Martin Sheen
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Ramón Gerardo Antonio Estévez, nado o 3 de agosto de 1940 en Dayton (Ohio), máis coñecido como Martin Sheen, é un actor de cinema e televisión estadounidense, de orixe galega.
Vida
[editar | editar a fonte]O pai de Martin Sheen, Francisco Estévez Martínez, naceu en Parderrubias (Salceda de Caselas), e emigrou de novo aos Estados Unidos. Alí casou con Mary Anne Phelan, unha irlandesa que nacera en Tipperary, coa que tivo dez fillos. Martin Sheen é o sétimo deles.
Casou en 1961 con Janet Templeton (logo Estévez), coa que tivo catro fillos: o director e guionista Emilio Estevez, e os actores Charlie Sheen, Ramon Estevez e Renée Estevez.
Traxectoria profesional
[editar | editar a fonte]Sheen sempre quixo ser actor a pesar da oposición de seu pai e decidiu empezar a súa carreira nos teatros da cidade de Nova York, onde formou unha compañía xunto con outros actores. Elixiu como nome artístico o de Martin Sheen en homenaxe ao bispo católico de Nova York, Fulton J. Sheen.
O seu primeiro gran papel foi na obra de teatro de Broadway The Subject Was Roses, que repetiu na adaptación cinematográfica en 1968. O seu seguinte papel importante chegoulle en 1973 cando protagonizou xunto con Sissy Spacek o drama Badlands dirixido por Terrence Malick.
En 1974, Sheen foi finalista por primeira vez aos Premios Emmy como mellor actor nun drama televisivo pola súa interpretacón do soldado Eddie Slovik no telefilme The Execution of Private Slovik. Grazas a esa actuación o director Francis Ford Coppola elixiuno para o papel protagonista de Apocalypse Now co que conseguiu ser amplamente coñecido. Durante esta rodaxe Sheen sufriu un ataque ao corazón, que o puxo ao bordo da morte, pero puido acabar o traballo.
En 1990 estreouse como director co filme Cadence, pero non volveu a poñerse detrás das cámaras; en 1999 comezou a rodaxe da súa produción para televisión máis coñecida, The West Wing, onde interpreta a Jed Bartlett, un ficticio presidente dos Estados Unidos de América, e que rodou durante sete temporadas.
En 2009, durante un acto en Madrid de presentación dun catálogo de actores galegos, Martin Sheen presentoulle a Emilio Pérez Touriño un proxecto para facer un filme sobre o Camiño de Santiago[1]. Este foi estreado no 2010 baixo o título O camiño (The Way).
Premios
[editar | editar a fonte]- 1 Globo de ouro como actor protagonista polo seu papel en The West Wing.
- 2 Premio SAG como actor protagonista polo seu papel en The West Wing e 2 máis como actor secundario.
- 6 nomeamentos aos Emmy como actor protagonista polo seu papel en The West Wing.
- Unha estrela co seu nome no Paseo da fama de Hollywood.
Filmografía
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Martin Sheen |