María de Aragón (1482-1517)
María de Aragón, nada en Córdoba o 29 de xuño de 1482 e finada en Lisboa o 7 de marzo de 1517, foi raíña de Portugal.
Cuarta filla dos Reis Católicos, Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón, foi raíña de Portugal como segunda esposa de Manuel I, falecido en 1521.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]María naceu en Córdoba, pertencente entón ao reino de Castela. A súa nai, Isabel, estaba embarazada de xemelgos. A primeira en nacer foi María. O segundo, varón, naceu morto.[2]
Nese mesmo ano, Boabdil arrebatou o trono ao seu pai Muley Hacén, converténdose no último rei nazarí de Granada.
María casou con dezaoito anos, o 30 de outubro de 1500, co rei Manuel I de Portugal, viúvo da súa irmá máis vella Isabel de Aragón desde 1498, continuando así coa política de sucesivas vodas entre as familias reais portuguesa e castelá-aragonesas, no intento de unir os reinos ibéricos que, nesa época, comprendían baixo unha coroa Portugal, Aragón e Castela.[1] Así, despois da morte de María, o rei Manuel I casaría con Leonor de Austria, filla de Xoana I de Castela e Filipe o Fermoso, e sobriña, por tanto, de María de Aragón. Porén, a política de alianzas matrimoniais entre España e Portugal non quedaría aí, xa que o futuro rei de Portugal, Xoán III, fillo de María de Aragón e Manuel I de Portugal, casaría con Catarina de Austria, filla máis nova de Xoana I de Castela e irmá de Carlos V, que estivo recluída durante toda a súa infancia en Tordesillas canda a súa nai.
Ademais doutros privilexios e doazóns, o rei concedeulle como dote as vilas de Viseu e Torres Vedras. María foi unha fervorosa partidaria do proxecto imperial manuelino de destruír as cidades santas islamitas de A Meca e Medina, anexionar o Imperio mameluco e conquistar os lugares santos da cristiandade, especialmente Xerusalén. En 1508 conseguiu do seu marido que pedira perdón polas intervencións destrutivas e violentas do pogromo contra os xudeus de 1506.
Morte e sepultura
[editar | editar a fonte]María morreu o 7 de marzo de 1517 en Lisboa a consecuencia do seu último parto, do que naceu un neno chamado Antonio en 1516, que viviu poucos días. A súa vida xa estaba en perigo cando estaba embarazada deste último, debido a seus numerosos partos.
Foi enterrada no Mosteiro dos Xerónimos de Belém, en Lisboa.
Descendencia
[editar | editar a fonte]Do seu matrimonio con Manuel I de Portugal naceron dez fillos:
- Xoán III, rei de Portugal (1502-1554).
- Isabel de Portugal (1503-1539), casada co seu primo Carlos I de España, pais de Filipe II de España, I de Portugal desde 1580.
- Beatriz (1504-1538), casada con Carlos III de Savoia, despoxado de case todos os seus estados en 1544 por Francisco I de Francia, nai de Manuel Filiberto de Savoia, un dos heroes da batalla de San Quintín.
- Luis de Portugal, duque de Beja (1506-1555), casado secretamente con Violante Gómez a Pelicana, xudía, que morreu sendo monxa (outras fontes afirman que nunca houbo tal matrimonio entre eles).[3] Desta relación naceu Antonio, prior de Crato (1531 – 1595), que reclamou os dereitos ao trono luso en 1580 fronte ás pretensións de Filipe II de España, pese a ser ilexítimo.
- Fernando, duque de Guarda e Trancoso (1507-1534), casado con Guiomar Coutinho, condesa de Marialva.
- Afonso de Portugal, cardeal de Portugal (1509-1540).
- María (1511-1513)
- Henrique I, rei de Portugal (1512-1580).
- Duarte de Portugal, IV duque de Guimarães (1515-1540), casado con Isabel de Braganza, cuxa filla a duquesa Catarina, disputou tamén os dereitos sucesorios ao trono portugués do seu primo irmán, Filipe II de España, I de Portugal. Duarte e Isabel foron bisavós de Xoán IV de Portugal.
- Antonio (1516).
Antepasados de María de Aragón
[editar | editar a fonte]| 16. Xoán I de Castela | ||||||||||||||||
| 8. Fernando I de Aragón | ||||||||||||||||
| 17. Leonor de Aragón | ||||||||||||||||
| 4. Xoán II de Aragón | ||||||||||||||||
| 18. Sancho de Castela | ||||||||||||||||
| 9. Lionor de Alburquerque | ||||||||||||||||
| 19. Beatriz de Portugal | ||||||||||||||||
| 2. Fernando II de Aragón | ||||||||||||||||
| 20. Afonso Enríquez | ||||||||||||||||
| 10. Fadrique Enríquez | ||||||||||||||||
| 21. Xoana de Mendoza | ||||||||||||||||
| 5. Xoana Enríquez | ||||||||||||||||
| 22. Diego Fernández de Córdoba | ||||||||||||||||
| 11. Mariña Fernández de Córdoba | ||||||||||||||||
| 23. Inés de Ayala | ||||||||||||||||
| 1. María de Aragón | ||||||||||||||||
| 24. Xoán I de Castela | ||||||||||||||||
| 12. Henrique III de Castela | ||||||||||||||||
| 25. Leonor de Aragón | ||||||||||||||||
| 6. Xoán II de Castela | ||||||||||||||||
| 26. Xoán de Gante | ||||||||||||||||
| 13. Catarina de Lancaster | ||||||||||||||||
| 27. Constanza de Castela | ||||||||||||||||
| 3. Isabel I de Castela | ||||||||||||||||
| 28. Xoán I de Portugal | ||||||||||||||||
| 14. Xoán de Portugal | ||||||||||||||||
| 29. Filipa de Lancaster | ||||||||||||||||
| 7. Isabel de Portugal | ||||||||||||||||
| 30. Afonso I de Braganza | ||||||||||||||||
| 15. Isabel de Barcelos | ||||||||||||||||
| 31. Beatriz Pereira de Alvim | ||||||||||||||||
| Predecesor: Isabel de Aragón |
Raíña consorte de Portugal 1500 - 1517 |
Sucesor: Leonor de Austria |
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 "Maria (D.).". Portugal - Dicionário Histórico, Corográfico, Heráldico, Biográfico, Bibliográfico, Numismático e Artístico (en portugués). pp. 823–824. Arquivado dende o orixinal o 26 de novembro de 2018. Consultado o 19 de setembro de 2017.
- ↑ Liss, Peggy K. (1998). Isabel la Católica: su vida y su tiempo. Nerea. p. 192. ISBN 84-89569-27-4. Consultado o 19 de setembro de 2017.
- ↑ Serrão, Joaquim Veríssimo (ed.). "António, Dom, Prior do Crato (1531-1595)". Volume I (A-D): páxina 157.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: María de Aragón |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Guimarães Sá, Isabel dos, e Michel Combet (2012): Rainhas consortes de D. Manuel I: Isabel de Castela, Maria de Castela, Leonor de Áustria. Lisboa: Circulo de Leitores. Serie: Rainhas de Portugal, nº 9. ISBN 978-97-2424-710-6.
- Queralt del Hierro, María Pilar (2011): Las damas del rey. Barcelona: Roca Editorial. Serie: Histórica. ISBN 978-84-9918-282-7. Novela sobre as mulleres que rodearon a vida e o reinado dos Reis Católicos, as súas fillas e algunhas otras mulleres destacadas, como Margarita de Austria ou Leonor de Habsburgo.
- Viera, David John (1994): A rare sixteenth century biography of Maria of Portugal: (1482-1517). Roma: Archivum Franciscanum Historicum.