Habilidade excepcional de cálculo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A habilidade excepcional de cálculo é unha condición específica de desenvolvemento mental, na que a capacidade de realizar cálculos matemáticos é significativamente superior á capacidade de aprendizaxe xeral e ao rendemento escolar en matemáticas.[1] Un estudo de neuroimaxe realizado en 2002 nun neno con hipercalculia suxeriu un aumento do volume cerebral no lobo temporal dereito. As exploracións SPECT en serie revelaron hiperperfusión sobre as áreas parietais do lado dereito durante as tarefas aritméticas.[2]

Termo[editar | editar a fonte]

O termo "hypercalculia" en lingua inglesa é unha combinación do prefixo grego antigo hyper- ("ὑπέρ", que significa "sobre" ou "máis que") e -calculia, deriva do latín "calculus", que significa "pedra" (da mesma raíz son os cálculos renais ou nefrólitos), polas pedras dos ábacos.[3][4][5]

O termo ten equivalentes noutras linguas, como en castelán ("hipercalculia") ou na lingua rusa ("Гиперкалькулия"). En galego, "hipercalculia" non aparece no DRAG, no DGTM[6] nin no bUSCatermos, e tampouco "hipercalcúlia" en dicionarios de galego reintegrado ou de portugués; con todo, neste artigo son empregados os termos 'hipercálculo' e 'hipercalculia' como sinónimo de habilidade excepcional de cálculo nas condicións descritas.

Perfís de habilidades matemáticas e lectoras en persoas autistas[editar | editar a fonte]

Algúns nenos teñen habilidades lingüísticas ou matemáticas excepcionais, pero raramente en ambas á vez. Os nenos autistas tamén poden ter estas habilidades, algúns son chamados 'sabios' ou savant. Un exemplo destacado é unha nena de trece anos estudada por Pacheva, Panoy, Gillberg e Neville, que demostrou habilidades excepcionais de hipercálculo e tamén de hiperlexia (habilidade sobresaínte para a lectura) e de hiperemnesia (para a memorización).[7]

Un estudo publicado en 2014 examinou os perfís de rendemento en lectura e matemáticas e os seus cambios ao longo do tempo nunha mostra de nenos de entre 6 e 9 anos diagnosticados con TEA no espectro do autismo. Constatouse que hai catro perfís de capacidade diferentes: alto rendemento (39%), hiperlexia (9%), hipercalculia (20%) e baixo rendemento (32%).[8] Un estudo previo realizado en 2009 estimou a taxa de hipercalculia entre adolescentes con TEA nun 16,2%.[9] [10]

Segundo Wei, Christiano, Yu, Wagner e Spiker, a investigación sobre o perfil de rendemento do TEA en relación á hipercalculia é ás veces ignorada nos ámbitos académicos. Ás veces, este descoido é o resultado de máis recursos destinados a comprender as capacidades dos nenos con hiperlexia. Os nenos con TEA mostraron resultados moi diferentes durante as probas de hipercalulia con respecto ás 'medidas estandarizadas de rendemento en matemáticas', obtendo resultados situados tanto "por debaixo da media en tarefas matemáticas e resolución de problemas", como "aptitude media" e como situados entre os "estudantes de alto rendemento, superando o percentil 99".[8]

Hai un debate en curso sobre a causa da hipercalculia asociada a outras habilidades dos nenos sabios ou savant. Algúns investigadores teorizan que as tendencias obsesivas poden provocar que os individuos afectados presten máis atención a certos aspectos das súas vidas.[2] As persoas con autismo ás veces concentran gran parte do seu tempo, enerxía e atención en horarios ou rutinas, cálculos do calendario, números ou contas e/ou música.[11]

Outros investigadores especulan que as persoas con tendencias savant poden usar diferentes áreas do cerebro mentres procesan asuntos relacionados coas súas capacidades superiores. Entre outros argumentos para o debate están as hipóteses sobre os procesos neuronais e as capacidades de almacenamento da memoria de traballo.[2]

Wallace refírese ás veces a estes individuos como "sabios matemáticos" ou "sabios aritméticos". Na súa experiencia, as persoas con esta capacidade acostuman preferir unha especie de método de fragmentación ou segmentación. As súas inclinacións tenden a empurralos a dividir as cousas máis grandes en cousas máis pequenas como números ou ecuacións. Estes datos levaron a Wallace a investigar "sabios dos números primos", que poden calcular a descomposición dun número nos seus factores primos dividindo o número unha e outra vez varias veces.[12]

Investigación do comportamento dos nenos con capacidades intelectuais de maior rendemento[editar | editar a fonte]

Hai cinco tipos diferentes de trastornos que foron etiquetados baixo o trastorno do espectro do autismo. Segundo o Diagnostic and Statistical Manual of Mental Disorders, DSM-IV ("Manual de diagnóstico e estatística dos trastornos mentais", 4ª edición), os cinco tipos diferentes de trastornos do espectro autista están enumerados como: trastorno autista, trastorno de Asperger, trastorno desintegrativo da infancia, trastorno de Rett e trastorno xeneralizado do desenvolvemento, non especificado doutro xeito (PPD-NOS).[13]

Nun estudo de 2013 observouse o comportamento dos nenos do espectro autista que presentaban capacidades intelectuais altas. Comparouse o comportamento destes nenos co dos nenos cun estado intelectual normal. A investigación mostra que estes nenos tenden a interiorizar os seus problemas. Investigacións posteriores suxiren que esta interiorización débese a trastornos lingüísticos e sociais. Moitos nenos do espectro autista con diferentes habilidades sabias ou savants, como hipercalculia, hiperlexia e hipermnesia semántica, tendían a interiorizar os seus problemas. Estes nenos tiñan máis probabilidades de experimentar ansiedade, baixa autoestima, perfeccionismo e disputas nas súas vidas sociais. Os seus problemas sociais derivan da retirada en circunstancias sociais e da falta de vontade de compartir. Moitos destes nenos caeron en dous tipos de trastornos do espectro, o PPD e o trastorno de Asperger. Os resultados mostran que hai pouca diferenza no comportamento dos nenos que se consideran con altos logros nas súas capacidades intelectuais en comparación cos nenos que non son tan dotados intelectualmente.[14]

Educación de nenos con habilidades sabias[editar | editar a fonte]

A finais do século XX aumentou a concienciación no sistema educativo sobre o cribado dos nenos autistas, incluídos os nenos autistas con habilidades savant.[15]

Acuñáronse algúns termos principais para os nenos sabios. A primeira categoría de sabios foi descuberta en Londres en 1887 polo doutor John Langdon Down, quen acuñou o termo "sabio idiota" (idiot savant, idiot sage). Este termo aplicouse ás persoas cun cociente intelectual inferior a 25, que mostraban unha intelixencia inferior á media na maioría das áreas, pero posuían unha habilidade excepcional en áreas como a música, a aritmética, a lectura, a escritura ou a arte, por citar algunhas. Idiot sage xa non é un nome de categorización aceptable, xa que non se usa principalmente despois do primeiro século desde o seu descubrimento. Case todas as persoas diagnosticadas con aptitudes sabias alcanzan un cociente intelectual de 40 ou superior.[16]

O segundo nome que se usa a miúdo para estes nenos é "sabio autista". Como o termo de Down, o sabio autista non sempre é apropiado para todos os casos. Só a metade das persoas con síndrome do sabio son autistas. A outra metade da poboación sabia padece outras deficiencias do sistema nervioso central causadas por lesións ou outros trastornos.[16]

A síndrome do sabio é o nome máis amplo e preciso para identificar aos nenos con algunha destas capacidades cognitivas superiores. [16]

A concienciación sobre a síndrome do savant aumentou, pero o escaso número de afectados dificultou a busca de recursos educativos para cubrir as súas necesidades. As ferramentas de diagnóstico melloradas ao longo dos anos axudaron a identificar estes nenos e as súas necesidades. Para o beneficio dos estudantes, os educadores deben ter en conta que, aínda que estes nenos teñen habilidades en determinadas áreas e mesmo son capaces de realizar cursos para superdotados, poden parecer groseiros e quizais irrespectuosos cos compañeiros e profesores porque non sempre dominan as regras de comunicación básicas e claves sociais.[15]

Outros conceptos a ter en conta no sistema educativo son as debilidades e fortalezas de cada neno. Nalgúns casos, os nenos con talento matemático poden exhibir unhas capacidades de cálculo mental sobresalientes, pero non son capaces de canalizalas cara á súa vida diaria, o que provoca unha desconexión entre as súas habilidades sabias e situacións prácticas.[15]

Adestramento en hipercalculia en individuos non afectados por autismo[editar | editar a fonte]

A hipercalculia pode non ser sempre só para aqueles con habilidades sabias. Usando intelixencia artificial inversa, os teóricos suxiren unha forma de emular as computadoras nos cálculos matemáticos.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Boucher, Jill M. (2017). Autism Spectrum Disorder. Characteristics, Causes and Practical Issues. Thousand Oaks, California: SAGE. p. 284. ISBN 978-1-47398699-2. 
  2. 2,0 2,1 2,2 González-Garrido; Andrés Antonio; et al. (November–December 2002). "Hypercalculia in savant syndrome: central executive failure?" 33 (6). Elsevier: 586–589. PMID 12505107. doi:10.1016/S0188-4409(02)00404-6. 
  3. "ὑπέρ" (en inglés). 2023-02-08. 
  4. "Dicionario; cálculo". Real Academia Galega. Consultado o 2023-06-20. 
  5. "CALCULAR". Etimologías de Chile (en castelán). Consultado o 2023-06-20. 
  6. Diccionario galego de termos médicos (PDF). Dirección Xeral de Política Lingüística. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de novembro de 2021. Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  7. Pacheva, Iliyana; Panov, Georgi; Gillberg, Christopher; Neville, Brian (2014). "A Girl with Tuberous Sclerosis Complex Presenting with Severe Epilepsy and Electrical Status Epilepticus During Sleep, and with High-Functioning Autism and Mutism" 27 (2): 88–95. ISSN 1543-3633. PMID 24968009. doi:10.1097/WNN.0000000000000026. 
  8. 8,0 8,1 Wei, Xin; Christiano, Elizabeth RA; Yu, Jennifer W.; Wagner, Mary; Spiker, Donna (2015-02-01). "Reading and math achievement profiles and longitudinal growth trajectories of children with an autism spectrum disorder" 19 (2). SAGE: 200–210. PMID 24449604. doi:10.1177/1362361313516549. 
  9. Jones, Catherine R. G.; Happé, Francesca; Golden, Hannah; Marsden, Anita J. S.; Tregay, Jenifer; Simonoff, Emily; Pickles, Andrew; Baird, Gillian; Charman, Tony (novembro de 2009). "Reading and arithmetic in adolescents with autism spectrum disorders: Peaks and dips in attainment" (PDF) 23 (6). American Psychological Association: 718–728. PMID 19899830. doi:10.1037/a0016360. 
  10. Dilly, Laura J.; Hall, Christine M. (2018). "Early Numeracy and Math Calculation". Autism Spectrum Disorder Assessment in Schools. Abingdon-on-Thames: Routledge. ISBN 978-1-35124243-1. 
  11. Allman, Melissa J.; Pelphrey, Kevin A.; Meck, Warren H. (2012). "Developmental neuroscience of time and number: implications for autism and other neurodevelopmental disabilities" 6: 7. ISSN 1662-5145. PMC 3294544. PMID 22408612. doi:10.3389/fnint.2012.00007. 
  12. Wallace, Gregory L. (2008-10-14). "Neuropsychological Studies of Savant Skills: Can They Inform the Neuroscience of Giftedness?" 30 (4): 229–246. ISSN 0278-3193. doi:10.1080/02783190802363901. 
  13. Faras Hadeel; Al Ateeqi Nahed; Tidmarsh Lee (2010-07-01). "Autism spectrum disorders" 30 (4): 295–300. PMC 2931781. PMID 20622347. doi:10.4103/0256-4947.65261. 
  14. Guénolé, Fabian; Louis, Jacqueline; Creveuil, Christian; Baleyte, Jean-Marc; Montlahuc, Claire; Fourneret, Pierre; Revol, Olivier (2013-07-10). "Behavioral Profiles of Clinically Referred Children with Intellectual Giftedness" 2013. doi:10.1155/2013/540153. 
  15. 15,0 15,1 15,2 Donnelly, Julie A.; Altman, Reuben (1994). "The autistic savant: Recognizing and serving the gifted child with autism" 16 (4): 252–256. doi:10.1080/02783199409553591. 
  16. 16,0 16,1 16,2 Treffert, Darold A. (2009-05-27). "The savant syndrome: an extraordinary condition. A synopsis: past, present, future" 364 (1522): 1351–1357. PMC 2677584. PMID 19528017. doi:10.1098/rstb.2008.0326. 
  17. Lemaire, Alexis; Rousseaux, Francis (2009-09-01). "Hypercalculia for the mind emulation" 24 (2): 191–196. ISSN 1435-5655. doi:10.1007/s00146-009-0187-4. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]