Saltar ao contido

Pobo copto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo copto designa á vez unha lingua (tamén coñecida como copta), un pobo, un rito e unha igrexa. Procede da palabra grega Αίγύπτιος (Aigyptios, exipcio), deformada (con síncope fonética) polos coptos en Kuptios e, após a invasión árabe de 641, en قُبْط Qubṭ (ou قِبط Qibṭ). É esta última forma a que se adoptou nas linguas occidentais como etnónimo e tamén para a lingua.

Copto, (en copto: ⲟⲩⲢⲉⲙ̀ⲛⲭⲏⲙⲓ ̀ⲛ̀Ⲭⲣⲏⲥⲧⲓ̀ⲁⲛⲟⲥ) refírese aos cristiáns orixinarios de Exipto, en concreto aos membros da Igrexa Ortodoxa Copta. Porén, algúns historiadores árabes usan esta palabra para designar a todos os habitantes de Exipto con anterioridade á chegada do islam. Os cristiáns exipcios non usan esta palabra; chámanse simplemente "cristiáns". O termo resulta problemático tamén porque algúns úsanno para se referiren aos supostos descendentes auténticos dos antigos exipcios, que equiparan aos non musulmáns.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo grego para copto (Αίγύπτιος, Aigyptios) atópase en Lineal B (micénico, unha forma antiga do grego) como a3-ku-pi-ti-jo, como nome propio masculino xa co sentido de "exipcio". Esta forma micénica provén do exipcio ḥwt-k3-ptḥ ("Hut-ka-Ptah"), que significa "Casa (ou "Mansión") de Ptah" (cf. acadio āluḫi-ku-up-ta-aḫ), e era o nome do complexo de templos dedicados ao deus Ptah en Menfis. Sendo o nome do recinto de templos máis importante da capital de Exipto, o nome aplicouse primeiro á cidade e posteriormente a todo o país (situación parella á do nome de Menfis, que provén do nome exipcio do complexo de pirámides do faraón Pepi II).

Xa non se acepta unha teoría segundo a cal a palabra árabe qubṭ resultaba dunha arabización do nome grego da cidade de Κόπτος, Coptos (actual قفط, Qifṭ; Kebt e Keft en copta).

As referencias aos coptos en copta son tanto gregos como coptas en orixe. Coñecense as palabras kuptaion (no dialecto saídico) e kubti (no dialecto boárico) pero nos textos que posuímos refírense á lingua, non ao pobo. Ambas as dúas derivan do termo grego Αἴγύπτιος, Aigyptios. O termo copto "nativo" para referirse aos coptos era rem en kēme (en saídico), lem en kēmi (en faiúnico), rem en khēmi (en boárico) etc., isto é "xentes de Exipto" (cf. exipcio rmṯ n kmt, demótico rmt n kmỉ).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]