Moeda de 2.000 pesetas de 1997
2000 pesetas de 1997 [1][2] | |
---|---|
A/: Cabeza espida de Xoán Carlos I cara á esquerda. Data.
Lenda: JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA |
R/: Don Quixote e Sancho montando a Rocinante e Rucio. Retrato de Cervantes Marca de ceca (M).
LENDA: 2000 PTAS / 1547 / 1997. |
|
A moeda de 2.000 pesetas de 1997 é unha moeda española de prata dese valor facial emitida pola FNMT para conmemorar o 450º aniversario do nacemento do escritor español Miguel de Cervantes Saavedra, que naceu en Alcalá de Henares o 29 de setembro de 1547.
Trátase da cuarta emisión da serie de moedas circulantes de 2.000 pesetas de prata, iniciada en 1994.
Marco lexislativo[editar | editar a fonte]
Mediante unha Orde do 17 de abril de 1997, publicada no Boletín Oficial do Estado do 19 de abril, acordouse a emisión, a cuñaxe e a posta en circulación dunha moeda de 2.000 pesetas de prata con data 1997, conmemorativa do 450º aniversario de Miguel de Cervantes.[1]
Conforme establecía a Orde, a moeda era de curso legal e debía ser proporcionada polas entidades bancarias ao seu valor facial,[1] aínda que a súa circulación foi escasa, dada a súa curta tiraxe final —2.587.750 exemplares—[3] e tendo en conta que naquel momento existía xa un billete de 2.000 pesetas de uso moi común, polo que a maioría dos exemplares foron retirados da circulación polos coleccionistas numismáticos e pola poboación en xeral, a modo de recordo.[4]
A norma establecía tamén que "esta moeda será admitida nas caixas públicas sen limitación, e entre particulares ata 20.000 pesetas, calquera que for a contía do pagamento".[1]
Caracterización[editar | editar a fonte]
O seu anverso, deseñado e gravado por Manuel Martínez Tornero, amosa un busto de perfil de Xoán Carlos I (1975-2014) ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda JUAN CARLOS I REY DE ESPAÑA e a data de 1997. O conxunto está encerrado por unha grafila lisa.[1][2]
Pola súa banda, o motivo central do reverso, obra de Luis José Díaz Salas, é unha representación do conxunto escultórico que forma parte do monumento dedicado a Miguel de Cervantes e que se atopa na Praza de España, en Madrid,[1][2] creado polo escultor Lorenzo Coullaut Valera no primeiro terzo do século XX.[5][6]
Completan o reverso, á esquerda un retrato de Miguel de Cervantes dentro dun óvalo, tomado do atribuído a Juan de Jáuregui e pintado cara a 1600, e tamén un M coroado a modo de marca de ceca da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre. Na parte superior a indicación do valor facial da moeda, 2000 pesetas, e na inferior as datas da conmemoración, 1547 1997, separadas por unha imaxe latente na que, en función da orientación, se pode ver novamente a marca de ceca ou as dúas cifras derradeiras do ano de emisión: 97. En lugar da forma circular habitual, a imaxe latente ten nesta moeda forma dun libro aberto.[1][2]
A moeda de 2.000 pesetas foi desmonetizada o 28 de febreiro de 2002,[2] e en xuño de 2021 concluíu o prazo para a cambiar polo seu valor nas entidades bancarias.[4]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Orde do 17 de abril de 1997". BOE Nº 102, 19 de abril de 1997. Páxina. 13.619-13.620.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "2000 Pesetas - Juan Carlos I Cervantes". Numista.com
- ↑ "Moneda de 30 euro / 20 euro / 12 euro / 2.000 pesetas". FNMT - Casa de la Moneda (FNMT.es).
- ↑ 4,0 4,1 López, F. J. (2023). "Moneda de 2000 pesetas de 1997: Valor y Precio". Coleccionismodemonedas.com. 4 de maio.
- ↑ "Miguel de Cervantes. Grupo escultórico. Monumento". Monumentamadrid.es.
- ↑ "Lorenzo Coullaut Valera. Monumento a Cervantes". Album-online.com
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Lamas Bolaño (2023). Catálogo enciclopédico de monedas de España 2024. Lamas Bolaño, Barcelona. ISBN 978-8409545193