Igrexa católica bizantina búlgara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa católica bizantina búlgara
Historia
Fundación927 (primeiro patriarcado)
1861 (volta á comuñón coa Santa Sé de ortodoxos búlgaros)
Separada deIgrexa ortodoxa
Parte deIgrexa católica
Goberno
Tipo de gobernoEpiscopal
PapaFrancisco
Exarca apostólicoHristo Proykov
Estrutura1 exarcado apostólico
Clasificación
GrupoCatolicismo
OrientaciónCristianismo oriental
Demografía e cultura
Fieisarredor de 10.000 en Bulgaria
PaísesBulgaria
Linguas litúrxicasEslavo eclesiástico, búlgaro
Ritos litúrxicosBizantino
Outros datos
Sede centralSofía

A Igrexa católica bizantina búlgara é unha Igrexa particular oriental da Igrexa católica. Actualmente a igrexa está estruturada nun único exarcado apostólico, e o seu xerarca é Hristo Proykov.

Historia[editar | editar a fonte]

Baixo o goberno do tsar Boris I de Bulgaria os búlgaros aceptaron o cristianismo, pasando a depender do Patriarcado de Constantinopla orixinal. O seu sucesor Simeón promoveu a proclamación de autocefalia da Igrexa búlgara, recoñecida finalmente polo Patriarcado de Constantinopla en 927. Posteriormente, co Gran Cisma de 1054, a Igrexa de Bulgaria rompeu a comuñón coa Igrexa católica.

Na época da dominación otomá, a partir de 1859, comezaron a xurdir movementos de unión entre os búlgaros. En 1859, cidadáns de Kukush escribiron unha carta ao papa, na que recoñecían a súa autoridade espiritual, e pedían que non se fixesen cambios na súa liturxia bizantina e que se lles garantise o dereito a escoller os seus propios cregos.

En decembro de 1860, Constantinopla converteuse noutro centro do movemento de unión. Dragan Tsankov, xunto con outros líderes seculares e relixiosos búlgaros, entregou unha carta ao vigairo apostólico papal na que pedían ao papa unha unión eclesiástica. Isto foi aprobado pola Santa Sé e polo goberno otomán, estabelecendo a Igrexa Católica Búlgara: o papa Pío IX aceptou a súa petición e ordenou arcebispo ao arquimandrita Yosif Sokolski o 8 de abril de 1861.

Porén, ao pouco de chegar a Constantinopla en xuño de 1861, Sokolski foi secuestrado por axentes imperiais rusos e enviado nun barco ruso a Odesa, e pasou os 18 anos que lle quedaban de vida nun mosteiro de Kíiv. Non houbo ninguén á cabeza da Igrexa católica búlgara até 1863, cando Rafail Popov foi elixido bispo, co título de vigairo apostólico de Constantinopla mais con sé en Adrianópole.

En 1874 o bispo ortodoxo búlgaro Nil Izvorov comezou en escribiu unha carta a Rafail Popov transmitíndolle que os búlgaros da rexión de Macedonia querían unirse á Igrexa católica búlgara. Logo disto, enviou outra carta ao papa pedíndolle o mesmo. Recibiu resposta afirmativa e pasou a exercer o seu ministerio en Macedonia, até que os otománs lle prohibiron a entrada en Kukush. Popov finou en 1876, e Izvorov sustituiulle como administrador apostólico, subordinado directamente á delegación apostólica de Constantinopla. En 1883 foi nomeado vigairo apostólico, e no mesmo ano se erixiron as vigairías apostólicas de Tracia (con sé en Adrianópole) e de Macedonia (con sé en Tesalónica). Porén, en 1884 Izvorov volveu á Igrexa ortodoxa.

Durante as guerras balcánicas e a primeira guerra mundial a maioría dos búlgaros fuxiron dos territorios das actuais Grecia, Macedonia do Norte e Turquía. Como resultado, as tres vigairías apostólicas foron suprimidas en 1926, para estabelecer o exarcado apostólico de Sofía, o que sucedeu co apoio do visitador apostólico para Bulgaria, Angelo Roncalli, quen tamén apoiou a creación dun seminario interritual en Sofía en 1934.

Co estabelecemento das fronteiras actuais, o exarcado actual só ten xurisdición sobre os búlgaros greco-católicos de Bulgaria, estando os fieis católicos búlgaros en Grecia baixo a xurisdición do exarcado apostólico de Grecia, os de Macedonia do Norte baixo a xurisdición do exarcado apostólico de Macedonia, e os de Turquía baixo a xurisdición do exarcado apostólico de Constantinopla.

Estrutura[editar | editar a fonte]

A Igrexa católica búlgara organízase actualmente nun único exarcado apostólico, con sé en Sofía. O territorio está organizado en 14 parroquias.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • d'Avril, Adolphe (1897). "Bulgarie chrétienne. X De l'union avec l'Eglise romaine". Revue de l'Orient chrétien (en francés) 2: 165–175. 
  • Светлозар Елдъров (1994). Униатството в съдбата на България. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]