Saltar ao contido

Lingua chechena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Checheno
Нохчийн/ Noxçiyn
Falado en: Rusia Rusia, Xeorxia Xeorxia
Rexións: Asia
Total de falantes: 1,3 millóns
Familia: Linguas caucásicas nororientais
 Checheno
Status oficial
Lingua oficial de: Chechenia
Regulado por: sen regulación oficial
Códigos de lingua
ISO 639-1: ce
ISO 639-2: che
ISO 639-3: che
SIL: CXC
Mapa
Status

O checheno está clasificado como "vulnerable" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

O checheno[2] é unha lingua caucásica do norte e unha das dúas linguas oficiais da Chechenia. Os falantes desta lingua son capaces de se entender, en certa forma, cos falantes da lingua inguxa. O checheno ten varios dialectos. Calcúlase o número de falantes en torno de 1,3 millóns. O checheno escribíase co alfabeto árabe ata os anos 20. Anteriormente ao século XX, o árabe utilizábase para a maior parte das comunicacións na Chechenia, utilizando o checheno principalmente como lingua falada. O árabe perdeu popularidade e o ruso converteuse na lingua escrita coa chegada da Unión Soviética. A maioría dos falantes do checheno falan tamén fluentemente ruso. O alfabeto latino comezou a usarse para escribir o checheno en mediados dos anos 20 no canto do árabe. En 1938, foi adoptado o alfabeto cirílico. Coa declaración da República de Chechenia en 1992, a maioría dos falantes do checheno volveron a utilizar o alfabeto latino.

Linguas derivadas

[editar | editar a fonte]

Os dialectos do checheno son o checheno das terras baixas (base da súa lingua literaria) e, segundo as formas adxectivais presentes en fontes rusas, o cheberlojskij, sharojskij, shatojsko-itumkalinskij, galanchzhojskij, akkinskij (a forma utilizada polos chechenos na área de Khasavyurt, en Daguestán, aos que se coñecen tamén como chechenos aukhov) e o dialecto montañés, dividido en dous subdialetos, o khildikharoiskij e majstinskij, modalidades propias dos chechenos que emigraron a Xeorxia oriental entre o século XVII e finais do XIX (mentres que en fontes xeorxianas estes chechenos procedentes das montañas, veciños das tribos do norte de Xeorxía Khevsur, Pshav e Tush, aparecen como "kist"). Así, os xeorxianos mencionan un dialecto kist', mentres a Enciclopedía Xeorxiana (soviética) mantén que os chechenos con residencia na Xeorxía oriental utilizan en contextos familiares un dialecto que é unha mestura de kist'-xeorxiano.

Gramática

[editar | editar a fonte]

Uslar foi o primeiro en levar a cabo un estudo erudito do checheno: a súa gramática, a segunda en orde dentro da súa serie de sete monogramas, apareceu en 1888. Jakovlev, pola súa banda, publicou en 1941 un extenso estudo sobre a sintaxe, mais a análise morfolóxica que realizou por separado, aínda que completada en 1939, non se publicou ata 1959.

O xogo de consoantes é máis simple en checheno que nas linguas caucásicas veciñas; non hai labialización, só unha lateral e as exectivas redúcense a seis. En total hai 34 consoantes, algunhas representando posicións alófonas e algúns sons exclusivos para empréstitos. As vogais son cinco basicamente: i, e, a, o, u, aínda que esta serie amplíase grandemente por palatalización, labialización, e nasalización. O acento tónico vai na primeira raíz da sílaba. Non hai xénero, tendo os nomes clase, número e caso. Os marcadores para formar o plural son -š e -y, como kor 'fiestra', plural kor.a.š; belxalo 'operário', plural belxaloy; nana 'nai', plural nanoy.

A numeración do 1 ao 10 é a seguinte: ši', qo', di', pxi', yalx, worh, barh, iss, itt; 20 tqa, 30 tqeitt, 40 šöztqa, 100 b'e. a conxugación do verbo é por clase gramatical sen referencia á persoa, distinguíndose modo, aspecto, tempo e número.

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para checheno.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]