Ivan Goncharov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ivan Goncharov
Ivan Goncharov.jpg
Nome completo Ivan Aleksandrovich Goncharov
Nome de nacemento Иван Александрович Гончаров
Nacemento 6 de xuño de 1812
Lugar Ulianovsk
Falecemento 15 de setembro de 1891 (79 anos)
Lugar San Petersburgo
Causa Pneumonía
Soterrado Literatorskie mostki
Nacionalidade Imperio Ruso
Alma máter Universidade Estatal de Moscovo
Ocupación linguista, escritor, novelista, tradutor, ensaísta e crítico literario
Coñecido/a por novela Oblómov
editar datos en Wikidata ]
Ivan Goncharov.

Ivan Aleksandrovich Goncharov (en ruso: Иван Александрович Гончаров), nado en Simbirsk o 6 de xullo de 1812 e finado en San Petersburgo o 15 de setembro de 1891 foi un escritor ruso coñecido sobre todo pola súa novela Oblómov, que relata a historia dun home que decide voluntariamente non erguerse da cama, e que foi tomada como símbolo da decadencia dunha parte da sociedade rusa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Iván Goncharov era fillo dun rico comerciante de cereais, que tivo responsabilidades políticas na cidade e morreu cando Goncharov tiña só sete anos. Foi Avdotia Matveena, súa mai, quen se ocupou da educación primaria do fillo. Estudou francés e alemán e, xa de neno, era un lector apaixonado, que lía a Mikhail Lomonosov, Vasili Zhukovski, Voltaire e Rousseau. En 1822 entrou na escola de comercio en Moscova, e en 1831, entrou na facultade de filoloxía da Universidade de Moscova na que foi testemuña dunha conferencia de Alexander Pushkin, que o encheu de admiración. Na universidade estaban naquel tempo tamén Vissarion Belinski e Mikhail Lérmontov cos que non tivo ningunha relación. Durante os anos de universitario publícanse as súas primeiras experiencias literarias: algunhas traducións do francés.

O funcionario[editar | editar a fonte]

Acabada a universidade marcha a Simbirsk para servir na chancelería do gobernador entre os anos 1834 e 1835. No verán de 1835 viaxa a San Petersburgo, onde traballou dez anos como pequeno funcionario no ministerio de finanzas. Estes anos servíronlle para coñecer de cerca o mundo da burocracia e dos comerciantes, experiencia que lle ía servir como material literario. Confesaba dedicar tódalas horas mortas do traballo á literatura.

Nos anos 1838 e 1839 aparecen publicadas algúns poemas seus de ton románticos e os seus primeiros relatos humorísticos coma “Erro afortunado” (Schastlibaia oshibka ). Traballar de profesor particular nunha familia peterburguesa, permitiulle entrar en contacto con xente do mundo literario. Coñece a Vissarion Belinski que ía influír moito no seu desenvolvemento persoal. A súa primeira novela “Unha historia común” (Obyknobennaia istoria) de 1847 ,foi moi ben recibida pola crítica, valeulle o recoñecemento público e permitiulle deixar atrás as dúbidas sobre a súa capacidade para ser escritor. A obra trata do conflito entre a nobreza a emerxente clase dos comerciantes, e foi valorada como un intelixente ataque ó romanticismo e o sentimentalismo. A seguinte novela que publicou foi “Iván Savitsch Podjabrin” (1848, un estudo filosófico-naturalista).

A frágata Palada[editar | editar a fonte]

Goncharov, amante desde a infancia da literatura de viaxes, manifestara sempre o seu desexo de viaxar ó estranxeiro, mais a decisión de envialo en 1852 ó Xapón en barco co cargo de secretario do almirante da expedición, provocoulle certa inquedanza. . Durante os dous anos seguintes estivo en Inglaterra, África do Sur, Singapur, China e finalmente en Nagasaki, o único porto xaponés aberto os estranxeiros. Esta viaxe e o accidentado retorno a Petersburgo por terra (a guerra con Inglaterra fixo imposible a vía marítima) atravesando Siberia foron a base para o libro de impresións de viaxe editado co titulo de “A fragata Palada” (1858).

O censor[editar | editar a fonte]

En 1856 concederonlle o cargo de censor literario, o que se engadía a tarefa de ensinar literatura rusa o príncipe herdeiro, o que provocou o desprezo dos seus antigos coñecidos de ideas liberais. Permitiu a edición das daquela prohibidas “Notas dun cazador” (Zapisok oxhotnika) de Iván Turguiéñef , dun libro de poemas de Nikolai Nekrasov e da novela de Aleksei Pisemski “Mil almas” (Tysacha dush), pero foi moi estrito cos publicacións de ton radical e as relacións cos seus colegas literarios empeoraron. Goncharov rexeitaba que o considerasen un liberal e era totalmente contrario ós socialistas democráticos. Aborrecido co endurecemento das normas de censura deixa ó ano seguinte, o seu cargo de censor, por ben que, posteriormente, foi de novo chamado a un posto de moita responsabilidade no departamento de censura, que non deixou definitivamente ata 1867.

Novela Oblomov[editar | editar a fonte]

A súa obra máis importante e coñecida Oblómov apareceu o ano 1859 e tivo un éxito enorme, proporcionándolle ó autor uns ingresos de 10.000 rublos. A sona da novela espallouse polos círculos cultivados rusos e a obra provocou un intenso debate. As interpretacións da obra son múltiples. A inacción e indolencia do protagonista foron vistos por algúns coma símbolo da situación de estancamento da sociedade rusa da época e foi con este sentido que a palabra “oblomovismo” se incorporou a lingua rusa. Oblomov transformouse nun dos mitos da literatura rusa.

A súa última novela “A queivanca” (Obryv) que escribira durante case vinte anos apareceu no ano 1868. Antes da edición lera xa fragmentos dela a Iván Turguiéñef a quen despois acusou de plaxialo na súa novela “Pais e Fillos” (Otsy i Dieti). As continuas sospeitas de ser plaxiado de Goncharov (que acusou mesmo a Gustave Flaubert de aproveitar informacións sobre a súa obra que tería recollidas de Turgenev) son se cadra unha proba dos problemas psicolóxicos de Goncharov nos seus últimos anos., que pasou enfermo e en total retiro. Morreu e esta enterrado en San Petersburgo.