John DeLorean

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJohn DeLorean

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(en-us) John Zachary Delorean Editar o valor em Wikidata
6 de xaneiro de 1925 Editar o valor em Wikidata
Detroit (Estados Unidos de América) Editar o valor em Wikidata
Morte19 de marzo de 2005 Editar o valor em Wikidata (80 anos)
Summit (Estados Unidos de América) Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Ictus Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Grupo étnicoRomanian Americans (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Míchigan
Michigan State University College of Law (en) Traducir
Ross School of Business (en) Traducir
Cass Technical High School (en) Traducir
Lawrence Technological University (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónemprendedor , enxeñeiro Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
Rama militarExército dos Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
ConflitoDrugs (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeCristina Ferrare (1973–1985)
Kelly Harmon

IMDB: nm1359338 WikiTree: DeLorean-1 Find a Grave: 10645202 Editar o valor em Wikidata

John Zachary DeLorean, nado en Detroit o 6 de xaneiro de 1925 e finado en Summit, Nova Jersey, o 19 de marzo de 2005, foi un enxeñeiro, inventor e empresario estadounidense da industria automobilística, fundador da DeLorean Motor Company.

Biografía[editar | editar a fonte]

John Zachary DeLorean naceu o 6 de xaneiro de 1925 en Detroit, Míchigan, sendo fillo dunha familia de inmigrantes de clase media-baixa. John era o maior dos catro fillos de Zachary DeLorean e Kathryn Pribak.[1] Seu pai, Zachary (nado Zaharia) era un inmigrante de Romanía, orixinario de Șugag (distrito de Alba).[2] Zachary partiu para os Estados Unidos aos vinte anos. El pasou un tempo en Montana e Gary, Indiana, denantes de mudarse a Míchigan. Na época en que seu fillo John naceu, el atopou un emprego como delegado sindical na fábrica da Ford Motor Company preto de Highland Park, Míchigan. Cando non era requirido en Ford, traballaba ocasionalmente como carpinteiro.[3]

A nai de John, Kathryn, era unha inmigrante de Austria-Hungría que traballaba na División de Produtos Carboloy de General Electric. En 1942, Kathryn divorciouse de Zachary.

A segunda guerra mundial interrompeu os estudos de John DeLorean. En 1943, DeLorean foi recrutado para o servizo militar e serviu durante tres anos no exército dos Estados Unidos. Despois da guerra, DeLorean continuou estudando e graduouse en enxeñaría mecánica. Ao longo de toda a súa vida estivo involucrado coa industria automotriz. John pronto entrou no mundo do automóbil, comezando con Chrysler e logo pasando á Packard en 1952. Despois de unirse a General Motors en 1956, o apelido DeLorean comezou a gañar impulso. Ao principio da súa carreira, foi chamado a ser o enxeñeiro xefe de Pontiac. Fíxose coñecido por darlle vida ao Pontiac GTO en 1964. DeLorean tivo unha boa carreira en Pontiac, e en 1969 foi ascendido a xerente xeral de Chevrolet. Nos anos seguintes, realizou claras melloras no deseño e a calidade de Chevrolet. Logo, en 1973, DeLorean foi ascendido a vicepresidente das divisións de automóbiles e camións de General Motors. Foi designado para ser o próximo presidente de GM, mais debido aos constantes desacordos coa xerencia de GM, DeLorean deixou a compañía en 1973.

Libre de GM, o 4 de outubro de 1975 DeLorean fundou a DeLorean Motor Company para cumprir o seu soño de facer realidade o seu coche deportivo, o DMC DeLorean, encabezando un imperio empresarial financiado por máis de 100 millóns de dólares doutras persoas. Comezou contratando aos mellores enxeñeiros e deseñadores, e construíu a súa fábrica en Dunmurry, preto de Belfast, en Irlanda do Norte (a fábrica ía estar en Porto Rico, mais Gran Bretaña ofreceu máis diñeiro). Contou coa axuda de Colin Chapman, de Lotus, no desenvolvemento do automóbil, e Giorgetto Giugiaro (o mesmo que creara modelos coma o BMW Nazca, o Lotus Esprit, o Volkswagen Golf e o Fiat Uno) de Italdesign Giugiaro, foi o encargado de deseñar a carrozaría do coche. DeLorean planeaba debutar co coche en 1979, pero fixo o seu debut en 1981.

Hai moitas contradicións sobre a quebra da DeLorean Motor Company Ltd. John Z. DeLorean foi acusado polo informante do FBI James Hoffman de asociarse co traficante de drogas William Hetrickde para traficar cocaína por valor de $ 25 millóns de dólares nun suposto intento de salvar a súa empresa. DeLorean foi arrestado nun hotel nos Ánxeles, foi levado á cela 2 B4 da prisión coñecida como a casa de cristal e foi ceibado dez días despois por falta de probas. O seu xuízo terminou cun veredicto de inocencia en agosto de 1984, cando DMC xa pechara e a súa reputación estaba arruinada.

A finais de 1982, finalizou a produción do DMC DeLorean e entrou na historia do automóbil, converténdose nun mito tras a súa aparición na triloxía de filmes de Back to the future.

Derradeiros proxectos[editar | editar a fonte]

O 1 de novembro de 1994, John DeLorean presentou a patente #5.359.941 coa Oficina de Patentes e Marcas dos Estados Unidos para un monorraíl de transporte.[4] Porén, este tren nunca foi construído.

Nos anos anteriores á súa morte, DeLorean planeaba resucitar a súa empresa de automóbiles, e deu entrevistas nas que describiu un novo vehículo chamado DMC2. De acordo coa súa familia, el pasou moito tempo nos seus derradeiros anos traballando neste novo proxecto.[5]

Na época da súa morte, DeLorean estaba a traballar no proxecto dunha empresa coñecida como DeLorean Time,[6] unha empresa que vendería reloxos de pulseira de gama alta, mais a morte de DeLorean causou a disolución da empresa.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Segundo a súa autobiografía, tanto John DeLorean como a súa ex esposa Cristina Ferrare convertéronse en cristiáns renados despois do caso de narcotráfico. DeLorean casou catro veces.[7] O seu primeiro matrimonio foi con Elizabeth Higgins, o 3 de setembro de 1954, e divorciouse en 1969. Máis tarde, DeLorean casou con Kelly Harmon (irmá do actor Mark Harmon) o 31 de maio de 1969 e divorciouse en 1972. O seu terceiro matrimonio foi coa modelo Cristina Ferrare, o 8 de maio de 1973, que terminou en divorcio en 1985. DeLorean estivo casado con Sally Baldwin até a súa morte en 2005. Tivo tres fillos: Zachary (adoptado cando era bebé), Kathryn e Sheila, e vivía en Nova Jersey.

Cando se estreou a película Back to the Future en 1985, John DeLorean escribiu unha carta ao produtor Bob Gale, agradecéndolle por usar o seu automóbil na película.[8]

En 1999, DeLorean declarouse en quebra persoal após máis de corenta casos xudiciais dende a quebra da DeLorean Motor Company. Tivo que vender a súa casa con 200 hectáreas de terreo; a propiedade finalmente foi adquirida por Donald Trump onde se construíu o Trump National Golf Club, un lugar que visitou con frecuencia mesmo despois de converterse en presidente dos Estados Unidos.

Morte e legado[editar | editar a fonte]

John DeLorean morreu no Hospital Overlook en Summit, Nova Jersey, na noite do 19 de marzo de 2005, á idade de 80 anos, debido a un accidente cerebrovascular. As súas cinzas foron soterradas no cemiterio White Chapel en Troy, Míchigan, a pedido da súa familia, e segundo a tradición militar, foi enterrado con todas as honras militares polos seus servizos na segunda guerra mundial.

En 1997, un inglés chamado Steve Wynne mercou os dereitos da DeLorean Motor Company, un inventario de pezas e un almacén da mesma en Houston, Texas, e arranxa e vende DeLorean restaurados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "John Z. DeLorean, Father of Glamour Car, Dies at 80". The New York Times, Danny Hakim. 21 de marzo de 2005. Consultado o 20 de setembro de 2020. 
  2. Întoarcerea printre români a părintelui „maşinii timpului”, John DeLorean. Evz.ro.
  3. DeLorean & Schwarz 1985, p. 22
  4. Transportation system, vehicle and method. Patents.google.com.
  5. Mateja, Jim. DeLorean marks time before staging comeback (13 de outubro de 2000). Chicago Tribune.
  6. La auténtica máquina del tiempo de John DeLorean (en castelán). Arquivado en Archive.org. Es.autoblog.com.
  7. John DeLorean Reinvented The Dream Car. Then He Totaled It. www.forbes.com .
  8. "John DeLorean Heritage Tour". Deloreanmotorcity.com (en inglés). 

Libros relacionados[editar | editar a fonte]

  • DeLorean, John Z.; Ted Schwarz (setembro de 1985). DeLorean. Zondervan. ISBN 0-310-37940-7.
  • Haddad, William (agosto de 1985). Hard Driving: My Years with John DeLorean. ISBN 0-394-53410-7.
  • Fallon, Ivan; James Srodes (novembro de 1985). Dream Maker: The Rise and Fall of John Z Delorean, 455. ISBN 0-399-12821-2.
  • Levin, Hillel (1983). Grand Delusions: The Cosmic Career of John DeLorean. Viking, 336. ISBN 0-670-26685-X.