Saltar ao contido

Herba limoeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A herba limoeira[1] (Cymbopogon citratus), é unha especie de herba pertencente á familia das poáceas, con aroma a limón, de talo moi ramificado e follas lineares agrupadas na base, da que se utilizan as raíces e as follas como condimento e en infusión. Desta planta tírase a esencia ou aceite chamado de citronela.

Detalle das follas.
Vista da mata.
Pronta para a venda.
No seu hábitat.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha planta herbácea, perenne, aromática e robusta que se propaga por esgallos e pertence á familia das gramíneas. As flores reúnense en espículas de 30–60 cm de lonxitude formando acios. As follas son moi recendentes e alongadas como listóns, ásperas, de cor verde clara que abrollan dende o chan formando matas mestas. As flores están agrupadas en espigas e vense dobradas como as follas.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

É natural da India, Ceilán e Malaisia. Na actualidade cultívase como planta medicinal en zonas tropicais e subtropicais, incluíndo as Illas Canarias.

A herba limoeira medra en climas temperados e cálidos. Require para o seu crecemento a presenza de luz. Resiste as severidades do inverno, xa que atura choivas, mais non en exceso. Non atura as brétemas ou neboeiros.

Cómpre arranxar o solo 40 días antes da plantación, xa que este debe estar en condicións óptimas para o bo crecemento da planta; cómpre polo tanto afondar na terra até 30 centímetros para facilitar o crecemento da raizame. Limpar toda a maleza. Despois de plantar facer regas periódicas e fertilizar con materia orgánica (esterco) e xofre.

Úsase na cociña asiática, especialmente na tailandesa ou taí.

Científicos da Universidade de Kyoto, no Xapón, concluíron que o aceite esencial de Cymbopogon citratus demostrou plenamente a súa efectividade contra a bacteria Helicobacter pylori, sen que dita bacteria presentase resistencia ao tratamento con este aceite esencial.[2]

O aceite esencial úsase moito como repelente de insectos, especialmente mosquitos (atopamos a esencia en candeas, por exemplo). Malia este efecto, é pola contra, atraente das abellas, polo que se utiliza para recuperar enxames.

Ten efecto conservante sobre algúns alimentos.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Da herba limoeira obtense o óleo esencial denominado citronela. A cantidade de aceite esencial da planta varía de mes en mes ao longo do ano, sendo os meses de xuño, xullo e agosto cando máis óleo produce por mor da calor.

  • É carminativo, dixestivo e para o tratamento de flatulencia.
  • En infusión utilízase como tónico aromático e febrífugo.

Os compoñentes activos principais do seu extracto, xeraniol e citronelol, son antisépticos e conférenlle propiedades funxistáticas e incluso bactericidas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Cymbopogon citratus foi descrita por (DC.) Stapf e publicado en Bulletin of Miscellaneous Information Kew 1906: 322, 357. 1906.[3]

Etimoloxía

Cymbopogon: nome xenérico que deriva do grego kumbe = (barco) e pogon = (barba), refiríndose ás moitas arestas e espatas que lembran aos barcos.[4]

citratus: epíteto latino que significa "con recendo de limón".[5]

Sinonimia
  • Andropogon cerifer Hack.
  • Andropogon citratus DC.
  • Andropogon citratus DC. ex Nees
  • Andropogon citriodorum hort. ex Desf.
  • Andropogon nardus subsp. ceriferus (Hack.) Hack.
  • Andropogon roxburghii Nees ex Steud.
  • Andropogon schoenanthus L.
  • Cymbopogon nardus (L.) Rendle
  • Cymbopogon nardus subvar. citratus (DC.) Roberty[3][6][7]

En galego coñécese como herba limoeira. En castelán hierba limón ou limoncillo; en inglés lemongrass; en portugués recibe o nome de erva-príncipe (en Portugal) e capim-limão (no Brasil); en francés chámaselle citronnell, de aí vén o nome galego da esencia ou aceite tirado da planta: a citronela.

  1. Nome vulgar en Dicionario de alimentación e restauración, VV. AA. (2012). Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega.
  2. Ohno, Tomoyuki; Kita, Masakazu; Yamaoka, Yoshio; Imamura, Shigeyoshi; Yamamoto, Toshiro; Mitsufuji, Shoji; Kodama, Tadashi; Kashima, Kei; Imanishi, JirO (2003-6). "Antimicrobial Activity of Essential Oils against Helicobacter pylori". Helicobacter (en inglés) 8 (3): 207–215. ISSN 1083-4389. doi:10.1046/j.1523-5378.2003.00146.x. 
  3. 3,0 3,1 "Herba limoeira". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 29 de decembro de 2013. 
  4. (en inglés) Watson L, Dallwitz MJ. (2008). "The grass genera of the world: descriptions, illustrations, identification, and information retrieval; including synonyms, morphology, anatomy, physiology, phytochemistry, cytology, classification, pathogens, world and local distribution, and references". The Grass Genera of the World. Consultado o 26-01-2010. 
  5. En Epítetos Botánicos
  6. Herba limoeira en PlantList
  7. "Herba limoeira". World Checklist of Selected Plant Families. Arquivado dende o orixinal o 30-05-2020. Consultado o 29-12-2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]