Amorodeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amorodeira (xénero Fragaria)
Amorodeiras en Bastavales, Brión
Amorodeiras en Bastavales, Brión
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Xénero: ''Fragaria''
L. 1735
Especies

Ver texto.

Amorodeira ou moroteira é o nome común usado para designar as plantas do xénero Fragaria, un xénero con varias especies de plantas rastreiras. O nome do xénero deriva da fragrancia que posúe (fraga, en latín). Son cultivadas polo seu froito comestible chamado amorodo. As variedades cultivadas comercialmente son polo xeral híbridos, en especial Fragaria x ananassa, que substituíu case universalmente á especie silvestre, Fragaria vesca (amorodeira brava), polo superior tamaño dos seus froitos.

Características[editar | editar a fonte]

Planta perenne que produce brotes novos cada ano.

Presenta unha roseta basal de onde xorden as follas e os talos florais, ambos da mesma lonxitude. Os talos florais non presentan follas. No seu ápice aparecen a flores, de cinco pétalos brancos, cinco sépalos e numerosos estames. Os pecíolos das follas son filosos. Cada un soporta unha folla composta con tres folíolos ovais dentados. Estes son de cor verde brillante pola face e máis pálidos polo envés, cunha nervadura moi destacada e abundante pilosidade. Da roseta basal xorden tamén outro tipo de talos rastreiros que producen raíces adventicias de onde nacen outras plantas.

Froito[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Amorodo.
O amorodo é un eterio típico cheo de aquenios

O que se consome desta planta é un eterio de cor vermella, doce e aromático, un engrosamento do receptáculo floral cuxa función é conter dentro de si os froitos verdadeiros da planta, pequenos aquenios de cor escura que en número de entre 150 e 200 alóxanse en cada eterio.

Propiedades nutricionais[editar | editar a fonte]

Unha cunca (100 g) de amorodos contén aproximadamente 34,5 calorías e é unha excelente fonte de vitamina C e vitamina P ou bioflavonoides.

Composición por cada 100 g comestible:

  • Calorías 34,5
  • Auga 85%
  • Hidratos de carbono (g) 7
  • Fibra (g) 2,2
  • Potasio (mg) 150
  • Magnesio (mg) 13
  • Calcio (mg) 30
  • Vitamina C (mg) 60
  • Folatos (µg) 62
  • Vitamina E (mg) 0,2

Clasificación[editar | editar a fonte]

Coñécense máis de 20 especies de Fragaria, que varían en canto ao número de cromosomas, amosando unha importante poliploidía. As especies silvestres máis comúns son diploides, exhibindo dous xogos de sete cromosomas; outras son tetraploides ou hexaploides, e os híbridos máis resistentes son octoploides e aínda decaploides. Darrow (1966) sinalou que as especies con máis cromosomas tenden a ser máis robustas e producir froitos de maior tamaño. De entre os amorodos máis comercializados, atopamos tres tipos:

- A amorodo, caracterizada polo seu pequeno tamaño, cun diámetro de sección ecuatorial ao redor de 20mm.

- O amorodo camarosa, caracterizado polo seu gran tamaño, firme e vermello. Destaca pola súa boa calidade e a súa resistencia.

- O amorodo douglas, caracterizado polo seu tamaño máis grande e en forma de globo, deformado na súa crista. Ten unha cor vermella intenso e brillante, a miúdo coa punta rosada.

Especies diploides
Especies tetraploides
Especies hexaploides
Especies e híbridos octoploides
Especies e híbridos decaploides

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Porción de torta de amorodo.
Licor

Fragaria cultívase sobre todo polo seu uso en gastronomía. O amorodo é unha froita do bosque adecuada en réximes dietéticos, dado que ten escasa concentración de glícidos. Consómense soas ou mesturadas con azucre, azucre e viño, azucre e nata, en xeados, marmeladas e tamén son moi apreciadas en repostaría como doces, pasteis, tortas, a súa cor vermella vivo dá un toque especial como adorno alimenticio. Co amorodo faise unha bebida alcohólica composta de augardente denominada licor de amorodos.

As follas tenras pódense consumir como verdura, aínda que é infrecuente ese uso. As follas deben recollerse cando a planta estea ben florida; as raíces, cando se atope a piques de secarse; e os froitos ben maduros, de cor rosada intensa. Sempre se debe conservar á sombra e nun lugar apartado da calor e da humidade.

Medicinal[editar | editar a fonte]

Emprégase tamén como planta medicinal, coas seguintes propiedades:

  • Dieuréticas e antirreumáticas: tres a catro cuncas diarias da infusión das follas e as raíces axúdannos contra o ácido úrico e a artrite.
  • Anticolesterol: a gran cantidade de ácido ascórbico, así como de lecitina e pectina contida nos seus froitos, fana ideal para diminuír o nivel de colesterol do sangue.
  • Antiinflamatorias: unha infusión das follas é beneficiosa para as inflamacións do intestino. A cocción das raíces axuda a diminuír as inflamacións artríticas.
  • Astrinxentes: beber tres a catro cuncas diarias da cocción das súas follas é útil contra a diarrea. As infusións de follas secas son moi astrinxentes e poden utilizarse para curar as chagas da boca.
  • Mineralizantes: os seus froitos, moi ricos en vitamina C, teñen virtudes antianémicas e reconstituíntes. Resultan moi adecuados na época de crecemento.
  • As follas machucadas e aplicadas sobre a pel constitúen un bo remedio para evitar as engurras.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Amorodeira