Historia de Viena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia urbana de Viena tivo por berce o sopé máis oriental dos Alpes, un outeiro sobre a beira sur do Danubio, o Leopoldsberg [1]. Nas súas ladeiras, entre os séculos IX e V antes da nosa era, existiu un asentamento precelta (ilirio) da cultura dos campos de urnas e Hallstatt pertencentes á idade do ferro ata o tempo da cultura de La Tène cando, durante dous séculos, foi abandonado. Pero novamente, no século -II, un castro celta (oppidum) no lugar testemuña a antigüidade da vida pre-urbana na Cunca de Viena. Así mesmo uns dez quilómetros augas abaixo do Danubio, a beira dun pequeno afluente (o Wien), seica outro asentamento celta coñecido coma Vedunia floreceu no século I a.C..

Vindobona[editar | editar a fonte]

Castrum de Vindobona.
Vindobona no 250 co vicus arredor do campamento lexionario.

Foi precisamente na outra beira do Wien (a occidental) que os romanos, cando a súa chegada e conquista no -15, situaron un castrum (20Ha [2]) de fronteira (limes pannonicus) que deu lugar ao municipium Vindobona (no 212), o campamento fortificado cun vicus civil arredor[3][4].

A comezos do século II as murallas do castrum foran refeitas en pedra pero a mediados da centuria a vila foi saqueada polos marcomanos. O mesmo emperador Marco Aurelio, que morreu no Pretorio de Vindobona en 180, reconquistou a fronteira e a cidade foi reconstruída. Primeira doutras moitas reconstrucións nos séculos seguintes (mesmo rectificando a orientación da muralla no século IV) nunha fronteira cada vez máis insegura que fixo refuxiarse progresivamente a poboación dentro de murallas.

A vila xa cristiá (San Pedro coma primeira igrexa intramuros) foi cedida aos hunos en 433 (evidencias dun incendio catastrófico a comezos do século V) e tomada polos longobardos e ávaros no século VI antes de ser conquistada por Carlomagno. De novo en poder dos maxiares foi reconquistada definitivamente para o Sacro Imperio Romano Xermánico polo emperador Odón I no 955.

Capital do Ducado de Austria[editar | editar a fonte]

A primeira mención de Viena data do 881 (nunha batalla contra os húngaros, aínda que puidese referirse ao río Wien). Semella que nestes séculos da época altomedieval a vila mantívose pechada nos restos das murallas romanas e cunha certa actividade comercial. Ocupada por pobos de tradición nómade, o reducido caserío concentrábase entre a sede do poder, unha fortaleza (Berghof) na área do antigo forum romano (despois praza Hoher Markt), e a primitiva igrexa de S. Ruprecht [5][6][7].

No 976 a Marca de Austria (Ostmark ou Ostarrichi) foi concedida aos Babenberg que en 1145 trasladaron a súa residencia a Viena facéndoa capital do xa ducado (1156). O desenvolvemento, que comezara no século XI[8] coa ocupación progresiva da despoboada metade occidental do vello recinto e un arrabalde de comerciantes con praza de mercado fora de murallas no leste, acelerouse co pulo do primeiro duque Heinrich II "Jasormigott" que atraeu un gran incremento poboacional.

A primitiva igrexa de Santo Estevo (1137-47, futura catedral) foi construída sobre un cemiterio romano xunto á muralla (sueste) e a residencia ducal erixiuse no oeste, ao sur do barrio xudeu tamén xurdido neste tempo, e arredor dun patio (actual praza Am Hof). Heinrich II, ademais de reparar o antigo muro romano, fundou tamén o mosteiro Schottenstift (de monxes irlandeses, fronte á residencia pero fóra do murallas) coma centro de estudo e coñecemento da súa capital [9][10].

O crecemento urbano precisaba dun novo recinto eo financiamento veu do rescate de Ricardo Corazón de León (1192) cando as cruzadas. As novas murallas de 1200-37 (4,5 Km) ían manter a forma urbana básica de Viena ata o século XIX [11][12]. Desta época data a orixe dunha das rúas centrais e representativas da cidade actual, o Graben. Literalmente "foxo" en alemán, ocupaba o tal da muralla romana no seu percorrido sueste entre Santo Estevo e a área de San Pedro (Peilertor).

Vista da Graben detrás de S. Pedro dende o norte (século XVI).

En 1221 Viena obtivo a carta de cidade e dereitos comerciais que a consolidaron coma un centro de primeira orde no imperio. Porén durante o século XIV a cidade mantívose á sombra de Praga, capital imperial por entón. O novo recinto intramuros foise urbanizando progresivamente [13]. Ao sur do barrio de S. Estebo apareceu a praza do Neuer Markt ([14] un novo mercado ante a insuficiencia do vello Hoher Markt); no sector suroeste ata o mosteiro Schottenstift, preto da nova igrexa de San Miguel fora erixido rentes da muralla (1275, Otakar II) un castelo (hoxe Schweizertrakt), residencia dos primeiros Habsburgo e inicio do que co tempo deviría a residencia imperial do Hofburg [15]; ao seu carón un proxecto frustrado de Rodolfo IV dunha grande universidade ([16] 1365, á maneira do quartier Latin-Université de París).

Os Habsburgo, que se fixeran co control de Austria en 1278, tamén impulsaron a construción da Santo Estevo gótica coa teima de acadaren a diocese para Viena. Finalmente foi consagrada coma catedral no tempo que os gobernantes comezaban a súa andaina coma dinastía imperial (metade do século XV).

Corte Imperial dos Habsburgo[editar | editar a fonte]

1547 (N embaixo).
1609
1686

De feito non foi ata o finais do século XVI que os emperadores asentaron a corte en Viena (ante a repetida belixerancia da burguesía [17]). Un primeiro asedio dos turcos otomanos en 1529 levou ao reforzamento das murallas medievais con bastións renacentistas (1548) [18]. Non foi senón o principio dun melloramento defensivo continuo que resistiu a última das tentativas dos otomanos (1683) por conquistaren a praza clave de acceso a Europa occidental. Para entón a cidade medieval (Alstadt) estaba arrodeada dun completo e robusto sistema de bastións e foxos, ademais dun vasto glacis de medio quilómetro de anchura. Fora dese baleiro as residencias suburbanas (Vorstadt) conformando a singular forma urbana de Viena coma cidade dobre.

1704, a cidade dobre.

Dende 1575 e durante os dous séculos seguintes o Hofburg foise ampliando coma un enorme complexo pacego a base de edificios e patios xustapostos pero sen a unidade que requiría unha residencia imperial do tempo, impedida como estaba pola constrición do espazo entre a muralla e a cidade burguesa [19][20]. Foi fora de murallas onde os emperadores puideron construiren o seu Versalles, o Pazo de Schönbrunn (a partir de 1690).

Esplendor tardobarroco[editar | editar a fonte]

O territorio de Viena no XVIII
Vista do setecentos dende os xardíns do Belvedere: á esquerda o Pazo Schwarzenberg e San Carlos Borromeo; ao fondo (NO) Santo Estevo.

Porque a reconstrución da capital unha vez desaparecida a ameaza turca tivo por estilo o barroco tardío, por arquitectos senlleiros Fischer von Erlach e Lucas von Hildebrandt, e por escenario principal a Vorstadt, a coroa de suburbios residenciais (arrasada no asedio turco) que arrodeaban o baleiro do glacis estendéndose ata unha liña exterior de fortificacións (a Linienwall, 1704). Luxosas vilas, pazos e castelos aristocráticos con xardíns de grandes perspectivas enriqueceron o territorio vienés, entre os que cabe destacar o Pazo Liechtenstein, o Pazo Schwarzenberg e sobre todo o do Belvedere. Preto dos dous últimos (obras de Hildebrandt) Fischer von Erlach vai erixir (daquela na beira do Wien) un dos máis sobresaíntes monumentos da época, a igrexa de San Carlos Borromeo (Karlskirche, 1715-37) [21].

Dende o medievo o labor de canalización e desecación dos numerosos brazos e illas do Danubio ao norte da Alstadt, con pontes de madeira dende os séculos XIV e XV, dera paso á urbanización da Leopoldstadt (novo gueto xudeu e primeiras industrias). Tamén alí desenvólvese un pazo suburbano dos soberanos con xardíns barrocos, o Augarten, e ademais no que comezou coma coto de caza imperial delinéase a traza do que devirá o parque vienés por antonomasia, o Prater (público en 1766) [22].

Os problemas derivados dunha cidade antiga, densamente ocupada e pechada, e da evidente desconexión e falta de integración das dúas áreas urbanas constituídas non puideron seren resoltos no século XVIII. Non foi ata a chegada do ferrocarril (1837), coa planificación da rede de estacións a través da urbe, que a capital imperial atopou a maneira de resolver a unificación do seu organismo urbano [23], e fíxoo cunha das obras de sutura urbanística máis notables da historia. A cidade que albergara a Mozart ou Haydn deu paso á que viviron e pasearon Brahms, Freud, Klimt, Schönberg ou Wittgenstein. O resultado ofrece o caso único e paradoxal no que a cidade barroca envolve ao ensanche do XIX.

Composición panorámica completa (360º) da cidade histórica aínda illada polas murallas e o glacis na metade do século XIX (C.Zajicek sobor vistas de E.Hütter)

O Ring[editar | editar a fonte]

O plan do Ring en 1860 (aproximación ao finalmente construído aínda que sen a praza da Rathaus, Parlamento e Universidade)

Trala breve ocupación napoleónica e o Congreso de Viena (1815) que redefiniu o mapa de Europa, o emperador Francisco Xosé I decretou en 1857 o que xa era una petición clamorosa dende o século anterior: o derrubo das murallas e a integración das dúas partes da capital cunha ocupación planificada do antigo glacis. Foi así que se iniciou o proxecto do Ring vienés [24][25][26].

Nas décadas seguintes completouse un plan monumental que ademais parcelaba o amplo terreo dispoñíble atendendo a tódalas necesidades previsibles dunha capital imperial moderna: as da propia corte coa ampliación do Hofburg (inacabado [27]) no eixo central do proxecto que completaban dous museos (o de arte, o prestixioso Kunsthistorisches Museum); as da aristocracia cun barrio distinguido inmediato á área anterior e co edificio da Ópera [28]; as da propia cidade co novo concello (Rathaus) flanqueado nunha gran praza polo parlamento[29] e a nova universidade, e enfrontado ao Burgtheater [30]; e os da puxante burguesía nunha época na que Viena se convertera tamén nun centro industrial, cunha área residencial arredor do edificio da Bolsa no noroeste da cidade vella, entre a nova Igrexa Votiva e o Danubio canalizado [31]. No lado oposto, nas beiras do Wien (tamén canalizadas ou soterradas), un gran parque urbano (Stadpark) completaba as diferentes zonas verdes que rodeaban os anteditos monumentos. Coma columna vertebral de toda a intervención unha avenida principal, a Ringstrasse, dividida en varios sectores á maneira de bulevares [32][33]. O estilo arquitectónico foi o historicista, adecuando o de cada monumento ao estilo histórico máis representativo do seu uso (así o concello en neogótico, o parlamento en neoclásico ou neogrego, a universidade en neorenacentista etc.).

1875, o novo curso rectificado do Danubio.
1907: Viena metropolitana, máis aló da Linienwall e na beira norte do Danubio.

Por outra banda e ao mesmo tempo, o paso do Danubio pola cidade foi tamén obxecto dun gran proxecto de regulación de grande importancia para o desenvolvemento da Viena contemporánea na beira norte do río. Dende o século XVII o brazo sur do río foi sometido a intervencións co fin de previr inundacións, afastando progresivamente o curso principal cara ó norte. Para o século XIX, á beira da cidade histórica xa só pasaba un pequeno brazo canalizado, o chamado Donaukanal. Pero aínda era preciso canalizar o curso principal, proxecto realizado arredor de 1870. Á súa beira íanse situar as praias de vías dos ferrocarrís.

Brillante final dunha época[editar | editar a fonte]

En 1868 Viena convértese en capital do Imperio Austrohúngaro e durante o medio século seguinte nunha das urbes máis brillantes da historia, centro da arte, a cultura e o pensamento da Europa finisecular. Cun crecemento espectacular que decuplicou a súa poboación ao longo do XIX ata os 2 230 000 habitantes en 1915, tamén era unha das grandes metrópoles do tempo . O organismo urbano estaba completo finalmente e a Exposición Universal de 1873 no Prater xunto ao novo Danubio foi o escaparate cara o mundo do optimismo e autoconfianza co que os postremeiro Habsburgo encaraban o futuro.

No eido especificamente urbano destaca, dentro dos movementos de prevangarda que reaccionaban xusto contra o historicismo, a aparición dun modernismo especificamente vienés, a Secesión, no que un dos arquitectos senlleiros Otto Wagner, elaborou un plan para a urbe do que só foi realizado o metro (1894-1902), cuxa estación na Karlsplatz é unha das súas obras representativas. Precisamente a ordenación da Karlsplatz (onde se situaba tamén o edificio bandeira da Secesión) e a adxacente Schwarzenbergplatz, fundamental nó do tráfico da urbe moderna, serán actuacións deses anos [34]. Anos despois (1910) Adolf Loos, xa un dos pais da vangarda do movemento moderno, erixiría un edificio-manifesto na casa da Michaelerplatz (a praza de San Miguel que da entrada, dende a cidade vella, ao eixo monumental do Hofburg).

Entre 1898 e 1905 (baixo o mandato do controvertido alcalde Karl Lueguer) deseñouse para Viena o primeiro cinto verde urbano do mundo, aínda hoxe en extensión e recoñecido coma Reserva da Biosfera da Unesco (2005) [35].

A Viena Vermella[editar | editar a fonte]

Fachada da Karl-Marx-Hof.

Despois da derrota na Primeira Guerra Mundial e o fin do Imperio Austrohúngaro, a capital da nova república federal austríaca estreouse cun goberno socialista. Viena era agora centro dun pequeno país con graves problemas económicos e alto desemprego. Tamén a única metrópole do mundo cunha administración de esquerdas, que estableceu coma un dos seus obxectivos a mellora das condicións de vida das clases traballadoras. Un gran Plan de Vivenda social Pública (máis de 65.000 vivendas en 348 complexos residenciais entre 1923 e 1933) foi implementado en barrios periféricos da metrópole, deseñadas na súa maioría por alumnos de Otto Wagner, coma illas da utopía dun novo orden social [36]. O exemplo paradigmático, a Karl-Marx-Hof [37].

Época contemporánea[editar | editar a fonte]

A disolución en 1934 do sistema democrático levou a Anschluss, anexión de Austria polo réxime nazi de Adolf Hitler en 1938. Despois das destrucións da Segunda Guerra Mundial e a ocupación aliada, a cidade comezou a súa recuperación coma capital dunha democracia parlamentaria moderna. O status de neutralidade do país convertérona nos setenta en sede de diversos organismos internacionais (vg. a OPEP ou a Axencia Internacional da Enerxía Atómica), sinaladamente a terceira sede oficial das Nacións Unidas. Dende entón tense consolidado coma un centro internacional de congresos de primeira orde.

Precisamente para o propósito foi erixido o Vienna International Centre (ou UNO-City, 1973-9) na beira norte do Danubio, a Donaustadt. E arredor, dende 1995, estase a construír un plan denominado Donau City [38], cun programa de rañaceos de oficinas e servizos, tentando engadir a contrapartida contemporánea á milenaria cidade histórica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vista xeral da situación xeográfica de Viena, os brazos do Danubio (leitos en 1848) e o Leopoldsberg [1]
  2. Recreación de Vindobona dende o oeste (dende a posición do Leopoldsberg; ao fondo semella aparecer a Vedunia celta) [2]
  3. Reconstrución a vista de paxaro de Vindobona co vicus arredor (disque a asimetría posterior no castrum foi causada por unha gran inundación do Danubio no século III) [3]
  4. Detalle do vicus e campamento militar de Vindobona
  5. Planta de Viena nos séculos V-VIII; "Siedlungsgenese Wien", Universidade de Graz [4]
  6. Outra planta esquemática de Viena nos séculos V-VIII e VIII-IX
  7. Planta de Viena nos séculos VIII-IX coa hipótese dunha muralla intermedia; ib. Universidade de Graz [5]
  8. Planta esquemática do desenvolvemento urbano de Viena no século XI
  9. Mapa de Viena no tempo de Henrique II (reconstrución do século XIX): Santo Estevo á dereita e Am Hof á esquerda co mosteiro Schottenstift fóra de murallas [6]
  10. Planta de Viena en 1160
  11. Viena cando a construción das murallas medievais (N embaixo); ilustración do XIX [7]
  12. Planta de Viena en 1200; ib. Univ. de Graz
  13. Planta de Viena en 1314: a praza do Neuer Markt ao sur de S. Estevo e á súa esquerda o vacío da futura Hofburg imperial; ib. Univ. de Graz [8]
  14. Vista do XVI do Neuer Markt detrás de Santo Estevo
  15. Vista dende o norte do Schweizerhof e as primeiras construcións da Hofburg antes das ampliacións imperiais; de diante San Miguel [9]
  16. O proxecto utópico de 1365 dunha cidade universitaria en Viena (á dereita, a Hofburg e S. Miguel, enriba o Schottenstift; ib. Univ. de Graz [10]
  17. Planta de Viena antes do reforzamento da muralla (metade do XVI): o Hofburg aínda é o vello Schweizertrakt; nótese o Graben coma rúa máis ancha [11]
  18. Planta de Viena en 1650 cos bastións de 1548; o Hofburg vai sendo ampliado [12]
  19. Axonometría do Hofburg en 1683 dende o sur: no centro, o vello Schweizerhof e á esquerda a ampliación de Leopoldo I (1661-8); D. Suttinger [13]
  20. Vista axonométrica da Hofburg en 1770 dende o norte: á esquerda a Biblioteca de Fischer von Erlach e de diante a Escola de Equitación; D.Huber [14]
  21. Vista de época da Karlskirche dende o río Wien; B.Belloto
  22. Vista de época (J.Alt) da Leopoldstadt dende S.Estebo; o Prater e o brazo principal do Danubio ao fondo [15]
  23. "Urbanismo occidental" páx. 240-50; W. Braunfels
  24. Mapa detallado de Viena (1858) antes do Ring
  25. Páxina descritiva do Ring vienés
  26. Outra páxina sobre a Ringstrasse
  27. Maqueta da Hofburg histórica coa ampliación no Ring (NeuHofburg, non se completou coa á oeste), os museos e xardíns [16]
  28. Vista aérea do barrio aristocrático do Ring, entre o novo Hofburg (en primeiro termo co Museo de Arte) e a Ópera (1920) [17]
  29. Vista aérea do Parlamento e a praza do Rathaus dende os xardíns do novo Hofburg (1920) [18]
  30. Vista aérea do Burgtheater e a praza do Rathaus (1920)
  31. Vista aérea do barrio burgués do Ring (Schottenring, polo mosteiro medieval que aparece á dereita xunto á praza Am Hof máis aló) dende a Igrexa Votiva ao canal do Danubio (1920) [19]
  32. Perspectiva de época do Kärtnerring, o Operring e ao fondo, os museos [20]
  33. Panorama de Viena en 1873: o Ring arredor da cidade vella co Belvedere, o Schweizenberg e a Karlskirche en primerio termo (aínda sen construir á esquerda o Neue Hofburg, o Parlamento e o Burgtheater) [21]
  34. Vista aérea da Karlsplatz e a Schwazenbergplatz (dereita) 1920; ao fondo á dereita o Stadtpark [22]
  35. Mapa do Grüngürtel (cinto verde) de Viena
  36. Páxina con mapa e extensa información das actuacións de vivenda social pública durante o período da Viena Vermella [23]
  37. Páxina con información sobre a Karl-Marx-Hof
  38. Páxina sobre o proxecto da Donau City