Mirza Ghalib

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Mirza Ghalib
Mirza Ghalib photograph 3.jpg
Alcumeمرزا غالب
Nacemento27 de decembro de 1797
 Kala Mahal, Agra - आगरा e Bharatpur State
Falecemento15 de febreiro de 1869
 Ghalib ki Haveli, sen etiquetar, Old Delhi e Delhi
NacionalidadeImperio Mogol e Raj Británico
RelixiónXiismo duodecimano
Ocupaciónpoeta, escritor, prosista e Lexicografía
Paisen etiquetar
Naisen etiquetar
Cónxuxesen etiquetar
editar datos en Wikidata ]

Ghalib (en urdú: غاؔلب; hindi: ग़ालिब) nado como Mirza Asadullah Beg Khan (en urdú: مرزا اسد اللہ بیگ خان; hindi: मिर्ज़ा असदुल्लाह् बेग़ ख़ान) en Agra o 27 de decembro de 1797 e finado en Delhi o 15 de febreiro de 1869,[1] foi un destacado[2] poeta en lingua urdú e persa dos últimos tempos do Imperio Mongol. Os seus pseudónimos eran Ghalib (en urdú, غالب, ġhālib, "dominante") e Asad (en urdú, اسد, Asad, "león"). O seu nome honorífico era Dabir-ul-Mulk, Najm-ud-Daula. Durante a súa vida os mongois foron desprazados polos británicos e finalmente depostos logo de ser vencida a Rebelión na India de 1857, eventos que Ghalib narrou.[3] Entre as súas obras destacaron os diversos ghazal que escribiu durante a súa vida, que foron interpretados e cantados de numerosas maneiras por múltiples intérpretes.

Ghalib está considerado un dos poetas máis populares e influentes en urdú, sendo moi popular non só na India e Paquistán senón tamén entre a diáspora hindustana por todo o mundo.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ghalib comezou a escribir poesía aos once anos. A súa lingua materna era o urdú, aínda que na casa tamén se falaba persa e turco. Dende moi novo foi educado en persa e árabe. Cando Ghalib comezaba a súa adolescencia, un viaxeiro iraniano musulmán acabado de converter, o zoroastro Abdus Samad, orixinariamente co nome Hormuzd, chegou a Agra. Abdus aloxouse na casa de Ghalib por dous anos e ensinoulle filosofía e lóxica.[5]

Se ben o propio Ghalib estaba máis orgulloso das súas poesías en persa,[6] na actualidade é máis coñecido polos seus ghazal en urdú. Escribíronse numerosos tratados e recompilacións dos ghazal de Ghalib por parte de estudosos urdús. O primeiro tratado ou Sharh foi escrito por Ali Haider Nazm Tabatabai de Hyderabad durante o reinado do último Nizam de Hyderabad. Antes de Ghalib, o ghazal era en esencia unha expresión dun amor angustiado, mais Ghalib, a través do ghazal expresou filosofía, e os traballos e misterios da vida e escribiu ghazal sobre moitos outros temas, expandindo amplamente o alcance do xénero.

Segundo as tradicións do ghazal clásico, na maioría dos versos de Ghalib, a identidade e o xénero do ser amado é indeterminado. O crítico, poeta e escritor Shamsur Rahman Faruqui indicou[7] que a convención de ter a "idea" dun amante ou ser amado en vez dun amante ou ser amado específico libera o poeta, protagonista, amante das esixencias do realismo. A poesía sobre o amor en urdú dende finais do século XVII en adiante consiste principalmente en "poemas sobre o amor" e non "poemas de amor" no sentido occidental da expresión.

Cartas[editar | editar a fonte]

Páxina dunha carta manuscrita de Ghalib
Tumba de Mirza Ghalib en Delhi

Mirza Ghalib era un consumado escritor de cartas.[8] Da autoría de Mirza Ghalib cóntanse non só poesías en urdú, senón tamén fragmentos de prosa. As súas cartas foron a base do urdú popular. Antes de Ghalib, as cartas escritas en urdú eran moi ornamentadas, en cambio Ghalib facía que as súas cartas "falasen" mediante o uso de palabras e oracións como se estivese conversando co seu lector. Segundo expresou: Sau kos se ba-zaban-e-qalam baatein kiya karo aur hijr mein visaal ke maze liya karo ("Dende centos de millas fala coa lingua da pluma e goza da ledicia do encontro aínda cando esteas separado").

As súas cartas eran moi informais; ás veces só escribía ao comezo o nome da persoa á que ía dirixida e comezaba a carta. Tiña moi bo humor e escribiu cartas moi interesantes. Nunha delas expresou: "Main koshish karta hoon ke koi aisi baat likhoon jo padhe khush ho jaaye'" ("Quero escribir liñas tales que quen sexa que as lea as poida gozar"). Algúns estudosos afirman que aínda que só fose polas súas cartas, Ghalib ocuparía o mesmo sitio que ten na literatura urdú.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Varma, Pavan K. (1989). Ghalib, The Man, The Times. New Delhi: Penguin Books. p. 86. ISBN 0-14-011664-8. 
  2. "Mirza Asadullah Khan Ghalib". Brittanica. Consultado o 12 de xullo de 2014. 
  3. "Remembering 1857 in 2007 - The Times of India". The Times of India. Consultado o 20 de maio de 2013. 
  4. "Ghalib in California". Dawn. Consultado o 20 de maio de 2013. 
  5. "Mirza Ghalib.". Megajoin.com. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2012. Consultado o 20 de maio de 2013. 
  6. Thackston, Wheeler: "A Millennium of Classical Persian Poetry," Ibex Publishers Inc. 1994, p.98
  7. "Shamsur Rahman Faruqui explains" (PDF). 
  8. "Page at". Hinduonnet.com. 6 de maio de 2003. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2011. Consultado o 20 de maio de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Urdu letters of Mirza Asaduʼllāh Khan Galib, traducido por Daud Rahbar. SUNY Press, 1987. ISBN 0-88706-412-4.