Herba salgueira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lonicera periclymenum»)
Herba salgueira

herba salgueira (Lonicera periclymenum)
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Dipsacales
Familia: Caprifoliaceae
Xénero: Lonicera
Especie: L. periclymenum
Nome binomial
'Lonicera periclymenum'
L.

A herba salgueira ou chuchamel (Lonicera periclymenum) é unha especie de rubideira pertencente á familia das caprifoliáceas que gabea e sobe polos salgueiros e outras árbores (de aí o nome vulgar galego). É común en toda Galiza.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha planta rubideira que chega aos 6 m de altura. Ten follas ovais, de 3 a 7 cm, máis ou menos oblongas ou elípticas, e son máis claras pola cara posterior.

As flores están dispostas en grupos. Son tubulares, duns 4 ou 5 cm de longo, de cor branca ou amarela e ás veces están lixeiramente tinxidas de vermello. Os froitos son bagas vermellas con varias sementes e son tóxicos.

Florea de maio a agosto e na mesma planta poden verse flores e froitos maduros ao mesmo tempo.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo Lonicera foi empregado por primeira vez por Linneo no 1753 adaptando ao latín o apelido "Lonitzer", en honor do botánico Adam Lonitzer (1528-1586), médico que exerceu en Frankfurt.

En galego recibe outros nomes vulgares coma: madreselva (var. madresilva), chuchamel (var. zugamel, zugameles, zugos), bigorda, cabrifollo. O nome de chuchamel (nome co que tamén se coñece a planta en inglés) vénlle de que os rapaces arríncanlle a corola e chuchan o seu néctar de sabor a mel, con todo outras especies vexetais reciben este mesmo nome en galego. Non confundir, por exemplo, con Lamium maculatum.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

É orixinaria de Europa, espallándose polo norte dende o sur de Noruega e Suecia. Atópase con bastante frecuencia en bosques e fragas.

Flores do chuchamel

Usos[editar | editar a fonte]

A Lonicera periclymenum emprégase coma remedio homeopático non moi corrente, usado para a irritabilidade con violencia. Cultívase tamén como planta ornamental.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Existen dúas subespecies. A Lonicera periclymenum subsp. periclymenun, con follas case sen peluxe; e a Lonicera periclymenum subsp. hispanica, máis abundante e con follas con peluxes evidentes na face anversa.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]