Moeda-machada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moeda-machada de Ecuador, dos séculos X a XIV (Museo de Prehistoria de Valencia).

A moeda-machada é unha forma premonetaria de bronce utilizada tanto na Mesoamérica occidental como na zona norte dos Andes, propia da época precolombiana.

Sobre a base de análises etnohistóricas, arqueolóxicas, químicas e metalúrxicas, os estudosos Hosler, Lechtman e Holm defenron o seu uso en ambas as rexións —separadas por milleiros de quilómetros— a través do comercio. Máis concretamente, arguméntase que o sistema monetario xurdiu por primeira vez na costa norte do Perú e de Ecuador a principios do segundo milenio a.C. En ambas as rexións, o bronce fundíase, probablemente por unidades familiares, e martelábase en formas delgadas, como a da machada, e agrupábase en múltiplos de cinco, normalmente vinte unidades.[1]

Como revela o feito de que se achen adoito en soterramentos, semella probable que, ademais do seu previsible uso económico, tamén tivesen valor cerimonial.[1][2]

Tradicións metalúrxicas[editar | editar a fonte]

En varias ocasións, suxeríronse vínculos prehistóricos entre Mesoamérica e os Andes. O estilo da cerámica temperá mesoamericana e ecuatoriana amosa algunhas similitudes, tanto na técnica como nos motivos. Así mesmo, sinaláronse similitudes nos primeiros estilos de soterramento —as chamadas "tumbas de pozo"— presentes en Ecuador e na Mesoamérica occidental. Mesmo chegou a postularse que as orixes do pobo Purépecha en Michoacán se achan en América do Sur. No entanto, ningunha destas propostas é amplamente aceptada polos especialistas. Máis aceptada é a influencia da metalurxia suramericana en Mesoamérica.[3][4][5][6]

A metalurxia suramericana propiamente dita pódese dividir en dúas tradicións: unha no Perú, o sur de Ecuador e Bolivia, que utilizaba o cobre, o estaño, a prata, o ouro e o arsénico en diversas aliaxes e con distintos usos; e unha segunda en Colombia e a parte sur de América do Sur —a coñecida como Área Intermedia—, que recorría ao ouro e ao cobre, con fins máis artísticos que utilitarios. A tradición metalúrxica do occidente de Mesoamérica, malia estar xeograficamente máis próxima á Área Intermedia, está moito máis ligada na súa forma e na súa función á tradición do sur de Ecuador. A forma e o método de crear aneis de metal entrelazados son idénticos en ambas as tradicións, e mesmo o seu contexto arqueolóxico —colocados arredor do cranio nos soterramentos— é notablemente similar. Anzois, agullas e pinzas tamén aparecen nas dúas tradicións. Porén, a tradición de fundición en cera da Área Intermedia, que se estendeu a outras partes de Mesoamérica, tamén resultou influente no contexto mesoamericano occidental, como na creación de campás de aliaxe de cobre e ouro.[7]

Comercio entre Ecuador e México[editar | editar a fonte]

Moeda-aixada de México (séculos XIV-XV), similar á moeda-machada ecuatoriana (Museo de Prehistoria de Valencia).

Coñécese polos primeiros relatos dos españois que os nativos ecuatorianos utilizaban balsas provistas de velas para viaxar pola costa norte andina e comerciar. De feito, dise nos relatos etnohistóricos que o primeiro rei de Lambayeque, onde se sabe que se fabricaban as moedas-machada, chegou á cidade en balsa. As orixes destes comerciantes deberon estar nos pobos Chincha, do Perú, e Manteño, de Ecuador. Ademais, existen sólidas evidencias arqueolóxicas do comercio de cunchas de Spondylus, que se poden recoller entre o Golfo de Guayaquil, en Ecuador, e o golfo de México, no altiplano andino, durante a cultura Chavín. Por outra parte, os relatos de época do río Balsas, no oeste de México, informan de que os pais e os avós dos homes da zona fixeran negocios con comerciantes en canoa, que ás veces pasaban ata medio ano na zona. No entanto, aínda non existen probas arqueolóxicas sólidas da presenza de ecuatorianos en México, nin viceversa.[7][8]

Xa que logo, este sistema de comercio era antigo. Dewan e Hosler suxiren que estes comerciantes operaban ao longo da costa andina desde Colombia, no norte, ata Chile, no sur, xa no ano 100 a.C. Utilizando modelos matemáticos, demostran que é hipoteticamente posible que as balsas navegasen non só ao longo das rutas costeiras, senón por mar aberto entre Ecuador e Michoacán.[9] Unha proposta anterior realizada por Coe suxire unha ruta comercial máis próxima á costa.[3][10]

Hosler postula que os comerciantes de América do Sur introduciron as técnicas metalúrxicas no oeste de México en dúas quendas. A primeira entre ca. 800 e 1250 d.C., e a segunda entre ca. 1250 e a conquista española. Foi durante o segundo período cando se atoparon moedas machada no oeste de México, aínda que se acharon formas anteriores en contextos datados en 800 d.C. en Ecuador. Porén, aínda que ambas as tradicións suramericanas influíron no oeste de México, os trazos e os estilos idiomáticos xurdiron na rexión a partir das tradicións importadas.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Hosler, D.; Lechtman, H.; Holm, O. (1990).
  2. Bruhns, K. O. (1994). Páxinas 178-179, 297.
  3. 3,0 3,1 Coe, M. D. (1960). "Archeological Linkages with North and South America at La Victoria, Guatemala". En American Anthropologist. Vol. 62. Nº 3. Páxinas 363-393.
  4. Evans, S. T. (2004). Ancient Mexico and Central America. Archaeology and Culture History. Thames & Hudson, Londres. Páxinas 106, 156, 362. ISBN 978-0500290668
  5. Bruhns, K. O. (1994). Páxina 367.
  6. Malmström, V. H. (1995). "Geographical Origins of the Tarascans". En Geographical Review. Vol. 85. Nº 1. Páxinas 31-40.
  7. 7,0 7,1 7,2 Hosler, D. (1988). "Ancient West Mexican Metallurgy: South and Central American Origins and West Mexican Transformations". En American Anthropologist. Vol. 90. Nº 1. Páxinas 832-855.
  8. Bruhns, K. O. (1994). Páxinas 293, 367.
  9. Dewan, L.; Hosler, D. (2008). "Ancient Maritime Trade on Balsa Rafts: An Engineering Analysis". En Journal of Anthropological Research. Vol. 64. Nº 1. Páxinas 19-40.
  10. Bruhns, K. O. (1994). Páxina 293.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]