Juan Antonio San Epifanio
Juan Antonio San Epifanio Ruiz, nado o 12 de xuño de 1959 en Zaragoza, é un ex xogador profesional de baloncesto español, popularmente coñecido como Epi. Formado na canteira do Helios de Zaragoza desenvolveu toda a súa carreira deportiva profesional no FC Barcelona, onde xogou durante dezanove anos. Cunha altura de 1'98 metros de altura, actuaba na posición de ala, destacando polo seu tiro exterior. Durante toda a súa carreira xogou co número 15 na camiseta.
Os seus inicios
[editar | editar a fonte]Iniciou a súa relación co baloncesto na súa cidade natal, Zaragoza. Estivo a piques de abandonar a práctica do baloncesto en idade xuvenil, cando, militando nas filas dos equipos inferiores do Helios, o seu adestrador deixoulle fóra do equipo porque non viu nel calidades para chegar a ser un bo xogador. Esta circunstancia, lonxe de acabar coa súa ilusión, multiplicouna.
En 1974 produciuse un feito que marcaría a súa vida: o FC Barcelona contratou, procedente do Kas, ao seu irmán máis vello Herminio San Epifanio, coñecido como Epi I. Antes de aceptar a oferta do club catalán, Herminio puxo como condición que o Barcelona tamén fichase ao seu irmán máis novo Juan Antonio, que entón tiña 15 anos.
O Barcelona fichou aos dous e, mentres o maior xogaba no primeiro equipo, o menor foi inicialmente destinado ás filas do Alpe de Barcelona. Nese equipo empezou a progresar técnica e fisicamente, e en idade xuvenil, conquistou o seu primeiro gran título, o de campión do mundo escolar. Rapidamente empezou a destacar e foi convocado pola Selección Española xuvenil, coa que que conquistou a medalla de bronce no Eurobasket Xuvenil de Galicia 1976. Como júnior colgouse a medalla de prata no Eurobasket de 1978. Antes de converterse en profesional foi internacional xuvenil (8 partidos), júnior (26), e sub-22 (13).
O FC Barcelona
[editar | editar a fonte]Cinco anos despois da súa chegada ao "Barça", en 1979, Epi deu o salto ao primeiro equipo. Foi o técnico iugoslavo Ranko Zeravica quen confiou nas súas calidades. No FC Barcelona coincidiu cunha gran xeración de xogadores como Nacho Solozabal, Sibilio, De la Cruz ou Audie Norris. Co Barcelona chegou a conseguir, tras 19 anos de profesional, un impresionante palmarés con 21 títulos de primeiro nivel:
- 7 títulos de Liga ACB/Liga Española: 1981, 1983, 1987, 1988, 1989, 1990 e 1995.
- 10 Copas do Rei: 1978, 1979, 1980, 1981, 1982, 1983, 1987, 1988, 1991 e 1994.
- 2 Recopa de Europa de Baloncesto: 1985 e 1986.
- 1 Copa Korać: 1987.
- 1 Mundial de Clubs de Baloncesto: 1985.
Só lle faltou por conseguir o título de campión da Copa de Europa de Baloncesto, a pesar de que disputou diversas Final Four, e en tres ocasións a final. Tralo éxito olímpico nos Os Ánxeles 1984 asinou co FC Barcelona un contrato que naquela época causou impacto: 100 millóns de pesetas por sete tempadas. En 1990 asinou a renovación do seu contrato co FC Barcelona até a tempada 1992-93.
A Selección Española
[editar | editar a fonte]En 1978, o mesmo ano que subiu ao primeiro equipo do FC Barcelona, tamén debutou coa selección española absoluta, no torneo clasificatorio para o Eurobasket disputado en Turín. Formou parte da selección española absoluta en 239 ocasións, converténdose no xogador de baloncesto que máis veces vestiu a camiseta da selección. É, entre outras cousas, o máximo anotador da historia da selección e o que durante máis tempo foi internacional: 15 anos, tres meses e 19 días. No seu historial internacional cabe engadir tamén que é o único xogador que coa selección española participou en catro edicións dos Xogos Olímpicos, Moscova 1980, Os Ánxeles 1984, Seúl 1988 e Barcelona 1992, nos que é ademais o xogador español que máis partidos disputou (30).
Coa selección tamén cultivou éxitos colectivos, empezando pola medalla de prata conseguida no Eurobasket de Nantes 1983 grazas á vitoria da selección española sobre a URSS, en semifinais, cunha canastra súa nos últimos segundos. En 1984 foi titular da selección española que conquistou a histórica medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 1984. En 1991 formou parte da selección que conseguiu a medalla de bronce no Eurobasket de Roma.
Aínda que, en principio, despediuse da selección española nos Xogos Olímpicos de 1992, un ano despois volveu ser convocado polo novo seleccionador, Lolo Sainz, sendo o capitán do equipo español no Eurobasket'93. A súa convocatoria foi tan inesperada que o propio xogador mostrouse sorprendido pero días despois asegurou estar dispoñible sempre que se requirisen os seus servizos. No Eurobasket'93 adaptouse á perfección ao papel de sexto home do equipo.
Trala disputa dese campionato, no que a selección española finalizou en quinta posición, contabilizou un total de 221 partidos internacionais disputados, quedándose a só un da marca que ostentaba o histórico Buscató, que igualou e bateu meses despois, convocado de novo por Sainz para o tres primeiros partidos do torneo de clasificación para o Eurobasket de 1995. O seu partido número 222 xogouno o 10 de outubro en Málaga ante a República Checa. Un ano máis tarde, Epi volveu ser incluído na selección que acudiu ao Mundobasket de Toronto'94, co que aumentou a súa cifra marca até alcanzar os 239 partidos internacionais. Como xogador internacional foi ademais convocado en varias ocasións para formar parte da Selección Europea.
A súa retirada
[editar | editar a fonte]Retirouse definitivamente ao final da tempada 1994-95. O seu último partido oficial foi o quinto enfrontamento entre FC Barcelona e Unicaja na serie final dos playoff ao título da liga ACB, disputado o 25 de maio de 1995: gañou o Barça (73-64), co que se adxudicou o título de campión. Epi xogou só os últimos 26 segundos, pero foron suficientes para anotar os dous últimos puntos do partido: dous tiros libres co público do Palau Blaugrana posto en pé. Ao finalizar o partido, Epi foi paseado aos ombreiros polos seus compañeiros e dende o centro da pista confirmou, micrófono en man, que aquel fora o seu último partido como xogador profesional.
Unha vez confirmada a súa retirada como xogador, o FC Barcelona ofreceulle un cargo na organigrama da sección de basket, pero rexeitouno "porque non era un cargo de máxima responsabilidade". O 26 de decembro de 1995 recibiu unha multitudinaria homenaxe no Palau Blaugrana. O Barça enfrontouse á Selección Europea de baloncesto e entre os diversos actos levados a cabo nos prolegómenos do partido, o club azulgrana procedeu á retirada oficial da súa camiseta co dorsal número 15. Así mesmo, o presidente do COI, Juan Antonio Samaranch, impúxolle a Orde do Mérito Olímpico. Epi xogou o primeiros cinco minutos e fallou os dous únicos tiros que tentou. Antes de facelo, ao dirixirse por megafonía aos afeccionados que acudiran ao encontro, dixo: "Levo sete meses sen xogar, perdoádeme se fago o ridículo". Unha vez retirado da práctica deportiva, seguiu ligado ao baloncesto como comentarista televisivo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Alas de baloncesto
- Xogadores da selección de baloncesto de España
- Xogadores de baloncesto da ACB
- Xogadores do FC Barcelona Bàsquet
- Medallistas olímpicos en baloncesto
- Nados en 1959
- Nados en Zaragoza
- Medallistas olímpicos de prata por España
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1984
- Premio Creu de Sant Jordi
- Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo
- Xogadores de baloncesto olímpicos de España
- Xogadores de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 1980
- Xogadores de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 1984
- Xogadores de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 1988
- Xogadores de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 1992