Pazo de Arxeriz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pazo de Arxeriz
ConcelloO Saviñao
ProvinciaLugo
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°33′34″N 7°40′08″O / 42.5594326, -7.6689163Coordenadas: 42°33′34″N 7°40′08″O / 42.5594326, -7.6689163
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

O pazo de Arxeriz é unha construción civil do século XVII situada no lugar de Arxeriz (Fión, O Saviñao), orientado cara á Ribeira Sacra do río Miño. Pertence á Fundación Xosé Soto de Fión, e está acondicionado como museo etnográfico. O pazo está dentro dun terreo dunhas 30 hectáreas, que inclúe numerosas edificacións de arquitectura popular, salas habilitadas e un castro no que se están a levar a cabo prospeccións arqueolóxicas[1].

Historia[editar | editar a fonte]

En 1950 comezou o proceso de recuperación da ruína de Arxeriz, onde se atopaba situada unha pequena industria láctea. Cara a 1970 o doutor Juan López Suárez vendeu as terras ao seu sobriño, José Rodríguez López, que intentou revitalizar a aldea de Arxeriz apostando pola innovación e a produtividade. Chegou a edificar grandes naves, mais axiña quedaron en desuso debido ó abandono dos planos de recuperación errada.

En 1985 os terreos pasaron a mans de Xosé Soto Rodríguez, quen implantou unha escola-obradoiro entre 1993 e 1996. Nese ano creou a Fundación Xosé Soto de Fión, unha entidade que aseguraba o remate dos labores de restauración da aldea. A fundación leva a iniciativa de Arxeriz como recuperación do patrimonio histórico–artístico, etnográfico e natural.

Estrutura do pazo[editar | editar a fonte]

No Pazo de Arxeriz hai diversas salas acondicionadas como museos etnográficos. A cociña tradicional está constituída por unha lareira, mobles e utensilios propios da época. No salón, de grandes dimensións, están expostos elementos referentes á cultura castrexa así como tamén restos arqueolóxicos que se foron atopando durante a escavación de 2013[2].

A Sala de Ribeira inclúe unha maqueta do territorio que abarcan os cursos dos ríos Miño e Sil ao seu paso pola Ribeira Sacra. Na maqueta, a escala 1:25000, que aparecen representados o patrimonio arqueolóxico, arquitectura relixiosa e civil máis importante, así como tamén os territorios anegados polos encoro de Belesar, paisaxes, transportes, tradicións, aldeas etc. A sala conta tamén cun espazo dedicado ao Entroido ribeirao, e aos labores de cestería e olería de Gundivós (Sober).

A sala da viticultura ten ferramentas e aparatos empregados na elaboración do viño de maneira artesanal. A sala cultura fluvial conta cunha exposición dividida en dúas partes. Nunha das salas hai unha exposición de once embarcacións diferentes propias da desembocadura do río Miño. Na segunda das salas repártese o espazo entre a pesca tradicional e o impacto dos encoros no río e ribeira.

Vistas dos arredores do Pazo.

Contorna[editar | editar a fonte]

A contorna do pazo constitúe un lugar interactivo ao aire libre, con espazo para coñecer plantas medicinais e aromáticas, así como as edificacións adxuntas ao pazo: fonte, estanque, capela, hórreo, cabaceiro (onde se gardan máquinas tradicionais), pombal, fornos de leña, pallar, eira, curral etc.

O castro de Arxeriz constitúe unha fortificación pertencente á Idade de Ferro[3]. Atópase edificado sobre un gran cume rochoso formado por xisto. O castro ocupa o cume da elevación e presenta unha forma ovalada. Conta cunha lonxitude dun centenar de metros e unha anchura de setenta metros. O castro comezouse a escavar en 2012, cando se descubriron estruturas cuadrangulares e rectangulares, construcións dispostas en bancais, muralla e foso. Escaváronse cinco estruturas que constitúen fogares, e un patio que constituía unha área dedicada ao traballo conxunto. Por outra banda tamén se despexou a estrutura do que pode ser un graneiro[4]. Atopáronse fíbulas, cerámica e fusaiolas entre outros obxectos.

En 2017 o proxecto de recuperación do castro de Arxeriz recibiu o Premio Juana de Vega de intervencións paisaxísticas[5], debido á valoración e mellora da calidade paisaxística do territorio así como a recuperación do castro e creación dun museo etnográfico. Destacouse o coidado da contorna do castro, as edificacións existentes en Arxeriz, especies autóctonas e paisaxe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La quinta campaña arqueológica en el castro de Arxeriz será en agosto". El Progreso (en castelán). 26 de xuño de 2017. 
  2. "Xosé Soto inicia la musealización del castro de Arxeriz y sus restos". El Progreso (en castelán). 13 de setembro de 2015. 
  3. "El castro de Arxeriz como nunca lo había visto nadie antes". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de novembro de 2016. 
  4. "Arxeriz, un castro que puede cambiar la historia de la romanización galaica". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de outubro de 2017. 
  5. "El castro de Arxeriz gana el premio Juana de Vega de paisaje". El Correo Gallego (en castelán). 16 de novembro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2018. Consultado o 18 de maio de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]