Reino do Brasil foi unha das partes constituíntes do Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve. A creación por decreto do 16 de decembro de 1815, puxo fin á antiga colonia portuguesa do Brasil. Porén o cambio de status xa se viña practicando desde a chegada da familia real portuguesa e a súa Corte en 1808 trala invasión napoleónica de Portugal.[1]
O reino portugués no exilio con capital en Río de Xaneiro
Os monarcas portugueses introduciron varias transformacións no territorio brasileiro. A culminación destas chegou o 16 de novembro de 1815, na véspera do aniversario da raíña María, cando o príncipe-rexente Xoán elevou o Brasil á categoría de reino integrado dentro do Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve.[5] Pola súa banda, Río de Xaneiro pasou a ser a sede oficial da corte portuguesa. O obxectivo destas medidas eran agradecer a hospitalidade dos brasileiros que os recibiran en 1808, así como o de reforzar o papel de Portugal durante as negociacións no Congreso de Viena. A pesar de atoparse a miles de quilómetros de Lisboa, o cambio oficial da corte a Río de Xaneiro, e a elevación a reino do Brasil en unión con Portugal, permitiu que a coroa portuguesa gañase voz e dereito a voto.[5]
O 7 de setembro de 1822, o príncipe Pedro, declarou a independencia do Brasil.[1] O 12 de outubro dese ano, o príncipe Pedro tornouse o primeiro emperador do país recentemente independente, fundando así o Imperio do Brasil. Tras unha longa negociación, Portugal asinou un tratado co Brasil o 29 de agosto de 1825 no que recoñecía a independencia brasileira.[6][7][8][9] Agás polo recoñecemento de independencia, o resto de disposicións do tratado facíanse a conta do Brasil, incluíndo unha demanda de compensacións a pagarlle a Portugal, sen ningún outro requisito para este último. A compensación debía pagárselle a tódolos cidadáns portugueses residindo no Brasil polas perdas sufridas, como propiedades confiscadas. Xoán VI recibiu tamén o dereito de estilizar o seu título como emperador do Brasil.[10][11][12] Para o goberno brasileiro foi máis humillante que o tratado implicase que a independencia se outorgaba como acto de beneficencia por parte de Xoán VI en lugar de que fose conseguida polos propios brasileiros por medio das armas.[13][14] A maiores disto, Gran Bretaña obtivo unha compensación polo seu papel no avance das negociacións asinando un tratado á marxe no que se renovaban os seus dereitos comerciais favorables e asinando ademais unha convención na que o Brasil acordaba abolir o tráfico de escravos con África nos seguintes catro anos. Ámbolos dous acordos resultaron moi prexudiciais para os intereses económicos do Brasil.[15][16]
12Ministerio de Educación, Cultura y Deporte de España (ed.). "Independencia de Brasil". Bicentenario de las Independencias Iberoamericanas. Consultado o 13 de febreiro de 2018.
Gomes, Laurentino (2013). Lyons Press, ed. 1808: The Flight of the Emperor. How a weak prince, a mad queen, and the british navy tricked Napoleon and changed the world.(en inglés). ISBN978-0-7627-9665-6.
Osório de Castro, Zília; Rodrigues da Silva, Júlio; Montalbão Sarmento, Cristina (2006). Colecção Biblioteca Diplomática do MNE – Série A. Ministério dos Negócios Estrangeiros, Portuga, ed. Tratados do Atlântico Sul, Portugal-Brasil 1825-2000(PDF)(en portugués). ISBN972-9245-47-9. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 05 de marzo de 2016. Consultado o 13 de febreiro de 2018.