Saltar ao contido

Mariola (peixe)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre o peixe, para o xogo tradicional infantil véxase Mariola (xogo).
Mariola
Ciliata mustela
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Orde: Gadiformes
Familia: Lotidae
Xénero: Ciliata
Especie: C. mustela
Nome binomial
Ciliata mustela
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
Referencia[1]
  • Ciliata glauca Couch, 1832
  • Couchia glauca (Couch, 1832)
  • Couchia minor Thompson, 1839
  • Enchelyopus mustela (Linnaeus, 1758)
  • Gadus mustela Linnaeus, 1758
  • Gaidropsarus mustela (Linnaeus, 1758)
  • Molvella borealis Kaup, 1858
  • Motella argenteola Düben & Koren, 1846
  • Motella mustela (Linnaeus, 1758)
  • Onos mustela (Linnaeus, 1758)

A mariola,[2] Ciliata mustela, tamén coñecida como barbada, barbada congreira, barbada da pedra, barbada de fondo, barbada de terra, barbada de golfo, barbada lisa,[2] e así mesmo polos de anguía barbuda[3][4] e bacallau de cinco barbelas,[5] é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos lótidos, que vive nas costas do nordeste do Atlántico.

Características

[editar | editar a fonte]

Anatomía

[editar | editar a fonte]

De corpo pequeno, alongado, de até 45 cm de lonxitude (por termo medio uns 25 cm), coa cabeza pequena un pouco deprimida dorsoventralmente, con cinco barbelas (ao que alude un dos seus nomes vulgares) dúas situadas a medio camiño entre os ollos e o extremo do fociño, dúas no labio inferior e outra no mento. A boca é pequena, con dentes nos maxilares e no vómer, dispostos en bandas. Os ollos son pequenos e saltóns. Presenta dúas aletas dorsais, a primeira reducida a un raio seguido de longos filamentos curtos, delgados e vibrátiles, inseridos nun suco; a segunda, "normal", situada a continuación e chegando até o pedúnculo caudal. A aleta caudal é oblonga, coa marxe posterior arredondada; as pectorais son arredondadas, e chegan até o nivel da orixe da segunda dorsal; as aletas pelvianas son máis curtas que as pectorais, co segundo raio máis longo que os demais: presenta só unha aleta anal, que remata ao nivel do da segunda dorsal, pero é de base máis curta. A liña lateral é case horizontal.[4]

A súa coloración vai da parda avermellada á parda escura, ás veces negra; as aletas xeralmente teñen as marxes avermelladas.[4] As partes inferiores son de cor avermellada ou moura, fusionándose cunha de cor gris apardazada pálida.

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Vive no Atlántico noroeste,[6][7] desde as costas do sur de Islandia e o norte de Noruega, até as de Portugal (a altura do cabo da Roca) en augas pouco profundas, até uns 20 m de profundidade,[6] sobre fondos rochosos, con algas, e en pozas intermareais sobre fondos areosos,[4], ás veces nadando entre rochas e sedimentos en marismas en marea baixa. Os individuos maiores poden encontrarse fóra do límite intermaeral sobre fondos de area, lama ou grava.[3][4]

Aliméntase principalmente de crustáceos, e ás veces tamén de pequenos peixes,[4] algas, vermes poliquetos e moluscos gasterópodos.

Reprodúcense no inverno e na primavera.[4]

En Galicia

[editar | editar a fonte]

A mariola é moi frecuente en todo o litoral galego,[3][4][8] podéndose ver ás veces nas pozas que quedan ao descuberto na baixamar. Adoita agocharse debaixo das pedras, ou en fendas das rochas, esperando aos cangrexos para apañalos. É de escaso interese pesqueiro.[6]

  1. Ciliata mustela en WoROMS
  2. 2,0 2,1 Ríos Panisse (1977)
  3. 3,0 3,1 3,2 Rodríguez Solórzano et al. (1983)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Rodríguez Villanueva et al. (1995)
  5. Lahuerta e Vázquez (2000)
  6. 6,0 6,1 6,2 Muus, Bent J. et al. (1998)
  7. Ciliata mustela en FishBase ver mapa de distribución
  8. Solórzano et. al (1988)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingïue de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Comnpostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]