Convento de Santo Agostiño de Pontedeume
Convento de Santo Agostiño de Pontedeume | |
---|---|
Fachada do convento. | |
Datos xerais | |
País | España |
Rexión | Galicia |
Localización | Pontedeume |
Coordenadas | 43°24′23″N 8°10′11″O / 43.40625, -8.1697222222222 |
Arquitectura | |
Construción | 1538 |
Fundador | Fernando de Andrade |
Estilo | Barroco |
Medidas | 34x14 m |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Convento de Santo Agostiño é un edificio de Pontedeume, construído inicialmente para albergar unha comunidade de frades agostiños que o habitaron durante case tres séculos: desde a súa fundación en 1538 polo conde Fernando de Andrade ata a exclaustración de 1835. Na actualidade alberga a Casa da Cultura de Pontedeume.
Historia
[editar | editar a fonte]Mediante escritura redactada en Pontedeume o 24 de setembro de 1538, o conde de Andrade e Vilalba, don Fernando, comprométese a construír o edificio e a igrexa dun convento nunha horta con casa e valado da súa propiedade, extramuros da vila de Pontedeume. Ademais dótaa con 30.000 marabedís procedentes inicialmente das rendas que o conde posúe nas parroquias de San Pedro de Vilar, Santa María de Centroña e San Martiño de Porto. A Orde de Santo Agostiño comprométese a mandar oito frades, dos cales seis serían cregos, e un prior para residiren no convento. As condicións son aceptadas pola Orde o 5 de decembro de 1538. Finalmente, a requirimento do conde de Andrade, a Orde de Santo Agostiño confirma e aproba as escrituras de fundación e dotación, na vila de Dueñas o 30 de abril de 1540. Cando pouco despois morre o conde estaba sen rematar o edificio, polo cal deixa no seu testamento 200 ducados para finaliza-las obras.
Logo da exclaustración de 1835, foi cedido en 1842 para escola de nenas, cuartel e cárcere. En 1848 foron poxados o edificio e a horta que pasaron a mans privadas. O concello recupera a propiedade da horta mediante compra en 1864, destinándoa a espazo público co nome de Alameda de Raxoi, lugar de celebración durante moitos anos de feiras e, ata hai moi pouco, das verbenas das Festas das Peras. En 1867 a igrexa do convento, que non fora poxada, foi derrubada para a apertura da Avenida de Raxoi, agás unha capela que se trasladou pedra a pedra ó novo cemiterio municipal no barrio de Porto. Finalmente na década dos oitenta do século XX o edificio do convento recupera o carácter público ao ser adquirido polo concello para instalar nel a Casa da Cultura do concello.
Descrición
[editar | editar a fonte]O edificio, de planta rectangular con dous andares, está situado na Praza do Convento. A fachada barroca é da segunda metade do século XVIII. Nela destaca a porta de entrada, cuberta cunha bóveda de crucería. Na fachada posterior son salientábeis os arcos de medio punto da planta baixa e as escaleiras de acceso á primeira planta. A escaleira remata nun balcón corrido con peitoril de pedra, desde o que se aprecia a zona axardinada do recinto na que se expoñen as esculturas do oso e o xabaril, símbolos da casa de Andrade, que se achaban na entrada da ponte do Eume, e a de Afonso X, situada na praza do Convento ata a última remodelación desta.
O interior foi rehabilitado para a Casa da Cultura, destacando unha sala de exposicións na planta baixa e un salón de actos no primeiro andar.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Fachada e praza do convento.
-
Estatua de Afonso X nos xardíns do convento.
-
Detalle da estatua de Afonso X.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- de Castro Álvarez, Carlos; García, Adela (2012). Pontedeume, Cabanas y comarca (en castelán). D.L.C1015-2012. Pontedeume: Espino Albar. pp. 38–39. ISBN 978-84-938761-5-9.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1995). Xunta de Galicia, ed. Historia de Pontedeume e a súa comarca (4ª ed.). ISBN 84-453-1437-8.
- Sánchez Cons, Josefina; López Piñeiro, Xesús Andrés (2009). Asociación Cultural Medulio, ed. A descuberta do patrimonio: percorrido polas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. D.L. C3300-2009. Deputación da Coruña. p. 39.