Está situada moi preto da capital municipal, Pontedeume, a unha altura duns 300 metros sobre o monte en cuxa ladeira norte se sitúa a antiga vila mariñeira. Pódese chegar á igrexa subindo polo interior da vila ou dende a antiga estrada nacional entrando pola parte superior desta.
Inda que na actualidade non fican restos do antigo mosteiro, o testemuño máis antigo da súa existencia data do ano 995 (?), nunha doazón que fai San Pedro de Mezonzo ao mosteiro de Santa Eulalia de Curtis.[2] Na fachada principal ou occidental aparece unha inscrición coa data do comezo das obras da actual fábrica, 1187; inda que existe un documento no Tumbo de Caaveiro que probaría que a construción sería anterior a 1169, ano no que está datada devandito documento.[3] No ano 1236 constaba coma Priorado dos Cóengos Regulares de Santo Agostiño a que pertenceu, polo menos, até o ano 1569.[4] Avanzado o século XVIII deixa de ser priorado e intégrase coma ermida na parroquia de San Pedro de Vilar.
A planta da igrexa evidéncianos as grandes irregularidades que presenta respecto a unha teórica malla reguladora rectangular. É de planta de cruz latina, cunha nave principal de dous tramos cuberta por bóveda de canón apuntada e outra de cruceiro dun tramo cada brazo, cubertos con bóvedas de canón semicirculares. O encontro entre ambas as naves resólvese cunha sinxela bóveda de cruzaría cun pequeno florón central, pero que é unha das máis antigas de Galiza. Posúe tres ábsidas semicirculares rematadas por bóvedas de cascarón, a central precedida dun tramo rectangular cuberto por bóveda de canón de igual directriz que os arcos triunfais; estes son semicirculares e érguense sobre semicolumnas pegadas con capiteis de variada ornamentación e bases teóricas. Salienta a pequena arcada en que se abren as tres xanelas da ábsida principal. Conserva unha antiga imaxe do Arcanxo Miguel.
O exterior impresiona pola sinxeleza e pureza das súas liñas románicas. A fachada principal presenta unha portada moi elemental composta por un arco semicircular integrado no seu mesmo plano, que conforma unha pequena bóveda de canón en que se abre a porta. O conxunto está enmarcado por catro sólidos contrafortes coroados por un tonachuvias de pedra que se apoia tamén en dous canzorros sobre o arco da porta. Salienta moito máis que esta o gran rosetón que se abre enriba do tornachuvias, organizado a partir de múltiplos de tres. Os testeiros ofrecen un aspecto similar, mais máis sinxelo, o do norte con outro rosetón e o do sur cunha fiestra de medio punto no seu lugar. As ábsidas ofrecen o aspecto clásico das cabeceiras románicas, a principal con ocos sinxelos de medio punto en que se abren as xanelas e as laterais con seteiras. Destacan os canzorros que coroan todos os muros e as ábsidas da igrexa, con variados motivos ornamentais entre os que resaltan os antropomorfos e animais.
↑Castillo López, Ángel del (1987). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia(en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. p.75.