Juan López Suárez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Juan López Suárez, máis coñecido como Xan de Forcados, nado no lugar de Forcados (parroquia de Vilacaíz, concello do Saviñao) en 1884 e finado en Madrid en 1970, foi un médico e filántropo galego, impulsor en Galicia de iniciativas científicas, culturais, económicas e sociais.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

López Suárez estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e en Madrid para logo marchar como investigador bioquímico a outros centros de Europa e América. Á súa volta a Galicia implicouse de cheo no pulo de numerosas iniciativas sociais e culturais. Pero tamén científicas, como a Misión Biolóxica de Galicia que fundou co fin de renovar a agricultura galega mediante a introdución de modernas técnicas de cultivo e de cría de gando. En 1916 adquiriu o Pazo de Arxeriz no Saviñao, onde máis adiante, no ano 1922, fundaría a industria láctea Arxeriz, iniciativa pioneira en Galicia da que logo xurdiría o grupo LARSA.

No eido máis propiamente académico, Xan de Forcados destacou pola súa grande implicación na Xunta de Ampliación de Estudos, impulsada en 1907 dentro do proxecto da Institución Libre de Enseñanza por José Castillejo, quen por outra banda era o seu cuñado. Grazas a ela, e co esforzo concreto do mecenas do Saviñao, recoñecidas personalidades da vida cultural e intelectual galega (Cruz Gallástegui Unamuno, Isidro Parga Pondal, Domingo García-Sabell, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, entre outros) puideron realizar estadías no estranxeiro cunha bolsa da que era unha das principais entidades da vida cultural española e que o alzamento militar truncou e reprimiu no 36. Foi entón, na Guerra Civil, cando Xan de Forcados axudou a moitos represaliados polo réxime franquista.

No referente á cultura, López Suárez promoveu o estudo da riqueza patrimonial da Terra de Lemos. Do seu mecenado dá fe a publicación Los Castros de la Tierra de Saviñao de Florentino López Cuevillas e Antón Fraguas, así como o estudo da mámoa de Abuíme e a necrópole da Moura, a publicación de Cuevillas e Pura Lorenzana. Cabe destacar o seu decidido papel na defensa da muralla de Lugo, fronte a quen promovían a súa demolición (en dúas ocasións: o alcalde Ángel López Pérez, baixo a ditadura de Primo de Rivera, e as autoridades municipais da II República); tamén da integridade arquitectónica da Praza da Compañía de Monforte.

Home preocupado pola situación de Galicia, entre as súas prioridades figuraban a alfabetización da poboación rural, a súa alimentación e a mellora da calidade de vida dos labregos. O seu forte carácter filantrópico fixo que do seu propio patrimonio sufragase moitas obras de mellora e acción cultural na súa terra, a Comarca de Lemos, pola que sentía verdadeira paixón.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]