DeLorean Motor Company

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
DeLorean Motor Company
DeLorean Motor Company logo.svg
DMC DeLorean factory.jpg
Fundación24 de outubro de 1975
Disolución26 de outubro de 1982[1]
LocalizaciónDetroit, Míchigan, Estados Unidos
FundadorJohn DeLorean
IndustriaAutomóbil
ProdutosAutomóbiles
Número de empregados+2500 (1981)
Na rede
https://www.delorean.com/
editar datos en Wikidata ]

A DeLorean Motor Company (DMC) orixinal foi unha empresa fabricante de automóbiles estadounidense fundada polo executivo da industria automotriz John DeLorean en 1975.[2] O único modelo que fabricou é o coche deportivo DMC DeLorean, con carrozaría que posúe paneis de aceiro inoxidábel e portas de abertura vertical de á de gaivota.

A DMC tivo unha curta e turbulenta historia, que terminou en quebra en 1982. Preto do final, nun intento desesperado de obter os fondos necesarios para a supervivencia da empresa, John DeLorean foi filmado aceptando diñeiro para formar parte do tráfico de drogas e foi levado a xuízo, aínda que máis tarde foi absolto dos cargos presentados na súa contra tras descubrirse que caera nunha trampa policial.[3]

O único modelo que fabricou saltou á fama despois de aparecer na coñecida triloxía de Back to the Future como o automóbil transformado en máquina do tempo polo excéntrico científico "Doc" Emmett Brown, malia que a compañía xa deixara de existir denantes de estrearse a primeira película da triloxía.

Historia[editar | editar a fonte]

John DeLorean fundou a DeLorean Motor Company en Detroit, Míchigan, o 24 de outubro de 1975.[4] DeLorean era un enxeñeiro moi coñecido por crear o primeiro muscle car, o Pontiac GTO,[4] e chegou a ser a persoa máis xove en converterse en executivo de General Motors.[5] Despois de deixar GM en abril de 1973, el decidiu crear o seu propio coche.

Inicialmente, DeLorean planeou construír a súa fábrica na República de Irlanda, mais o entón Ministro de Industria e Comercio dese país, Desmond O'Malley, decidiu non apoiar o proxecto.[6] Un acordo en Porto Rico estivo a piques de ser pechado cando DeLorean aceptou unha oferta de última hora da Industrial Development Agency de Irlanda do Norte.[6] O goberno británico estaba moi interesado en crear empregos en Irlanda do Norte para reducir a violencia nas rúas e o alto desemprego (que oscilaba entre o 30 e o 40% nalgunhas localidades).

A construción da fábrica de DMC, con seis edificios e 61.000 m², comezou en outubro de 1978 e foi concluida en 16 meses; foi construída por Farrans McLaughlin & Harvey.[6] Unha pista de probas tamén foi construída ao lado da fábrica. A empresa era oficialmente coñecida como DMCL (DeLorean Motor Company, Ltd). As instalacións estaban localizadas en Dunmurry, no condado de Antrim (Irlanda do Norte). A produción do DMC DeLorean estaba programada para comezar en 1980, pero algúns problemas de enxeñaría e orzamento fixeron que a produción comezase a principios de 1981. Os traballadores da fábrica eran xeralmente inexpertos: algúns mesmo nunca traballaran iñantes de unirse á empresa.[6] Iso contribuíu á xeración de queixas sobre problemas de calidade nos DeLorean e ao posterior establecemento dos QAC (Quality Assurance Centers), onde unha parte dos problemas de calidade dos coches eran corrixidos iñantes de seren entregados aos concesionarios.[6] Os problemas incluían os alternadores e a colocación dos paneis da carrozaría e das portas de á de gaivota.[6]

A falta de demanda e os excedentes no orzamento comezaron a afectar ao fluxo de diñeiro de DMC a finais de 1981.[6] A empresa estimou unhas vendas de entre 10.000 e 12.000 unidades ao ano,[6] porén, dos 7.500 coches producidos en 1981 vendeu soamente 3.000.[7] En resposta ao déficit da empresa, un plan de reestruturación foi elaborado onde unha nova "DeLorean Motors Holding Company" sería formada, que a súa vez se convertería na controladora corporativa de DMC e cada unha das súas subsidiarias: DeLorean Motor Cars Limited (fabricante), DeLorean Motor Cars of America (distribuidor nos Estados Unidos) e DeLorean Research Partnership (empresa de investigación e desenvolvemento).[6] DMC tamén procurou máis apoio financeiro, mais fallou no seu intento. A empresa foise a bancarrota o 26 de outubro de 1982,[8] poucos días despois do arresto do seu fundador e presidente, John DeLorean, con cargos de tráfico de drogas.[9]

Despois da quebra de DMC, en novembro de 1982 a empresa estadounidense Consolidated International (arestora coñecida como Big Lots) comprou os coches restantes non vendidos, os coches parcialmente montados e tamén o inventario de pezas non utilizadas que tiñan ficado na fábrica e nos Estados Unidos.[10] A fábrica de DMC foi pechada a finais de 1982,[11] despois de que a última unidade do DMC DeLorean fose ensamblada o 24 de decembro daquel ano.[12]

A fábrica de DMC acabou sendo ocupada polo fornecedor automotriz francés Montupet, que comezou a fabricar cabezas do motor de aluminio para motores de automóbiles nas instalacións de Dunmurry en 1989.[13] Dende a adquisición de Montupet en 2015, a fábrica empregaba a máis de 600 persoas.[14] As instalacións son actualmente operadas como Montupet UK, unha subsidiaria da empresa Linamar Corporation.[15]

A actual DMC[editar | editar a fonte]

En 1995, o mecánico e empresario Stephen Wynne nado en Liverpool (Inglaterra)[16] fundou a actual DeLorean Motor Company situada en Humble, Texas, para arranxar e restaurar vehículos DeLorean. Dous anos despois, en 1997 adquiriu o inventario de pezas restantes[17][18] e a marca rexistrada do logotipo "DMC" estilizado da DeLorean Motor Company.[19][20]

En 2007 DMC Texas anunciou que podería fabricar novos DeLorean, feitos cun 80% de pezas orixinais e un 20% de pezas novas.[21]

Após a aprovación da Lei de fabricación de vehículos de baixo volume en decembro de 2015, DMC Texas anunciou que planeaba producir réplicas de automóbiles DeLorean e anticipou a produción de aproximadamente 50 vehículos por ano durante seis anos cun prezo retallista estimado de US $ 100000.[22] Porén, DMC Texas atopou obstáculos como a reprodución de pezas (xa que non hai máis dispoñíbeis no inventario) e atopar un provedor de motores.[23]

Escolma de vistas dun DeLorean
DeLorean coas portas abertas. 
Parte frontal dun DeLorean
Vista posterior dun DeLorean. 
Interior cincento dun DeLorean. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "DeLorean Motor Files Bankruptcy - The New York Times". Nytimes.com. 26 de outubro de 1982. Consultado o 21 de agosto de 2020. 
  2. Claire Suddath (19 de abril de 2012). "The DeLorean's Time Leap". Bloomberg Businessweek. 
  3. Times Wire Services (December 17, 1986). "DeLorean Acquitted of All Criminal Finance Charges". Los Angeles Times. 
  4. 4,0 4,1 John DeLorean Reinvented The Dream Car. Then He Totaled It. www.forbes.com.
  5. John Z. DeLorean, Father of Glamour Car, Dies at 80. www.nytimes.com.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 The Company. www.deloreanmuseum.org.
  7. Lamm, John (2003). DeLorean Stainless Steel Illusion, p. 130.
  8. "DeLorean Motor Files Bankruptcy". The New York Times. 26 de outubro de 1982. .
  9. DeLorean, automobile executive, arrested in drug smuggling case (20 de outubro de 1982). The New York Times. Consultado o 19 de maio de 2021.
  10. Consolidated gets DeLorean Motor Co. assets. www.upi.com.
  11. Five things you might not know about DeLorean Motor Company. www.scotsman.com.
  12. DeLorean FAQ - Historic Information - DeLorean Production Numbers. www.dmcnews.com. Consultado o 20 de agosto de 2020.
  13. Montupet set for expansion as company is sold for £629m. www.belfasttelegraph.co.uk.
  14. Bright future at old DeLorean plant in Belfast. www.irishtimes.com.
  15. Canada's Linamar buys French auto parts maker Montupet. www.reuters.com.
  16. "Back to the future as DeLorean goes electric". BBC News. 1 de abril de 2012. 
  17. Marc Noordeloos (23 de novembro de 2008). "Stephen Wynne, CEO of The De Lorean Motor Company". Automobile. Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 20 de novembro de 2021. 
  18. CNET (16 de abril de 2015). You can still buy a brand new DeLorean, straight from the factory. YouTube. 
  19. Inicio de DeLorean Motor Company.
  20. "Where did you get all those parts?". Delorean (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2011. Consultado o 31 de agosto de 2020. 
  21. "El mítico DeLorean 'regresa al futuro". El País. 
  22. Brand-New DeLorean Replicas Are on the Way. www.roadandtrack.com. Consultado o 17 de setembro de 2020.
  23. Low Volume Production of DeLorean Cars Arquivado 07 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. www.delorean.com. Consultado o 17 de setembro de 2020.