Nico de Haas
Retrato de Nico de Haas en 1942 | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Nicolaas de Haas 23 de xuño de 1907. Ámsterdam, Holanda Setentrional. Países Baixos |
Morte | 1995. Ámsterdam, Países Baixos |
País de nacionalidade | Neerlandés. |
Educación | MTS de Haarlem. |
Q89547790 | Deseño de moedas neerlandesas durante a ocupación nazi. |
Actividade | |
Ocupación | Deseñador gráfico, deseñador de moedas, fotógrafo, poeta. |
Empregador | Movemento Nacional Socialista nos Países Baixos, editor colaborador (1936–) De Arbeiderspers (en) Nederlands Verbond van Vakverenigingen (en) , editor colaborador |
Partido político | Movemento Nacional Socialista nos Países Baixos |
Membro de | |
Movemento | Neues Sehen (pt) |
Pseudónimo literario | Van Santduyn Elkar Nickel van Santduyn Elkar Nickel |
Carreira militar | |
Rama militar | Schutzstaffel |
Participou en | |
1 de agosto de 1936 | D.O.O.D. (en) |
Outro | |
Condenado por | colaboracionismo (pt) (1945) |
Cronoloxía | |
outubro de 1945-1 de xaneiro de 1951 | publication ban (en) |
Nicolaas de Haas, nado en Ámsterdam o 23 de xuño de 1907 e finado en 1995, foi un deseñador gráfico, fotógrafo, poeta e artista comunista e nacionalsocialista holandés.
A el débeselle o deseño das moedas emitidas polos Países Baixos durante a época da ocupación nazi.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nico de Haas naceu en Ámsterdam en 1907 nunha familia traballadora, fillo dun fontaneiro e unha ama de casa.[1]
Etapa comunista
[editar | editar a fonte]A súa adolescencia transcorreu no seu Ámsterdam natal. Nese período introduciuse en círculos radicais e de esquerdas e desde os 17 anos militou en grupos comunistas e socialistas como Moker e Kreet der Jongeren;[1] logo afiliouse ao Partido Comunista e colaborou no apartado gráfico de varias revistas, tanto vinculadas a ese partido como independentes.[2]
Estudou Arquitectura na Escola Técnica (MTS) de Haarlem, e co seu amigo Cas Oorthuys foi voluntario do Socorro Vermello Internacional.[1]
A principios da década de 1930 comezou a interesarse pola fotografía e converteuse no fotógrafo da clase obreira da súa cidade, dentro do grupo de fotógrafos Arfots. As súas fotografías publicáronse na revista do Socorro Vermello Internacional e na revista comunista De Tribune. De Haas chegou a se converter nun dos representantes máis sobranceiros da Nova Fotografía nos Países Baixos.[1]
Etapa nacionalsocialista
[editar | editar a fonte]A finais de 1936 deu nunha forte viraxe política e abandonou o movemento de artistas de esquerdas. Uniuse como redactor ao xornal Het Nationale Dagblad, órgano do Movemento Nacionalsocialista nos Países Baixos (NSB). Logo da invasión alemá de maio de 1940, foi redactor xefe de De vakbeweging, a revista da Confederación Neerlandesa de Sindicatos (NVV), da revista popular Hamer e de Storm, o semanario das Nederlandsche SS, organización á que se afiliou.[1][2]
En 1943 e 1944 publicou unha gran cantidade de poemas na revista literaria nazi Groot Nederland, que el mesmo dirixía, xunto con outros membros da SS. Nestes poemas amosa a proximidade ao popular e a súa aversión á burguesía.[1]
De Haas foi tamén responsable do deseño das moedas e do papel moeda emitidos polo Banco Central dos Países Baixos durante o dominio nazi, durante a segunda guerra mundial.[1]
A partir do inicio da liberación aliada dos Países Baixos, foi detido pola resistencia xunto co resto da redacción de Hamer, mais conseguiu fuxir e refuxiarse inicialmente en Alemaña, onde chegou a publicar unha novela en alemán: Tha-Kanee. En outubro de 1945, o Consello de Honra da Literatura determinou que, por mor da súa «actitude antipatriótica adoptada durante a ocupación», Nico de Haas tería «prohibido publicar e aparecer en público ata o 1 de xaneiro de 1951».[1] De Alemaña pasou a Francia e alistouse na Lexión Estranxeira, motivo polo que pasou longas tempadas nos territorios de Vietnam e de Alxeria controlados por Francia,[2] formando parte dunha unidade fotográfica e cinematográfica.[1]
En 1958 regresou a Alemaña e traballou como arquitecto, baixo o pseudónimo de Bernhard Berger —outro pseudónimo que utilizou na súa carreira foi Elkar Nickel—. Entre outros traballos, alí deseñou varias oficinas de correos e centrais telefónicas para o Deutsche Bundespost.[1] Logo da prescrición das acusacións contra el, puido volver aos Países Baixos, onde formou parte do grupo Der Vaderen Erfdeel e continuou coa súa actividade como deseñador.[2]
Nico de Haas finou en 1995.[1][2]
-
Reverso da anterior.
-
Reverso da anterior.
-
Reverso da anterior.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 "Nico de Haas". De Nederlandse Poëzie Encyclopedie (nederlandsepoezie.org).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Nico de Haas (1907-1995)". Franz Farwerck (farwerck.nl).
- ↑ "5 Cents - German Occupation". Numista.com
- ↑ "10 Cents - German Occupation". Numista.com
- ↑ "25 Cents - German Occupation". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nico de Haas |