Lasaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lasaña verde (de espinacas ou outras verduras).
Lasaña boloñesa (de carne e tomate).

A lasaña[1] (lasagna en italiano) é tanto un tipo de pasta en forma de láminas delgadas e rectangulares coma o prato que se fai con estas láminas de pasta unha vez cocidas, intercaladas en camadas con outros ingredientes, como carne picada, peixe ou verdura, recubertas con bechamel e queixo relado e enfornado[2].

Historia[editar | editar a fonte]

A palabra lasaña (lasagna) provén da verba en lingua grega: lasanon que significa pote de catro. O termo foi despois emprestado polos romanos coma lasanum para significar pote de cociñar. Os italianos usaron a palabra para definir o prato onde, sábese hoxe, se facía a lasaña.

A pesar de que tradicionalmente crese que a lasaña é un prato tipicamente orixinado en Italia, téñense evidencias de que hai un prato moi similar coñecido como loseyns (lê-se lasan), comido na corte do Rei Ricardo II de Inglaterra no século XIV. Esta receita tamén figurou no primeiro libro de receitas de Inglaterra.

A lasaña foi por vez primeira documentada no século XIII, cando foi usada nun prato en camadas, esta versión máis antiga non incluía tomate, pois aínda non fora descuberto polos europeos. En lingua galega aparece por vez primeira nun documento de 1979, o que demostra que a receita en principio non tiña tradición en Galicia[3].

Variacións[editar | editar a fonte]

As follas son normalmente onduladas en América do Norte mais non en Italia. Moitas receitas usan diferentes queixos, mais os preferidos son o ricota e o parmesano. A clásica lasaña á boloñesa usa só Parmigiano Reggiano. Moitas receitas tamén engaden mollo bechamel.

Aínda que a lasaña máis común vai rechea de carne picada e tomate, unha variante moi común é a lasaña verde, que é a mesma masa, mais rechea de espinacas. Existen tamén lasañas de cogomelos, polo, coias de Bruxelas, brócoli, grelos, algas etc.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

A lasaña aparece na banda deseñada Garfield, sendo o prato favorito do gato.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Denominación en galego no Portal das Palabras da RAG". Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2014. Consultado o 23 de outubro de 2014. 
  2. Definición en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega.
  3. Tesouro Informatizado da Lingua Galega, entrada: lasaña

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]