Crioulo antillano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Kweyol»)

O crioulo antillano é un idioma crioulo derivado do francés falado principalmente nas Antillas Menores. En termos xerais a lingua mestura o léxico da lingua francesa coa sintaxe dos idiomas africanos e caribeños e só ata hai pouco comezou a escribirse. O crioulo antillano está relacionado co crioulo haitiano, pero teñen moitas diferenzas. Fálase en Dominica, Santa Lucía, Guadalupe, Martinica, Saint-Barthélemy, Granada, San Vicente e Trinidad e Tobago.

Historia e características[editar | editar a fonte]

O idioma foi nun principio moito máis falado nas Antillas Menores, pero case que desapareceu de Tobago e o número de falantes está declinando en Granada. Nas illas de Dominica e Santa Lucía, aínda que son oficialmente angloparlantes, existen iniciativas para preservar o seu uso e, nas últimas décadas, pasou de ser un signo de nivel socio-económico baixo e de prohibírselle aos rapaces falalo nas escolas [1] a ser un signo de orgullo nacional. Nos últimos dez anos impartíronse algúns talleres de ortografía e na actualidade un grupo multidisciplinario composto por expertos da Universidade das Indias Occidentais, a Universidade das Antillas en Güiana, o Grupo de Estudo e Investigación do Espazo Crioulofalante (en francés, Groupe d'étude et de Recherche en Espace Créolophone, GEREC) e algúns outros movementos locais déronse á tarefa de desenvolver todo un sistema de escritura ad hoc.

Dende os '70 tamén existe un rexurdimento literario nas Antillas Francesas, con escritores tales como Edouard Glissant e Raphaël Confiant entre outros.

Os crioulos de Dominica e Santa Lucía (ISO 639-3 acf) é chamado kwéyòl polos seus falantes [2], variación da palabra crioulo en francés (créole). O crioulo de Guadalupe (ISO 639-3 gcf), falado ademais en Martinica e San Bartolomeu está suxeito á influencia continua do acrolecto francés. A pesar de ser codificado como unha lingua distinta do crioulo de Dominica [3][4], teñen un índice de comprensión do 90%, polo que se consideran dialectos da mesma lingua.

Segundo algúns autores (Parkvall, 1997) en 1995 unhas 123.000 persoas falábano na illa de Santa Lucía, e a nivel internacional o número ascendía a uns 985.000. Entre o crioulo falado en Santa Lucía e o falado en Dominica existe dun 97 a 99% de similitude, mentres que só o 10% da poboación de Santa Lucía entende o francés continental. En Santa Lucía os discursos políticos adoitan ser en crioulo, e tamén existen xornais, programas de radio e estacións de televisión que utilizan o idioma.

O crioulo antillano é a lingua de facto entre as poboacións emigrantes das illas veciñas de fala inglesa ou francesa.

Exemplos[editar | editar a fonte]

  • Bos días - Bózu /bonzu/.
  • Por favor - S'u plè /su plɛ/.
  • Grazas - Mèsi /mɛsi/.
  • Desculpe - Padon /padɔ̃/ / Eskizé mwen.
  • Hoxe vai moita calor - I byen cho jodi
  • Está chovendo - Lapli ka tonbé / Lapli ap tonbe (Haití).
  • Fai un bo día - Jodi-a sé an / yon bel jou Jodi-a bel.
  • Como estás? Como vai? - Ka ou fè? (Guadalupe) / Sa ou fè (Martinica) Sa k ap fet (Haití).
  • Ana é a miña irmá/nai - Ann sé sè /manman (an) mwen
  • Andy é o meu irmán/pai/home - Andy sé fwè/papa/mari (an) mwen
  • El vai á praia - I ka alé bodlanmè-a/laplaj

Texto[editar | editar a fonte]

O que segue é unha mostra do crioulo de Santa Lucia tirado dun conto popular.[5]

Pwenmyé ki pasé sé Konpè Kochon. I di, "Konpè Lapen, sa ou ka fè la?"

Konpè Lapen di'y, "Dé ti twou yanm ng'a (=mwen ka) fouyé bay ich mwen pou mwen bay ich mwen manjé."

Konpè Kochon di, "Mé, Konpè, ou kouyon, wi! Ou vlé di mwen sa kay fè yanm?"

Tradución (tirada da tradución ao inglés da mesma fonte):

O primeiro en pasar foi o Señor Cocho. El dixo, "Señor Coello, que anda a facer aquí?"

O Señor Coello díxolle, "Ando a cavar uns buratos para plantar iñames para alimentar os meus cativos."

O Señor Cocho dixo, "Pero, Coello, ti es moi parvo! Quéresme dicir que podes cultivar iñames aquí?"

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jocelyne Guilbault, Zouk: world music in the West Indies University of Chicago Press, 1993
  2. Languages of Dominica. Ethnologue: Languages of the World, SIL International, Sixteenth edition. Dallas, Tex.
  3. Guadeloupean Creole French. Ethnologue: Languages of the World, SIL International, Sixteenth edition. Dallas, Tex.
  4. Saint Lucian Creole French. Ethnologue: Languages of the World, SIL International, Sixteenth edition. Dallas, Tex.
  5. Konpè Lapen mandé on favè = Konpè Lapen asks a favor: a Saint Lucian folk tale. 1985.‭ Vieux-Fort, Saint Lucia: SIL. 10 p.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]