Música da Paixón
A música da paixón é un xénero musical que consiste na musicalización dun texto relacionado directamente coa paixón e morte de Cristo. O texto baséase xeralmente nalgún dos catro evanxeos: segundo Mateu, Marcos, Lucas ou Xoán, aínda que tamén pode tomar elementos dos catro. Na maioría dos casos, con todo, preséntase a historia tal como aparece nun deles.
Tipos
[editar | editar a fonte]Existen diversos tipos de paixóns que se diferencian nas súas características formais:
- Paixóns responsoriais
- Paixóns motéticas
- Paixóns oratóricas ou concertantes
- Oratorios de paixón
Paixóns responsoriais
[editar | editar a fonte]Utilízase como base para a composición musical do texto dalgún dos catro evanxelistas, que é presentado por medio dun solista que alterna cun coro. A narración é presentada polo evanxelista, que é o solista principal. Pola súa banda, os personaxes que aparecen no transcurso da narración son interpretados por solistas ou ensambles a unha, dúas ou tres voces e a turba (os grupos máis grandes de persoas, como o pobo, o grupo de sacerdotes, o xentío, etc.) polo coro. É este o tipo de paixón máis antiga. En moitos casos, aparecen ao principio e ao final un coro introdutorio e un coro final que anuncian o inicio e o fin da paixón.
Paixóns motéticas
[editar | editar a fonte]O texto bíblico relacionado coa paixón dalgún dos evanxeos musicalízase na súa totalidade de forma polifónica, incluso a parte da narración. Ao principio e ao final da obra atópase un coro de entrada e outro de saída, que unicamente introducen ou marcan o final da mesma. Fóra destes dous coros, o único texto utilizado é o dalgún evanxeo (ou eventualmente a compilación dos catro). Seguindo a tradición do motete, a paixón divídese en varias seccións, que se diferencian entre elas porque en cada unha preséntase un novo motivo ou suxeito musical e porque o número de voces cambia. Neste sentido, a narración normalmente está musicada a 4 voces, os personaxes a 2 ou 3 e os coros a 4 ou 5. Algúns compositores que escribiron paixóns motéticas foron: Jacob Obrecht, Leonhard Lechner e Christoph Demantius.
Paixóns oratorias
[editar | editar a fonte]A partir das paixóns responsoriais e por influencia do oratorio, aparecen no século XVII as paixóns oratoricas. Nestas, os cantantes son acompañados polo baixo continuo ou por un grupo instrumental ou orquestra. Así mesmo, inclúense corais e arias con textos libres, que comentan os sucesos presentados no texto bíblico. Igualmente introdúcense elementos da ópera e do oratorio, como o recitativo seco e acompañado, as arias da capo, os ariosos, coros e pezas instrumentais. O texto bíblico preséntase normalmente en forma de recitativo seco, é dicir, acompañado unicamente polo baixo continuo, mentres alternan o narrador e os personaxes. Nalgunhas ocasións as palabras de Cristo son acompañadas tamén por cordas (Theile, Bach, Telemann). Entre os recitativos secos e as arias, ás veces atópanse recitativos acompañados con textos libres que introducen o contido das arias. A paixón oratorica ten practicamente as mesmas características musicais que o oratorio e en realidade, é só unha variante do mesmo. As paixóns oratoricas máis importantes son a Paixón segundo San Xoán de Georg Böhm, a Paixón segundo San Marcos de Reinhard Keiser, diversas paixóns de Telemann (46 en total), paixóns como a Paixón segundo San Mateu, BWV 244 e a Paixón segundo San Xoán, BWV 245 de Johann Sebastian Bach, as musicalizacións da paixón de Barthold Heinrich Brockes por Georg Friedrich Händel, Johann Mattheson, Gottfried Heinrich Stölzel, etc.
Oratorios de paixón
[editar | editar a fonte]No século XVIII e XIX aparece un tipo especial de paixón, que non utiliza directamente o texto dalgún dos evanxeos, senón só textos libres relacionados co sufrimento e a morte de Cristo. A súa estrutura e concepción son relativamente libres e non seguen necesariamente a secuencia de sucesos segundo as narracións bíblicas. Tal é o caso do oratorio Der Tod Jesu (A morte de Jesús) de Carl Heinrich Graun ou do Passions-Pasticcio, unha compilación con música de Graun, Bach e Telemann, entre outros.
Historia
[editar | editar a fonte]A lectura da Paixón dalgún dos Evanxeos durante a Semana Santa existe desde polo menos o século IV.[1] No século V o Papa León I o Magno especificou que o Evanxeo de Mateu fose usado o Domingo de Ramos e o mércores seguinte e que o de Xoán o fose o Venres Santo. En torno ao século X Lucas substituíu a Mateu o mércores e Marcos foi engadido o Xoves. A paixón empezou a ser elevada (máis ben que só falada) na Idade Media, polo menos tan axiña como no século VIII. Hai manuscritos do século IX que indican canto interpretativo, e manuscritos posteriores empezan a especificar as notas para ser cantada. Polo século XIII usábanse diferentes personaxes na narración, unha práctica que chegou a ser bastante universal durante o século XV, cando as versións polifónicas das pasaxes de turba empezaron a intervir tamén, (a palabra turba úsase neste caso para indicar calquera texto no cal máis dunha persoa fala simultaneamente).
A fórmula do actual Gradual Romano era a máis usada habitualmente, con Cristo cantando no rexistro máis baixo e Synagogus (que denota non só ao sumo sacerdote senón a todos os caracteres distintos de Cristo) cantando máis alto que o evanxelista narrador.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Anónimo (1963). Peregrinación de Egeria - Diario de un viaje a Tierra Santa en el siglo IV. Aguilar.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Johann Sebastian Bach Pasión según San Mateo, BWV 244, material multimedia interativo da obra completa.
- Música de Pasión: emisión do 10 de abril del 2009 de Música antigua, programa de Radio Clásica.
- Passio Domini Nostri: emisión do 22 de abril del 2011 de Música antigua.
- Passio Domini Nostri Jesu Christi: emisión do 11 de abril del 2017 de Música antigua.
- Passio Domini Nostri: emisión do 27 de marzo de 2018 de Música antigua.
- Stabat Mater: emisión do 16 de abril de 2019 de Música antigua.