Jeronim de Rada
Nome orixinal | (sq) Jeronim De Rada |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 29 de novembro de 1814 Macchia Albanese, Italia (pt) |
Morte | 28 de febreiro de 1903 (88 anos) San Demetrio Corone, Italia |
Educación | Universidade de Nápoles Frederico II |
Actividade | |
Ocupación | escritor, historiador, xornalista, poeta |
Jeronim de Rada (coñecido en italiano como Girolamo De Rada, e orixinariamente como Girolamo Rada), nado en Macchia Albanese o 19 de decembro de 1814 e finado en San Demetrio Corone o 28 de febreiro de 1903, foi un escritor, xornalista arbëreshë, unha das principais figuras do movemento cultural e literario albanés do século XIX e o iniciador da literatura albanesa moderna, asociado tamén ao movemento pola independencia de Albania.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu nunha aldea do concello de San Demetrio Corone, habitado por albaneses dende a súa fundación no século XV. En 1814 formaba parte do Reino De Sicilia. Seu pai era Mikele Rada, sacerdote da Igrexa bizantina italo-albanesa e súa nai a súa dona, Brailes. De Rada frecuentou o colexio de San Demetrio Corone, onde seu pai daba grego e latín. Nesa época co pulo dos novos movementos culturais románticos, comezou a redescubrir a súa identidade albanesa, recollendo a rica tradición oral presente en Arberia (conxunto das comunidades arbëreshe) de Italia . En outubro de 1834, seguindo os desexos de seu pai, matriculouse en dereito na Universidade de Nápoles, pero o seu principal interese era o folclore e a literatura. En 1836 en Nápoles, de Rada publicou a primeira edición do seu poema máis coñecido en lingua albanesa, Canti di Milosao so o título italiano de Poesie albanesi del XV secolo - Canti di Milosao, figlio del despota di Scutari. Por mor dunha epidemia de cólera en Nápoles tivo que deixar os estudos, e volver á súa casa en Calabria en outubro de 1836. No verán de 1837 entrou nun grupo revolucionario que pretendían chamar á rebelión en Cosenza pero non tivo éxito e Girolamo permaneceu acochado data decembro. En novembro de 1838 volveu a Nápoles. As autoridades borbónicas confiscaron o seu segundo traballo, Canti storici albanesi di Serafina Thopia, moglie del principe Nicola Ducagino (Nápoles, 1839), polas súas actividades revolucinarias, así e todo o traballo reeditouse en 1843 co título de Canti di Serafina Thopia, principessa di Zadrina nel secolo XV, e anos máis tarde, en 1897, apareceu unha terceira versión, Specchio di umano transito, vita di Serafina Thopia, Principessa di Ducagino.
En agosto de 1840 as autoridades detivérono por actividades ilegais e pasou un mes na cadea. A partir de novembro de 1840 foi titor privado da familia de Nicola Spiriti, aínda que en decembro caeu enfermo de tuberculose[1]. Desilusionado por anos de fracasos dos movementos revolucionarios rexeita en 1844 a invitación do comité constitucional de Nápoles para dirixir a revolución en Calabria, que tamén fracasou. A súa traxedia histórica en italiano I Numidi (Nápoles, 1846), revisada medio século máis tarde, como Sofonisba, dramma storico (Nápoles, 1892), tivo escaso éxito. Implicouse na revolución de 1848, en febreiro de 1848 fundou o períodico L'Albanese d'Italia, en italiano mais con artigos en lingua albanesa, o seu carácter era político, moral e literario, cunha tirada final de 3,200 exemplares, foi o primeiro periódico en albanés de todo o mundo. O fracaso da revolución, que supuxo o peche do periódico, fixo que desilusionado volvese á súa localidade natal. Entre 1849 e 1851 foi profesor na escola local. Outra importante obra literaria é o poema Skanderbeku i pafan que apareceu en varios volumes entre 1868 e 1884. Entre 1868 e 1873 foi director do instituto de Corigliano Calabro.
Antes de Albania tornarse unha entidade política, era xa unha realidade nas obras de Jeronim de Rada. A súa visión de Albania independente creceu na segunda metade do século XIX, e dun simple desexo literario transformouse nun elemento de sensibilización e agregación arredor dun obxectivo político definido, mais realista, no que de Rada se implicou con paixón; a partir de aquí tivo contactos cos principais intelectuais de Arberia, en particular con Demetrio Camarda, Vincenzo Dorsa, Giovanni Emanuele Bidera, Domenico Mauro, Cesare Marini, Angelo Basile, Giuseppe Serembe ou Francesco Antonio Santori, e de Albania como Thimi Mitko, Zef Jubani, Sami Frashëri ou Faik Konica, e tamén con importantes figuras da cultura italiana, como Niccolò Tommaseo, Cesare Cantù ou Angelo De Gubernatis, e da cultura e da literatura europea da época, tales como Elena Ghica, Alphonse de Lamartine, Victor Hugo ou Frédéric Mistral.
De Rada foi o precursor da Rilindja ("rexurdimento") política e cultural arbëreshe ademais de iniciador do romanticismo albanés, grazas ás súas actividades políticas e xornalísticas, pero por riba de todo polas súas obras literarias, estimadas polos círculos italianos e europeos da época, dándolle un gran pulo á difusión das ideas albanistas tamén nos Balcáns, incluíndo os albaneses que permaneceran na terra nai, que durante todo o século XIX estiveran so o Imperio Otomán, sen acceso ás ferramentas culturais, como escolas ou xornais, contribuíndo á súa aculturación e impedíndolles emanciparse política e culturalmente. A través dos xornais que fundou e dirixiu como L'albanese d'Italia (1848) ou Fjamuri Arbërit(1883-1887), que tivo unha ampla difusión[2] e, por riba de todo, coa súa obra literaria, de Rada contribuíu dun xeito decisivo para a aparición e propagación da moderna conciencia identitaria, tanto dentro da minoría arbëreshe como entre os albaneses dos Balcáns (Albania e de Kosovo, pero tamén de Macedonia, Grecia, e Montenegro), que establece as bases da moderna e común literatura albanesa. Mediante os seus escritos difundidos en todos os círculos políticos de Europa, reclamou a independencia de Albania. Continuou coa súa actividade literaria durante case setenta anos, que contribuíron considerablemente ao renacemento nacional albanés.
De Rada é un dos principais poetas en albanés[3]. A súa obra literaria máis popular é o poema en albanés, mais publicado co título en italiano, Canti di Milosao, coñecido en albanés como Këngët e Milosaos, unha ballata romántica focalizada no amor de Milosao, un mozo nobre imaxinario de Shkodër no século XIV, que volve ao fogar procedente de Tesalónica. Aquí, na fonte da aldea, coñece a Rina, a filla do pastor Kollogre, e namora. A diferenza de status social entre os amantes impide a súa unión ata que un tremor destrúe a cidade e todo o que distingue as clases sociais. Despois do seu matrimonio, nace un neno. Pero o matrimonio non dura. O fillo e a muller de Milosao morren, e el, ferido na batalla, fenece sobre nun outeiro coa vista de Shkodër. O poema constitúe a primeira obra de arte auténtica da literatura albanesa[4]. Nesta obra empregou un sistema alfabético, no que mestura elementos dos alfabeto latino e do grego, que, como resultado das críticas que na revista Omnibus verteu Vincenzo Torelli, de Rada modificou en 1839 en Canti di Serafina Thopia[5].
A Opera Omnia, que inclúe doce volumes, coa obra completa do autor, publícaa dende o ano 2005 a editorial Rubbettino Editore.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pipa, Arshi (2013). "Trilogia Albanica II: Hieronimus De Rada". pp 12-16. ISBN 978-9928-4090-7-2.
- ↑ Pynsent, Robert (1993). Reader's encyclopedia of Eastern European literature. HarperCollins. p. 84.
- ↑ "DE RADA, Girolamo"Enciclopedia Treccani Online
- ↑ Paolo Emilio Pavolini "DE RADA, Girolamo" Enciclopedia Italiana (1931)
- ↑ G. De Rada (2005) Opera Omnia, vol. I, a cura di F. Altimari, Rubbettino Editore, p. 53