Les Schtroumpfs

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pitufo»)
Os pitufos en plastilina.
Os Smurfs no Atomium de Bruxelas.
Airbus decorado cos Smurfs.
Pitufos coa equipaxe da selección belga.
Júzcar, aldea de Málaga pintada de azul para a promoción do filme dos Pitufos.
Estatua dun Schtroumpf en Bruxelas.
Globo xigante no Día de Acción de Grazas de Nova York.

Les Schtroumpfs (nome orixinal en francés, traducido a neerlandés como De Smurfen, ao castelán como Los Pitufos, en inglés como The Smurfs e en portugués como Os Smurfs e Os Estrumpfos), son uns personaxes de banda deseñada infantil creados no 1958 polo guionista e debuxante belga Pierre Culliford, popularmente coñecido como Peyo (1928-1992). Os primeiros debuxos e libros de banda deseñada cos personaxes en chegar a Galiza foron en castelán, e o nome que se popularizou en galego é "pitufo". O tradutor afirmou que o nome provén do personaxe tradicional catalán Patufet (diminutivo de Patufo), un neno que leva unha barretina xigante. [1] Estes seres lideraron, grazas á difusión que lles deu os estudios Hanna-Barbera, unha serie americana de debuxos animados (The Smurfs) que constaba de 425 episodios de 26 minutos.

Son minúsculas criaturas azuis que viven nos cogomelos dun bosque. Hai máis de cen nomes de personaxes dos smurfs ou pitufos. A súa organización social é semellante á humana, pasada polo filtro dos contos clásicos infantís cunhas pinceladas cargadas de comicidade.

O universo dos pitufos[editar | editar a fonte]

Estas pequenas criaturas ficticias caracterízanse polo seu tamaño (tres mazás de alto), a súa singular vestimenta (un pantalón branco e un pucho con forma de calcetín) e pola cor azul da pel. Esta tonalidade decidiuse por exclusión: a encarnada era unha cor demasiado estridente, o amarelo indicaba infortunio e o verde confundíase coa paisaxe.

Todos visten igual, agás un, o maior de todos: Papá Pitufo, que o fai de vermello. Esta criatura de barba branca dirixe a aldea grazas aos seus coñecementos intelectuais e máxicos.

Estes pequenos seres imaxinarios diferéncianse por uns trazos sutís (unha pequena flor, unha tatuaxe, uns lentes...) que marcan a súa personalidade ou a súa profesión.

As historias dos pitufos transcorren na Idade Media, no medio dun bosque que non podemos situar xeograficamente. A espesura da follaxe xunto co tamaño diminuto das súas casiñas con forma de cogomelo conforman o acubillo perfecto para escapar dun bruxo perverso: Gargamel. El e o seu gato, Azrael, tratan de capturar os pequenos trasnos azuis porque contitúen o ingrediente principal para obter ouro, ademais de supoñer a base da "sopa de pitufos", un lendario e saboroso prato.

A linguaxe que empregan é realmente sinxela: abonda con engadir a palabra “pitufo” a modo de prefixo, diante dos nomes; ou “pitufar” no caso dos verbos. Só os falantes desta singular lingua, xunto cos cativos, poden descodificar as mensaxes.

O nome[editar | editar a fonte]

O nome orixinal é francés: "schtroumpf", pronunciado de maneira semellante á voz alemá "Strumpf": /ʃʁum.fe/, que significa "peúgo". A maioría das linguas adaptaron esta voz á súa fonética: "schülumpfe", en alemán; "smurfen", en holandés, "puffi", en italiano; "smerfy", en polaco...

A orixe da expresión castelá, "pitufo", hai que buscala na revista Strong. Segundo relata Alfóns Moliné, debemos remitirnos ao ano 1969, data no que foron publicados en castelán por primeira vez, cando un dos seus redactores, Miguel Agustí, matinaba na adaptación do nome orixinal ao español. Este catalán de nacemento botou man do nome dos personaxes dunha coñecida revista infantil, Cavall fort da España de entre guerras: os Patufets. Só foi necesario facer unha sinxela derivación para obter o novo termo. En galego calcouse directamente a voz empregada polo español.

En catalán o nome orixinal que reciben os trasnos aos que nos referimos é o de Barrufets. Non é unha voz inventada por ningún narrador; trátase dun personaxe emblemático do folclore catalán que significa diaño.

En vasco denominouse pitufuak e, máis adiante, pottokiak, por comparación co tamaño duns pequenos ponis propios da zona.

Os personaxes[editar | editar a fonte]

Os personaxes son planos e arquetípicos, non evolucionan ao longo das historias. Cada un adopta un rol diferente no conxunto (son personaxes – función en termos de narrativa). Cada pitufo ten unha personalidade extravagante, destacando Cachirulo, Lambón (o cociñeiro), Fachendoso, Argallán (cos seus regalos explosivos que sempre erran), Granxeiro, Sabido e o antes mencionado Papá Pitufo. Ademais, nas últimas temporadas aparecen 3 pitufos pequenos, e o Avó Pitufo (vestido de amarelo).

Na pequena aldea habitan máis dunha centena de individuos, pero só uns poucos deles son recorrentes ao longo da serie. Os máis coñecidos son Azrael, Gargamel, O Gran Pitufo (posteriormente, na serie animada, Papá Pitufo) e Pitufiña.

Xénese[editar | editar a fonte]

O 23 de outubro de 1958 os pitufos fixeron a súa primeira aparición na tira de Johan e Pirluit, do xornal Le Journal de Spiron, no que o seu creador traballaba como ilustrador. O protagonistas principais desta historia eran dous mozos cuxas peripecias transcorrían na Europa da idade medieval.

No episodio A frauta dos seis buracos (renomeada nunha edición posterior como A frauta dos pitufos), Pirluit demostra ser un frautista nefasto. A súa pouca destreza co instrumento incomoda aos habitantes do castelo. A través dun comerciante, o rapaz consegue unha frauta con seis orificios. Trátase dunha frauta máxica, que desprende un son que conquista á xente do lugar. Tras investigar a súa investigar a súa procedencia, os dous rapaces chegan á conclusión de que os pitufos son os creadores do singular obxecto.

Os ananos azuis reaparecerán ata tres veces máis antes de obteren a súa propia mini- historieta na revista Spirou no ano 1959. A partir deste momento os pitufos deixan de ser uns personaxes secundarios e comezan a adquirir os seus trazos definitorios.

A boa acollida das aventuras levou a Peyo a centrarse na creación de máis historietas. O mercado respondeu favorablemente e axiña comezou a medrar un poderoso mercado de produtos derivados.

1959 aparecían nove filmes (de trece minutos de duración) realizados polos Studios TV Animation Dupuis.

Na década dos 70 os pitufos debutaron no cinema. A película, A frauta dos pitufos, aínda popularizou máis ás figuriñas azuis. A banda sonora da obra cinematográfica, composta por Michael Legrand (coñecido como Pai Abraham) divulgouse con rapidez por Europa . O personaxe do Pai Abraham, home afable que se distinguía pola súa barba branca e a súa vestimenta moura, vai quedar ligado definitivamente aos pitufos. É así que o habitual sexa que nos numerosos programas televisivos europeos uns e outros aparezan cantando xuntos.

No 1981 o dúo Hanna_Barbera mercou un pitufo de peluche para un dos seus netos. Fascinados polas pequenas personaxes puxéronse en contacto con Peyo para crear unha serie de debuxos animados e difundilos a través da NBC. Producíronse un total de 256 capítulos, que serían diferidos en 30 países diferentes. Daquela, os pitufos acadaron a fama mundial e a acollida de numerosos premios.

O tema musical que hoxe se coñece foi producido por Hanna-Barbera. Comeza cunhas mestura de Scheherazada e continúa co primeiro movemento da Oitava Sinfonía de Franz Schubert (Inconclusa).

En España esta serie de debuxos animados emitiuse por primeira vez a través de Televisión Española (1983- 1984), para ser logo difundida nas diferentes canles televisivas de carácter autonómico.

Na década dos 80 fixéronse tremendamente populares grazas á súa difusión no medio televisivo e á publicación das viñetas na Editorial Bruguera. Esta empresa deixou saír á luz emocionantes capítulos na revista Pulgarcito e Olé. No en tanto, Planteta Agostini recompilounas en tapa dura no 2007

Actualidade[editar | editar a fonte]

Medio século despois do seu nacemento, estes ananos azuis seguen hoxe vixentes e xerando cuantiosos ingresos. Coincidindo co quincuaxésimo aniversario, Columbia e Sony estrearon, en Galiza o 29 de xullo de 2011, un filme de animación 3D The Smurfs (en Galiza en castelán: Los Pitufos). Os pitufos fílmicos combinaron a animación coa tecnoloxía GCI xerada por ordenador. En 2013 estreouse unha secuela da mesma.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "“Vaig encunyar la paraula ‘pitufo’ inspirant-me en ‘Patufet’”". La Vanguardia (en castelán). 2016-07-31. Consultado o 2022-01-25. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]