Saltar ao contido

Hubert Selby, Jr.

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaHubert Selby, Jr.
Biografía
Nacemento23 de xullo de 1928 Editar o valor en Wikidata
Brooklyn, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Morte26 de abril de 2004 Editar o valor en Wikidata (75 anos)
Os Ánxeles, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Causa da morteembolia pulmonar Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
EducaciónStuyvesant High School Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónguionista , escritor , novelista , actor de cinema Editar o valor en Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

IMDB: nm0782968 Allocine: 50463 Allmovie: p110727
BNE: XX1117927 Find a Grave: 8692432 Editar o valor en Wikidata

Hubert "Cubby" Selby Jr., nado en Brooklyn (Nova York) o 23 de xullo de 1928 e finado nos Ánxeles (California) o 26 de abril de 2004, foi un escritor estadounidense. É coñecido especialmente polas súas novelas Last Exit to Brooklyn (1964) e Requiem for a Dream (1978), ambas as dúas adaptadas ao cinema[1][2], co propio autor interpretando nelas pequenos papeis[3].

A súa primeira novela foi acusada de obscenidade en Gran Bretaña en 1967 e prohibida en Italia. Malia isto, foi considerado de grande influencia por varias xeracións de escritores. Foi profesor de escritura creativa durante 20 anos na Universidade do Sur de California nos Ánxeles, onde viviu desde 1983.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Fillo de Adalin e Hubert Selby Sr, un mariño mercante que traballara nas minas de carbón de Kentucky. Selby Sr e a súa esposa Adalin establecéronse en Bay Ridge, e o pequeno Hubert asistiu a escolas públicas, incluída a competitiva Stuyvesant High School. Desde novo foi afeccionado ao equipo de béisbol Chicago Cubs, de onde tomou o seu alcume de "Cubby" polo que foi coñecido toda a súa vida.

Con quince anos deixou a escola para unirse á Mariña Mercante. En 1947, en plena travesía en mar aberto, foille diagnosticada tuberculose avanzada. Desembarcou en Bremen (Alemaña) e foi de volta aos Estados Unidos, mais ao non dispor a tempo dos antibióticos a doenza estendeuse axiña, polo que pasou tres anos e medio a tratamento visitando o Hospital da Mariña en Nova York. Foi sometido a un tratamento farmacolóxico experimental a base de estreptomicina, o que lle supuxo graves complicacións. Durante a operación os cirurxiáns extirpáronlle varias costelas para chegar aos seus pulmóns, mais un deles colapsou e extirpáronlle parte do outro, causándolle problemas crónicos de por vida. Nesta época converteuse en adicto aos analxésicos e á heroína, se ben combateu a adicción durante décadas.

Nos dez anos seguintes estivo prostrado na cama, e foi hospitalizado frecuentemente por enfermidades relacionadas cos pulmóns. Os médicos ofrecían un prognóstico sombrío, como xa fixeran ao lle diagnosticar a tuberculose, insinuando que non lle quedaba moito tempo de vida por mor da súa pobre capacidade pulmonar. Sen estudos, sen experiencia laboral e cun mal estado de saúde, Selby Jr tivo problemas para encontrar traballo. Casara e tiña unha filla, á que criou mentres a súa muller traballaba nunha tenda por departamentos.

Durante este período coñeceu varios escritores, entre eles Gilbert Sorrentino e o dramaturgo Amiri Baraka, que o animaron a escribir. Durante a década de 1950 tivo varios empregos como secretario, vendedor de seguros, mecanógrafo ou dependente nunha estación de sevizo. Nesa época escribiu a colección de contos The Queen Is Dead, baseada nas persoas que coñecera nos bares preto da base militar en Brooklyn. Varias destas historias apareceron en pequenas revistas literarias como Black Mountain Review, New Directions ou The Provincetown Review. Esta última publicación viuse envolta nun xuízo por obscenidade e o editor foi arrestado por vender pornografía a menores tras publicar o seu relato "Tralala", sobre a violación en grupo e asasinato dunha prostituta.

Amiri Baraka animouno a poñerse en contacto con Sterling Lord, por entón axente de Jack Kerouac. Selby combinou "Tralala", The Queen Is Dead e outros catro contos vinculados debilmente como parte da súa primeira novela, Last exit to Broklyn (1964). A obra foi editada por Grove Press, que xa publicara obras de William S. Burroughs. O texto foi eloxiado entre outros polo poeta Allen Ginsberg. No xuízo levado a cabo en Gran Bretaña por obscenidade, Anthony Burgess foi un dos escritores que se presentaron como testemuñas na súa defensa.