Miguel Ángel Ríos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMiguel Ángel Ríos
Biografía
Nacemento1935 Editar o valor em Wikidata (88/89 anos)
A Ponte Ulla, España Editar o valor em Wikidata
Presidente Real Academia Galega de Ciencias
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Formación profesionalLicenciado e Doutor en Ciencias Químicas
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónquímico , investigador Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Santiago de Compostela, investigador Editar o valor em Wikidata
Membro de
Premios
Insignia de Ouro da USC

Dialnet: 3031946

Miguel Ángel Ríos Fernández, nado na Ponte Ulla (Vedra) en 1935, é un científico galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Miguel Ángel Ríos estudou Ciencias Químicas na Universidade de Santiago de Compostela, acadando a licenciatura en 1964. Foi bolseiro da Fundación Juan March, e especializouse na Universidade de Kent. Acadou o Premio Extraordinario de Licenciatura e de Doutoramento.[1] Despois do seu doutoramento, gañou a cátedra de Química Física da USC, que exerceu até a súa xubilación. Tras a súa xubilación foi nomeado Catedrático Emérito de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela.[1]

Ríos Fernández foi o impulsor da Química Cuántica en Galicia; no seu laboratorio instalouse o primeiro ordenador vectorial en Galicia, un Convex C-120, e baixo a súa dirección directa formaronse 5 Catedráticos de Universidade e 7 Profesores Titulares das tres Universidades galegas. Dirixiu numerosas teses de doutoramento e publicou un número elevado de traballos de investigación en revistas científicas de prestixio internacional. Traduciu do inglés un texto de referencia en Química Física. Foi o Coordinador do COU 1970 que, con carácter experimental, se celebrou nas cidades de Santiago, Ourense e Lugo, organizado polo ICE (Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago), director do Centro de Cálculo Pedro Barrié de la Maza da Universidade de Santiago, secretario da Facultade de Ciencias de Santiago de Compostela, xefe da División de Investigación do ICE, Vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado e candidato a Reitor da USC, director do Departamento de Química Física da USC, Secretario Xeral de I+D da Xunta de Galicia, autor dos dous primeiros Plans Galegos de I+D, presidente do Consello de Administración do CESGA, presidente do Consello Asesor para a Innovación en Galicia e, finalmente, presidente da Real Academia Galega de Ciencias.[1]

Miguel Ánxel Ríos Fernández foi o presidente da RAGC desde 2014 a 2019, coa convicción de que a Academia debe prestar un «gran servizo a Galicia como entidade que promove e divulga a ciencia entre a sociedade». Durante o seu mandato, a RAGC puxo en marcha un programa acelerado de ingresos de novos académicos, coa toma de posesión de vinte numerarios, institucionalizouse o Día da Ciencia en Galicia coa exaltación do Científico Galego do Ano, convocáronse novos premios, actualizouse a orientación e o formato da revista da Academia, e pecháronse convenios de colaboración con diferentes entidades. Segundo Ríos, «puxen na Academia todo o meu empeño e ilusión».[2]

A Real Academia Galega de Ciencias celebrou o 6 de maio de 2021 a apertura do seu curso académico nun acto no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela. Neste acto, nomeou "Presidente de Honra" da institución ao catedrático emérito de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela Miguel Ángel Ríos Fernández. No seu discurso, Ríos Fernández fixo unha reflexión sobre o concepto da natureza como fonte de recursos naturais e a evolución do sistema produtivo até a actualidade, marcado polo coñecemento científico e técnico a través da investigación e o desenvolvemento. Segundo o catedrático, un bo exemplo constitúeno as diversas vacinas creadas para combater o coronavirus, pero asegurou que o coñecemento non atopou aínda as súas fronteiras como ben demostran a intelixencia artificial e a robótica cun escenario futuro difícil de imaxinar. «Non é posíbel poñer límites ao coñecemento da natureza a través da investigación, coñecemento que se converte así no recurso máis importante para o desenvolvemento socioeconómico, un recurso, en principio, inesgotábel e non excluínte».[2]

Neste escenario de cambio acelerado, o novo presidente de honra da RAGC manifestou que o papel da Academia faise cada vez máis importante e debe actuar como un faro que emita constantes escintileos á sociedade, sobre todo aos máis novos, co propósito de convertela nunha sociedade cientificamente culta, pero tamén mensaxes de orientación para a utilización correcta do coñecemento científico, de asesoramento ás institucións para a toma de decisións no ámbito da ciencia e mensaxes de chamadas de atención cando a situación o demande. «A RAGC necesita un novo impulso para que poida así exercer coa maior eficiencia a súa importante misión ao servizo de Galicia».[2]

Notas[editar | editar a fonte]