do "Martirio de san Mauricio", onde presenciámo-la decapitación dun lexionario.

O sangue derramado[editar | editar a fonte]

Gregorio Marañón afirmou que El Greco case nunca foi morboso ao pintar sangue, nin sequera nas súas Crucifixións. Como moito, o mestre pintou unhas pingas simbólicas, que semellaban máis ben pedras preciosas. Na Crucifixión de Cristo do Museo do Prado, algúns anxos afánanse por seca-lo sangue da Cruz, e outro recolle con coidado o sangue derramado, porque é a preciosa promesa da Redención pola cruz.

Cabeza de san Mauricio, probabelmente unha obra de El Greco, inspirada no "Martirio de San Mauricio".

Neste Martirio de san Mauricio, obrigado a representar mártires, fíxoo do xeito máis sanguento posíbel. Así, ao representar a decapitación dun soldado da lexión tebana, non pintou unha única pinga de sangue, o que non podía convencer a Filipe II, que estaba interesado nunha pintura que trasladase á emoción inmediata, e non na que se amosara unha profunda reflexión e unha experiencia interior.[18]

Copias[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Wethey (1961), p. 151
  2. 2,0 2,1 Brown et alii (1982), p. 98
  3. Wethey (1967), pp. 152-153
  4. Cossío (2016), p. 145
  5. Cossío (2016), pp. 139 a 141
  6. Marañón (2014), pp. 58-59
  7. Schloz-Hansel (2003), p. 40
  8. 8,0 8,1 8,2 "El Martirio de San Mauricio y la Legión Tebana". patrimonionacional.es (en castelán). Consultado o 18 de abril de 2024. 
  9. Cossío (2016), p. 139
  10. Álvarez Lopera (2014), pp. 119-120
  11. Gudiol (1982), p. 97
  12. 12,0 12,1 Álvarez Lopera (2014), p. 124
  13. "Santos Mauricio, Exuperio, Cándido, Víctor y compañeros de la Legión Tebea, mártires". eltestigofiel.org (en castelán). 2012. Consultado o 20-2-2020. 
  14. Álvarez Lopera (2016), pp. 123-124
  15. Álvarez Lopera (2014), p. 126
  16. Cossío (2016), pp. 143-144
  17. Cossío (2016), pp. 145 a 148
  18. Marañón (2014), pp. 127-128
  19. Cossío (2016), pp. 148-149
  20. Wethey (1967), pp. 266 a 268

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]