Saltar ao contido

Hanna-Barbera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Hanna-Barbera Productions»)
Hanna-Barbera Productions, Inc
Un dos primeiros logos da compañía.

Edificio da Hanna-Barbera no 3400 da Cahuenga Blvd. West en Hollywood, California, 2007.
TipoPrivada (até 1967)
Subsidiaria (1967-2001)
En nome da unidade de Warner Bros. Animation (2001-presente)
Fundaciónxullo de 1957
LocalizaciónOs Ánxeles (California) Estados Unidos de América Estados Unidos
FundadorWilliam Hanna
Joseph Barbera
George Sidney
IndustriaProdución televisiva, animación
ProdutosSeries de televisión e películas
Na rede
http://www.hanna-barbera.com
IMDB: co0024579 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Hanna-Barbera Productions, Inc. (sinxelamente coñecido como Hanna-Barbera e tamén referido como H-B Enterprises, H-B Production Company e Hanna-Barbera Cartoons, Inc.) foi un estudio de animación estadounidense que serviu como unha división de Warner Bros. Animation. A compañía foi fundada en 1957 polos directores de Metro-Goldwyn-Mayer, William Hanna e Joseph Barbera, como H-B Enterprises, coa cal dedicáronse á produción de comerciais de televisión. Despois de que MGM pechara o seu estudio de animación en 1957, H-B Enterprises converteuse no traballo de tempo completo de Hanna e Barbera. Ambos comezaron a producir debuxos animados como The Ruff & Reddy Show e The Huckleberry Hound Show. Para os anos 1960, agora chamada Hanna-Barbera Productions, a compañía convertíase na produtora líder de animación.

Aínda que foi criticado polas súas limitadas técnicas de animación, Hanna-Barbera produciu exitosas series como Os Picapedra, Os Supersónicos, Huckleberry Hound, O oso Yogi, Jonny Quest e Scooby-Doo, os cales convertéronse en iconas da cultura popular estadounidense.[1] Hanna e Barbera conseguiron conxuntamente sete Premios Oscar, un Premio Governors, oito Premios Emmy, un Globo de Ouro e unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood[2][3] e tamén foi incluído no Television Hall of Fame en 1993.

No 1992, a compañía foi comprada por Turner Broadcasting, co obxectivo de usar os preto de 300 debuxos animados do estudio para a súa nova canle de televisión por cable chamada Cartoon Network.[4][5] Rebautizado como H-B Production Company no 1993, e Hanna-Barbera Cartoons no 1994, o estudio continuou sen o continuo apoio de William Hanna ou Joseph Barbera, quen estaban retirados pero aínda se mantiñan como cabezas do estudio.

A finais dos anos 1990, Turner ordenou a Hanna-Barbera crear novas series animadas para Cartoon Network. En 1997, Time Warner, os actuais donos do imperio Hanna-Barbera, pecharon o estudio localizado en Cahuenga Boulevard en Hollywood e trasladaron ós empregados a Warner Bros. en Burbank. Coa morte de Hanna no 2001, Hanna-Barbera estivo absorto en Warner Bros. Animation, e Cartoon Network Studios asumiu a produción das series de Cartoon Network. O nome Hanna-Barbera é utilizado hoxe en día só para promocionar series "clásicas", como Os Picapedra e Scooby-Doo.

Os comezos de Hanna-Barbera

[editar | editar a fonte]

William Hanna e Joseph Barbera traballaron xuntos por primeira vez no estudio de animación de Metro-Goldwyn-Mayer no 1939. O seu primeiro proxecto como directores foi un debuxo animado titulado Puss Gets the Boot (1940), que serviu como a primeira aparición das personaxes Tom e Jerry. Hanna e Barbera foron os directores das curtas durante 20 anos, con Hanna como supervisor da animación[6] e Barbera ó cargo das historias e da preprodución.

Hanna, Barbera, e o director de MGM George Sidney, formaron H-B Enterprises no 1944 mentres seguían traballando para o estudio, e usaron a outra compañía para traballar en proxectos complementarios, incluíndo comerciais de televisión e os créditos orixinais de I Love Lucy.

Despois dunha racha de galardóns na que Hanna e Barbera gañaron oito premios Óscar, MGM pechou o seu estudio de animación no 1957, cando sentiron que tiñan o número necesario de curtas para reestrear. Hanna e Barbera contrataron á maioría dos empregados de MGM para H-B Enterprises, que se converteu nunha compañía completa no 1957. O estudio decidiu especializarse na animación para televisión, e a súa primeira serie foi The Ruff & Reddy Show, que se estreou na NBC en decembro de 1957. Para obter presuposto e producir os seus debuxos animados, Hanna-Barbera fixo un trato coa división televisiva Screen Gems de Columbia Pictures onde recibirían capital a cambio dos dereitos de distribución.

No 1959, H-B Enterprises foi renomeada como Hanna-Barbera Productions, e converteuse nun líder dentro da produción de animación para televisión. Aínda que foi criticado polas súas limitadas técnicas de animación, Hanna-Barbera produciu exitosas series que foron emitidas durante as mañas das fins de semana pola televisión. O estudio tamén produciu un par de proxectos para Columbia Pictures, incluíndo Loopy De Loop, unha serie de curtametraxes e algúns filmes baseados na súas series animadas.

A compañía nunca tivo un edificio propio ata o 1963, cando Hanna-Barbera Studios se mudou ó 3400 do Cahuenga Blvd. no West Hollywood, California. A unión Columbia/Hanna-Barbera durou ata o 1967, cando Hanna e Barbera venderon o estudio a Taft Broadcasting mantendo os seus postos neste.

Entre 1969 e 1983 aproximadamente, Hanna-Barbera Productions foi o estudo de animación para televisión máis exitoso do mundo, dedicado especialmente á creación de series para os sábados pola maña. Os ingresos da compañía diminuíron cando os horarios da tarde se volveron máis populares no ámbito dos debuxos animados.

Debuxos animados para a televisión

[editar | editar a fonte]

Hanna-Barbera foi o primeiro estudo de animación en crear exitosamente debuxos animados para a televisión; ata entón, estes eran só retransmisións de curtas animadas do cine. Outro traballo de Hanna-Barbera inclúe as curtametraxes Loopy De Loop para Columbia Pictures entre 1959 e 1965; e os créditos da serie Bewitched de ABC e Screen Gems. Logo, H-B usaría algúns personaxes de Bewitched como estrelas invitadas nos Picapedra.

Moitas das series animadas de Hanna-Barbera foron producidas para as horas de maior audiencia, e continuaron facendo isto ata comezo dos anos 1970. Debuxos animados como The Huckleberry Hound Show (e o seu spin-off, The Yogi Bear Show), Tiro Loco McGraw, Don Gato, Jonny Quest, Os Supersónicos, e especialmente Os Picapedra foron emitidos orixinalmente no horario principal, competindo con comedias, dramas e programas de concurso.

Os Picapedra converteuse nun exitoso show. O episodio "The Blessed Event", estreado o 22 de febreiro de 1963 e no que se mostraba o nacemento de Pebbles, foi o episodio de maior audiencia na historia do programa, igualando ó episodio de nacemento de I Love Lucy. Pero o estudio de Hanna-Barbera triunfou no mercado principalmente por transmitir os seus debuxos animados os sábados na mañá, e o seu éxito durou aproximadamente trinta anos.

Durante os anos 1970, a maioría dos debuxos animados estadounidenses eran producidos polo estudio, tendo só como competencia a Filmation e DePatie-Freleng Enterprises, e ocasionalmente especiais animados de Rankin/Bass, Chuck Jones, e Peanuts de Bill Meléndez.

O estudio Hanna-Barbera foi acusado por contribuír empeorando a calidade da animación televisiva entre os anos 1960 e 1980. Isto é debido a que foi un dos primeiros estudios de animación para a televisión e os presupostos no eran suficientes. O prexuízo ós debuxos animados como un produto só para nenos fíxoos impopulares entre os executivos. Por exemplo, un episodio de 22 minutos (30 cos comerciais) de Josie and the Pussycats no 1970 tiña un presuposto aproximado de 45.000 dólares, equivalente a unha curtametraxe de 8 minutos de Tom e Jerry a principios dos anos 1940. Estas limitacións no presuposto tiveron que ser combatidas con novas técnicas.

Hanna-Barbera introduciu a animación limitada, popularizada pola UPA, na súa serie de televisión The Ruff & Reddy Show como un método para reducir o custo de produción. Isto supuxo unha redución na calidade da animación. A solución do estudio para enfrontar as críticas foi crear películas de maior calidade cas series orixinais (Hey There, It's Yogi Bear! en 1964, The man called Flinstone en 1966, e Jetsons: The Movie en 1990) e adaptacións doutros materiais (Charlotte's Web en 1973 e Heidi's Song en 1982).

A animación alcanzou o seu punto máis baixo a mediados dos anos 1970, aínda cando a audiencia dos sábados era boa. A antiga atención polo guión e os diálogos perdeuse case por completo no 1973, debido a que a produción do estudo crecera ata tal punto que a calidade das historias foi deixada de lado. Durante este tempo, a maioría dos programas caeu na repetición dunha fórmula que funcionara ben (Os Picapedra, Scooby-Doo, ou os Súper Amigos). Varias técnicas convertéronse en iconas de Hanna-Barbera, como momentos no que os personaxes so eran mostrados cun primeiro plano ó falar, e accidentes ou calamidades que ocorrían pero non eran mostrados. Esta era da animación de H-B é un frecuente motivo de burla en Adult Swim (especialmente en Space Ghost Coast to Coast e Harvey Birdman, Attorney at Law) e en moitos segmentos de "TV Funhouse" (Saturday Night Live) de Robert Smigel.

Subida e descenso

[editar | editar a fonte]

A área da animación cambiou durante os anos 1980, debido á nova competencia que consistía en series animadas baseadas en exitosos xoguetes e figuras de acción, como no caso de He-Man and the Masters of the Universe de Filmation e Thundercats de Rankin/Bass. O estudo Hanna-Barbera foi deixado de lado a medida que o novo estilo de animación tomaba as canles de televisión dos 80 e 90.

Ó longo dos anos 1980, Hanna-Barbera fixo programas familiares como Os Pitufos, Los Snorkels, Pac-Man, The Dukes of Hazzard, Shirt Tales, Happy Days, Laverne & Shirley, Mork & Mindy e Challenge of the GoBots, ademais produciu varios especiais de fin de semana para ABC. Algunhas da súas series foron producidas no seu estudio localizado en Australia (debido a un contrato con Southern Star Entertainment), como Incredible Crew, Wildfire, Berenstain Bears, Teen Wolf e CBS Storybreak. H-B tamén se aliou con Ruby-Spears Productions, que foi fundado no 1977 polos empregados de H-B Joe Ruby e Ken Spears. Taft Broadcasting, socio de H-B, mercou Ruby-Spears de Filmways no 1981, e Ruby-Spears adoitaba unir a súa produción coa de Hanna-Barbera.

H-B tivo un hábito de facer versións infantís das súas series nos anos 1980, como A pantera rosa e o seus fillos, Os pequenos Picapedra, Popeye e o seu fillo, e A Pup Named Scooby-Doo. No 1985, Hanna-Barbera lanzou 'The Funtastic World of Hanna-Barbera, un programa que mostraba novas versións de series como O oso Yogui, Jonny Quest, Os snorkels e Ricky Ricón, xunto a novos debuxos animados como Galtar and the Golden Lance, Paw Paws, Fantastic Max e Midnight Patrol. Ó ano seguinte, H-B produciu Yogi's Great Escape, o primeiro traballo do seu Hanna-Barbera Superstars 10, unha serie de 10 películas baseadas nos seus personaxes clásicos, esta serie tamén incluíu o crossover The Jetsons Meet the Flintstones.

Durante este tempo, Hanna-Barbera e Ruby-Spears estiveron expostos ós problemas financeiros da súa compañía nai Taft Broadcasting, e trasladaron a produción, que antes se facía só internamente, a estudios en Taiwán, Filipinas, o Xapón e a Arxentina, onde os estudios Jaime Díaz realizaron algunhas animacións e unha gran cantidade de layouts para moitas das series de H-B, como Os Pitufos, Scooby-Doo, Os Superamigos, Wildfire, Galtar and the Golden Lance, Paw-Paws, Os Snorkels, Os Supersónicos etc. Hanna-Barbera foi acusada polas demandas dalgunhas canles de televisión, principalmente ABC, que insitía en repetir a mesma fórmula en Scooby-Doo varias veces; isto reprimía a creatividade, polo que varios escritores deixaron a compañía no 1989. Porén, responderon a un chamamento da Warner Bros. para resucitar o seu estilo de animación, con novas series como Tiny Toon Adventures e Animaniacs.

O regreso

[editar | editar a fonte]

No 1990, o problema empeorou e a Taft Broadcasting, que cambiou o seu nome a "Great American Broadcasting" no 1987, caeu en bancarrota, e Hanna-Barbera e Ruby-Spears foron postos a venda. No 1992, Hanna-Barbera e gran parte dos traballos de Ruby-Spears foron adquiridos por Turner Broadcasting System.

O presidente de Turner, Scott Sassa, tivo a infrecuente idea de liderar o estudio decadente. Fred Seibert era un home coñecido na televisión por cable xa que creou as canles MTV e Nickelodeon, e recentemente fixera Nick-at-Nite, pero nunca traballara na produción de debuxos animados. Inmediatamente encheu o baleiro trala partida dalgúns dos seus empregados con novos animadores, escritores e produtores como Pat Ventura, Donovan Cook, Craig McCracken, Genndy Tartakovsky, Seth MacFarlane, David Feiss, Van Partible e Butch Hartman, á cabeza deles estaba Buzz Potamkin. No 1993, o estudio cambiou o seu nome a "H-B Productions Company", e ó ano seguinte cambiaríano novamente a '"Hanna-Barbera Cartoons, Inc."'

A comezos dos anos 1990, Hanna-Barbera creou series animadas como Tom and Jerry Kids Show (e o seu spin-off, Droopy: Master Detective) e The New Adventures of Captain Planet (unha secuela da serie orixinal de DiC/TBS Productions, Capitán Planeta), e tamén Yo Yogi!. Tamén incluíron programas que eran diferentes ós antigos, como Wake, Rattle, and Roll, 2 Stupid Dogs, SWAT Kats: The Radical Squadron e The Pirates of Dark Water. A mediados dos anos 1990, Hanna-Barbera e Cartoon Network (que introduciu unha gran variedade de programas de Hanna-Barbera a un novo público) lanzaron a innovación de Seibert, World Premiere Toons (tamén coñecido como What A Cartoon), que mostraba novas curtametraxes con personaxes estables, esta idea cambiou para sempre o estudio.

Unha das primeiras series orixinais de Cartoon Network que emerxeron do proxecto World Premiere Toons foi Dexter's Laboratory creado por Genndy Tartakovsky. Outros programas foron Johnny Bravo, Vaca e polo e The Powerpuff Girls, as últimas en usar o famoso logo de H-B onde aparecía unha estrela (utilizado por primeira vez en 1979). H-B tamén produciu novos filmes protagonizados por Scooby-Doo (distribuídas por Warner Bros.) e unha nova serie de Jonny Quest, The Real Adventures of Jonny Quest.

Após a unión Turner Broadcasting e Time Warner en 1996, o conglomerado tiña dous estudios de animación na súa posesión. Aínda que tiñan o mesmo dono, Hanna-Barbera e Warner Bros. Animation operaron de maneira distinta ata 1998. En 1998, o edificio de Hanna-Barbera foi pechado e o estudio foi trasladado a Sherman Oaks, California.

Cartoon Network Studios

[editar | editar a fonte]

A partir de 1998, o nome Hanna- Barbera comezou a desaparecer das novas series animadas producidas polo estudio, sendo substituído por Cartoon Network Studios. En 2001, Hanna-Barbera formou parte de Warner Bros. Animation e os novos proxectos foron manexados por Cartoon Network Studios.

Debuxos de Hanna-Barbera en galego

[editar | editar a fonte]

A Televisión de Galicia fixo as dobraxes de moitos dos debuxos de Hanna-Barbera dende os anos 80. Contan coa súa versión en galego as series a seguir:

Outros emitidos coa dobraxe hispana en Galiza

[editar | editar a fonte]
  1. Holz, Jo (2017). Kids' TV Grows Up: The Path from Howdy Doody to SpongeBob. Jefferson, NC: McFarland. pp. 81-85, 124-126. ISBN 978-1-4766-6874-1. 
  2. "William Hanna – Awards". allmovie. Consultado o 10 de xuño de 2016. 
  3. "Hanna-Barbera Sculpture Unveiled Animation Legends Honored in Hall of Fame Plaza". Emmys.com. 16 de marzo de 2005. Consultado o 10 de xuño de 2016. 
  4. "COMPANY NEWS; Hanna-Barbera Sale Is Weighed". The New York Times (en inglés). 20 de xullo de 1991. Consultado o 3 de maio de 2014. 
  5. Carter, Bill (19 de febreiro de 1992). "THE MEDIA BUSINESS; A New Life For Cartoons". The New York Times (en inglés). Consultado o 3 de maio de 2014. 
  6. Barbera 1994, p. 83–84.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]