Georg Böhm

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Georg Böhm
Nacemento2 de setembro de 1661
 Hohenkirchen
Sacro Imperio Romano Xermánico
Falecemento18 de maio de 1733
 Lüneburg
Sacro Imperio Romano Xermánico
NacionalidadeSacro Imperio Romano Xermánico
Educado enUniversidade de Jena
Instrumento(s)Órgano, clavicémbalo
Na rede
Spotify: 1q4mbPu6sgHJoUrTNxF6vx Musicbrainz: ea547ae6-8ab1-48b2-b1a9-70a638d2ad26 Discogs: 983599 IMSLP: Category:Böhm,_Georg Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Georg Böhm, nado o 2 de setembro de 1661 en Hohenkirchen (daquela pertencente ao Sacro Imperio Romano Xermánico e actualmente en Turinxia, Alemaña) e finado o 18 de maio de 1733 en Lüneburg, foi un compositor e organista alemán do Barroco. É especialmente destacado polo seu desenvolvemento da partita coral e pola súa influencia no xove Johann Sebastian Bach.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Böhm naceu o 2 de setembro de 1661 en Hohenkirchen. Recibiu as súas primeiras leccións musicais da man de seu pai, un mestre e organista que morreu en 1675. Tamén puido ter recibido leccións de Johann Heinrich Hildebrand, cantor en Ohrdruf, que foi alumno de Heinrich Bach e Johann Christian Bach. Logo da morte de seu pai, Böhm estudou na Lateinschule de Goldbach, e posteriormente no Gymnasium de Gotha, onde se graduou en 1684. Ambas as cidades tiñan cantores que foran ensinados polos mesmos membros da familia Bach que puideron ter influenciado a Böhm. O 28 de agosto de 1684 Böhm entrou na Universidade de Jena. Pouco se sabe dos seus anos na universidade ou sobre a súa vida despois da graduación. Só reapareceu en 1693, en Hamburgo. Non sabemos nada de como era a súa vida alí, mais suponse que foi influenciado pola vida musical da cidade e os seus arredores. En Hamburgo eran frecuentes as representacións de óperas francesas e italianas, mentres que no terreo da música sacra, Johann Adam Reincken, da Katharinenkirche (Igrexa de Santa Catarina) foi un dos principais organistas e compositores de música para teclado do seu tempo. Böhm puido ter escoitado tamén a Vincent Lübeck na achegada Stade, ou posiblemente a Dieterich Buxtehude en Lübeck, que tamén estaba próxima a Hamburgo.[1]

En 1698 Böhm sucedeu a Christian Flor como organista da principal igrexa de Lüneburg, Johanniskirche (Igrexa de San Xoán). Pouco despois da morte de Flor en 1697, Böhm presentouse a unha audición para o posto, mencionando que non tiña un posto fixo no momento. Axiña foi aceptado polo consello da cidade, trasladándose a Lüneburg e ocupando o posto ata a súa morte. Casou e tivo cinco fillos.[1] Entre 1700 e 1702 puido ter coñecido e mesmo titorizado a Johann Sebastian Bach, quen chegou a Lüneburg en 1700 e estudou na Michaelisschule, unha escola asociada á Michaeliskirche (Igrexa de San Miguel).[2] Practicamente non existe evidencia directa que probe que Bach estudara con Böhm, e de feito o estudo co organista da Johanniskirche tería sido difícil para un alumno da Michaelisschule, xa que había rivalidade entre os dous coros. Aínda que esta aprendizaxe é moi probable. Nun escrito de Carl Philip Emmanuel Bach dirixido a Johann Nikolaus Forkel en 1775, afirmou que seu pai amaba e estudou a música de Böhm, e unha corrección na súa nota mostra que o seu primeiro pensamento era dicir que Böhm fora profesor de Johann Sebastian.[2] O 31 de agosto de 2006 anunciouse o descubrimento dos primeiros manuscritos coñecidoos de Bach, un deles (unha copia da famosa fantasía coral An Wasserflüssen Babylon de Reincken) indica "Il Fine â Dom. Georg: Böhme descriptum ao. 1700 Lunaburgi". O "Dom." pouco pode suxerir a parte de "domus" (casa) ou "Dominus" (mestre), mais en calquera caso proba que Bach coñecía persoalmente a Böhm.[3] Esta conexión debe terse convertido nunha amizade achegada que durou moitos anos, xa que en 1727 Bach nomeou nada menos que a Böhm como o seu axente no norte para a venda das partitas para teclado nos. 2 e 3.[2]

Böhm morreu o 18 de maio de 1733 á avanzada idade de 71 anos. O seu fillo Jakob Christian, que herdara o seu posto, morreu xove. O posto foi finalmente para Ludwig Ernst Hartmann, Böhm o seu xenro.[1]

Obra[editar | editar a fonte]

Böhm é coñecido principalmente polas súas composicións para frauta, órgano e clavicémbalo (principalmente preludios, fugas, e partitas). Moitas das súas obras foron compostas con flexibilidade sobre os instrumentos en mente: unha obra podía ser interpretada no órgano, no clavicémbalo, ou no clavicordio, dependendo da situación na que se encontrase o instrumentista. A música de Böhm destaca polo seu uso do stylus phantasticus, un estilo interpretativo baseado na improvisación.

A contribución máis importante de Böhm á música para teclado do Norte de Alemaña foi a partita coral, unha composición a grande escala consistente en varias variacións dunha melodía coral en concreto. Foi Böhm quen efectivamente inventou o xénero, escribindo varias partitas de diversa duración e sobre temas diversos. Compositores posteriores tamén desenvolveron o xénero, especialmente Johann Sebastian Bach. As partitas corais de Böhm contan cunha figuración sofisticada en varias voces sobre a estrutura harmónica do coral. As súas partitas teñen xeralmente un carácter rústico e poden levarse a cabo con éxito en calquera órgano ou clavicémbalo.

Gravacións[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 McLean, Grove.
  2. 2,0 2,1 2,2 Wolff, Grove.
  3. Williams 2007, 375.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • McLean, Hugh J. "Böhm, Georg", Grove Music Online, ed. L. Macy (consultado o 23 de marzo de 2006), grovemusic.comArquivado 16 de maio de 2008 en Wayback Machine. (require subscrición)
  • Williams, Peter F. 2007. J.S. Bach: A Life In Music. Cambridge University Press. 9780521870740
  • Waldschmidt, Carl L. Georg Böhm: his Life and Works, diss., Northwestern U., 1963.
  • Cumrine, Carol Ann. The Keyboard and Vocal Settings of Georg Boehm: an Analysis of Style as Dictated by Text, diss., Syracuse U., 1972.
  • Verkade, Gary G. Georg Böhm: Vater unser in Himmelreich á claviers et pedal: the Concept of Order, diss., U. of Iowa, 1987. (Another title: The Concept of Order in the Keyboard Works of Georg Böhm.)
  • Müller-Buscher, Henning. Georg Böhms Choralbearbeitungen für Tasteninstrumente. Laaber, 1979. ISBN 3-921518-07-5. (en alemán)
Discusses in-depth most of Böhm's chorale settings, including the main themes in each. There is a fair amount of related discussion as well, including aspects of Böhm's life.

For a more complete list, see bibliography in McLean.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]