Historia de Turín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Historia urbana de Turín")
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

A historia de Turín comeza no século III antes da nosa era, cando aparece citada coma lugar do principal asentamento do pobo celta-ligur dos taurinos, chamado daquela Taurasia ou Taurinia. En concreto, as crónicas de Polibio narran o asedio e conquista polas tropas de Aníbal no 218 a. C., no seu camiño cara a Roma. Aínda que non se atoparon probas arqueolóxicas, suponse a súa localización na faixa de terra entre o Dora Riparia e o Po, na súa confluencia ao leste do centro histórico actual [1].

Estatua de bronce de Xulio César, fundador de Julia Augusta Taurinorum.

Augusta Taurinorum[editar | editar a fonte]

Restos do Teatro Romano.

Foi no século I a. C. cando a romanización progresiva do norte da península itálica levou a Xulio César a fundar un campamento (castrum) no lugar da antiga Taurasia (58 a. C.), que pouco despois se constitúe como colonia romana (Julia Taurinorum). Porén, será no tempo de Augusto cando unha segunda colonia, Julia Augusta Taurinorum (28 a. C.), representará a fundación definitiva da cidade no seu solar histórico.

De planta cuadrangular reticulada segundo dous eixos ortogonais (decumanus e cardo maximus), característica do urbanismo romano, estaba rodeada dunha muralla con catro portas e 2,9 km de perímetro (45 Ha)[2]. Ata a caída do Imperio Romano, permaneceu coma unha pequena cidade provincial [3].

Época altomedieval[editar | editar a fonte]

No último cuarto do século IV a vila fora designada diocese e Máximo, o seu primeiro bispo, fundou a primitiva catedral (basílica paleocristiá do Salvatore) no nordeste do recinto amurallado, onde seica se atopaba un templo pagán a carón do Teatro Romano. Entre finais do século seguinte e a metade do século VI completouse un complexo episcopal de tres basílicas xemelgas a carón das paleocristiás de San Giovanni e Sta. María[4][5].

En poder dos longobardos coma ducado, no 591 o duque Agilulfo foi elixido o seu rei. Un pazo (corte ducal) atopábase nos edificios da maxistratura romana, no lado norte do foro. Tamén semella probable que nesta época comezara a transformación dalgunhas estruturas urbanas do período anterior, como as portas da muralla, en edificios fortificados.

No poder dos francos a partir do século VIII, converteuse en verdadeiro centro rexional no 950 coma capital da marca carolinxia. A Porta Decumana occidental (de Susa ou Segusina) foi acondicionada coma castelo residencial dos marqueses e crese que a Porta Palatina, no norte da cidade, deveu en castelo tamén neste tempo (século XI). Ao longo destes séculos da Alta Idade Media, o tecido ortogonal romano foise "corrompendo" arredor da praza do mercado que sucedeu ao antigo foro [6].

Casa de Savoia[editar | editar a fonte]

A cidade confórmase a partir do século XI como resultado de tres poderes: o antigo bispal, o emerxente comunal e o aristocrático (a casa de Savoia, que se fai co seu dominio a finais do século XIII). O complexo episcopal é substituído por unha nova catedral, cunha praza diante unida por unha rúa diagonal ao espazo central de mercado (Praza d'Erbe), que estaba a carón do edificio do concello comunal, e ao pazo-castelo dos nobres na romana Porta Pretoria[7][8][9]. Estas tres construcións configuran o triángulo urbano que reflicte o equilibrio de poderes[10][11].

No comezo do século XVI, os xa duques de Savoia reforzan a defensa da cidade con bastións renacentistas nas esquinas do cuadrángulo urbano e no castelo ducal[12]. Aínda así, en 1536, Turín cae en mans dos franceses, que completan a defensa facendo unha nova cortina (muralla) situada diante da muralla romana, unindo así os bastións, e liberan espazo derrubando os arrabaldes que estaban ao seu lado.

A construción da capital ducal[editar | editar a fonte]

Cando Turín é liberada da ocupación en 1563, o duque Emanuele Filiberto I convértea en capital de Savoia pola súa posición menos vulnerable fronte a ameaza francesa. Con todo, decide reforzala aínda máis coa erección dunha gran cidadela pentagonal na esquina suroeste, que era a máis desprotexida ao non estar resgardada polos ríos[13].

Piazza Castello despois da regularización de Vitozzi (ao fondo o Pazo Real).

Máis tarde, inicia a construción dunha residencia cortesá axeitada, o Pazo Real, localizada detrás do catedral e ao norte do vello castelo medieval. Ante o grande aumento de poboación, que se dobrara en número e xa enchera o espazo intramurallas gañado co derrubamento dos arrabaldes, quixo tamén ampliar a cidade. Con todo, esta última empresa soamente puido ser levada a cabo polos seus sucesores xa ben entrado o século XVII.

As ampliacións barrocas de Turín[editar | editar a fonte]

Co modelo de Roma e París, na capital do Piemonte vaise levar a cabo unha singular síntese urbana das forzas relixiosas (a contrarreforma) e laicas (a cidade aristocrática e burguesa) que acada a estrutura urbanística máis sistemática e homoxénea da época barroca. O precedente na vila antiga da rede ortogonal romana marcará a pauta a seguir no trazado.

Vista de Turín dende o leste trala primeira ampliación (ao S).
Planta en perspectiva de Turín despois da segunda ampliación (Vía Po destacada).

Baixo o mandato de Carlo Emanuele I, Ascanio Vitozzi deseña o proxecto de regularización do grande espazo da Piazza Castello entre este e o Pazo Real coma novo centro urbano, foco ademais das futuras expansións[14][15].

No lado sur da Piazza Castello, a Via Nuova (actual Via Roma), coa súa uniformidade de fachadas, vai servir de conexión cunha nova praza, a Piazza San Carlo, un tipo de praza real parisiense ca particularidade da simetría das igrexas xemelgas que enmarcan a saída sur[16][17]. O eixo directriz será outra gran rúa de fachadas uniformes e porticadas, Via Po, de trazo diagonal dende a Piazza Castello (que duplica a súa área, deixando o castelo illado no centro[18]) e que termina nunha exedra de recepción na cidade[19]. O conxunto da ampliación ten coma centro secundario unha nova praza real, a Piazza Carlo Emanuele II ou Piazza Carlina, e acaba rodeándose todo cunha nova muralla de baluartes que permiten a extensión dos xardíns reais.

Vista de Piazza Castello: Palazzo Madama á dereita, o novo Pazo Real ao fondo, cúpulas de San Lourenzo á esquerda e da Sindone apenas sobre os tellados do Pazo Real.

A cidade enriquécese con igrexas e pazos de entre os que destacan aqueles que forman parte da obra dun dos mellores arquitectos da época: Guarino Guarini. Entre o duomo (catedral) e o Pazo Real erixe a Capela da Sacra Sindone[20] (relicario da Saba Santa traído polos duques en 1578 e foco de peregrinación do catolicismo da contrarreforma). Ao seu carón, na esquina noroeste da Piazza Castelo, constrúe tamén a igrexa de San Lourenzo. No eido civil, encárgase de construír o magnífico Palazzo Carignano na rúa paralela á Via Nuova[21].

Outro gran arquitecto, Filippo Juvarra, vai ser o encargado da terceira e última ampliación barroca de Turín (agora xa capital do reino de Sicilia), feita no primeiro terzo do século XVIII. Desta vez, a actuación centraríase na parte occidental da cidade[22]. Co mesmo espírito cás anteriores, constrúe unha nova praza real coma centro, Praza Savoia, e unha entrada en exedra na cidade (Quartieri Militari en Porta Susina[23]). Ao tempo, reestrutura o centro antigo (hoxe Via Garibaldi e Via Milano, coa porta norte tamén en exedra e cruzándose na refeita Piazza Palazzo di Cittá, antiga Praza d'Erbe) e erixe o Pazo Madama (nova fachada e grande escaleira do antigo castelo). Nos arredores da capital, Juvarra leva a cabo a construción da Basílica de Superga e o Pazo de caza de Stupinigi. Ademais, na área suburbana, toda unha serie de vilas cortesás e igrexas puntúan o territorio uníndose ao centro do poder por eixos rectilíneos (Rivoli, Venaria Reale, Castelo do Valentino). É xa nesta época cando Turín adopta a súa célebre forma de améndoa rodeada de bastións[24].

Século XIX[editar | editar a fonte]

Durante a ocupación napoleónica comeza o derrubo do sistema defensivo e a substitución das antigas portas por grandes prazas[25]. Nun estilo continuador do que deviría un símbolo da cidade, a uniformidade de fachadas con pórticos, tamén crearon os franceses bulevares de ronda arredor do casco urbano.

Ponte e Praza Vittorio; ao fondo a Mole Antonelliana aínda sen o remate.

Trala restauración dos Savoia en 1814, comezaron a superarse algúns dos límites da cidade. Polo sur, creouse o Borgo Nuovo entre Porta Nuova e o Po, unha zona residencial da alta burguesía. Polo oeste, cunha nova praza de entrada, Piazza Statuto, urbanizouse a zona arredor da cidadela, que remataría desaparecendo[26][27][28].

No reinado de Carlo Alberto de Savoia (1831-49) a cidade comeza un período de crecemento sostido acompañando unha inicial industrialización (130.000 habitantes en 1849). É a época en que Turín se converte en capital efémera do Reino de Italia (1861-1864) e se leva cabo un intento de modernización. No Plan de Agrandamento de 1852 prevese o saneamento da área situada enriba de Via Po coa urbanización da Vanchiglia entre o Dora e o Po, onde se erixe unha nova icona para a cidade: a impoñente Mole Antonelliana (A. Antonelli, 1873[29].

Tras perder a capitalidade da nación, a cidade tivo que reconducir o seu futuro coma centro industrial (dende 1880 material ferroviario e en 1898 a Fabbrica Italiana Automobili Torino Fiat), comezando así unha dicotomía entre a antiga vila aristocrática e burguesa e os novos suburbios de factorías e clases traballadoras. As clases podentes ocupan a aba dos outeiros na beira dereita do Po, con novas pontes que o atravesan. Un parque de ribeira, o primeiro gran parque urbano, créase na ourela esquerda, onde estaba a residencia palaciana do Castelo do Valentino [30].

No vello castrum romano ábrense dúas rúas diagonais para hixienizar o tecido degradado (tamén para evitar as barricadas dos movementos obreiros): a Via Pietro Micca (1885) e a Via IV de Marzo, que se superpuña ao trazado medieval entre a catedral e a Praza do Concello.

Factoría Lingotto dende o aire (1928)

Século XX[editar | editar a fonte]

No Parque do Valentino organizouse a Exposición Internacional de 1911, onde Turín reafirmou a súa vocación de gran núcleo industrial. Precisamente, ao sur do parque, foise desenvolvendo dende os anos da Primeira Guerra Mundial a histórica factoría principal de Fiat: Lingotto[31].

A cidade expándese, segundo o Plano Regulador de 1906, cara á chaira do oeste con solo industrial, barrios de vivenda popular planificada, grandes servizos colectivos e infraestruturas viarias que van rematar, na segunda metade do século, na Turín metropolitana[32]. Unha grande inmigración do mezzogiorno italiano leva a poboación da cidade a superar o millón de habitantes (só a nova planta de Fiat, Mirafiori, inaugurada por Mussolini en 1939, empregaba 50.000 traballadores).

A crise industrial sufrida dende os anos oitenta feriu especialmente a Turín, que tenta manter a súa puxanza con iniciativas coma os Xogos Olímpicos de Inverno de 2006 e a actual construción do metro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Recreación hipotética de Taurasia
  2. Planta (entre o Dora —enriba— e o Po —embaixo—) e información sobre Augusta Taurinorum; Museo Torino [1]
  3. Recreación a vista de paxaro de Augusta Taurinorum (dende o nordeste); Francesco Corni [2]
  4. Planta da posición do complexo episcopal paleocristián na esquina nordeste da cidade romana, embaixo do teatro; Museo Torino [3]
  5. [4]
  6. Planta esquemática da cidade altomedieval
  7. A Porta Pretoria co corpo de garda ata a época franca
  8. A Porta Pretoria coma Castelo dos Acaia-Savoia en 1297
  9. O Castelo de Turín xa coas catro torres do século XV
  10. Planta esquemática de Turín ao final do medievo
  11. Mapa de Turín no século XV cos arrabaldes fora de murallas (reconstrución conxectural do s.XIX); Museo Torino [5]
  12. Recreación de Turín cos bastións defensivos do comezo do XVI; F.Corni [6]
  13. Mapa de Turín coa Cidadela (N á dereita), 1577
  14. Planta do complexo do Pazo Real e xardíns arredor do Duomo, e a galería de comunicación co Castelo; Museo Torino [7]
  15. Vista da época do conxunto do Pazo Real e xardíns dende o nordeste; en segundo termo, o Duomo; ao fondo, a Piazza Castello [8]
  16. Vista de época da Piazza San Carlo cara ó norte: a uniformidade de fachadas continúa en Via Nuova e Piazza Castello co Pazo Real ao fondo [9]
  17. O centro da primeira área de Turín trala segunda ampliación(leste); F.Corni [10]
  18. Perspectiva da época (dende o N) da nova Piazza Castello ampliada coma inicio da ampliación leste a través da Via Po [11]
  19. Vista da Via Po dende a exedra de entrada na cidade
  20. Vista da cúpula da capela da Sindone
  21. Vista da fachada do Palazzo Carignano (ao fondo entrevese a Piazza Castello) [12]
  22. Planta de Turín (1762, sen as defensas; N embaixo): á dereita a ampliación de Juvarra coa exedra na porta Susina (outra tamén na porta Norte) [13]
  23. A exedra de Juvara na Porta Susina: máis aló ábrese a Piazza Savoia e ao fondo o centro da cidade [14]
  24. A sistematización barroca do territorio turinés
  25. Mapa de Turín, 1839 coas novas prazas nas antigas portas da urbe (nótense os eixos creados por Juvarra para a cidade vella: o da antiga decumanus, Dora Grossa despois Garibaldi; e o norte-sur dende a Praza da República, hoxe Via Milano. Crúzanse a carón da tamén remodelada Praza do Concello, Palazzo di Cittá, antiga da Herba) [15]
  26. Mapa de Turín, 1852
  27. Mapa de Turín (1860-70) coa Cidadela a desaparecer
  28. Mapa de Turín, 1878
  29. A Mole Antonelliana, 167m de altura; Museo Torino
  30. Planta de Turín, 1896
  31. Mapa de Turín, 1915 (abaixo, en escuro, a área industrial de Lingotto). [16]
  32. Plan Regulador de Turín, 1987-1995; Museo Torino: no extremo sur (esquerda) o eixo remata en Stupinigi de Juvarra e antes, en lila, o complexo de Fiat-Mirafiori. [17]