Saltar ao contido

Diccionario galego de termos médicos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Diccionario galego de termos médicos
Título orixinalDiccionario galego de termos médicos
Autor/aVarios autores
OrixeGaliza
LinguaGalego
Data de pub.2002
FormatoLibro
Páxinas852

O Diccionario galego de termos médicos (DGTM), é un volume lexicográfico elaborado baixo as directrices da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e publicado en 2002 pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Participantes

[editar | editar a fonte]

Foi dirixido polo doutor Francisco Reyes Oliveros (neurocirurxián e pai de Francisco Reyes Santiás) e mais polo lexicógrafo Constantino García; redactado polos doutores Juan Fernández Garrido, Manuel Ferreirós Sánchez Guisande e Raquel Vaquero Rodrigo; colaboraron na redacción os doutores Fernando Jiménez Herrero, José Luis Puente Domínguez, Manuel Pereiro Míguens, Agustín Sixto Seco e Elías Tovar Martín; a revisión lingüística foi levada a cabo polo Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega: Xesús Domínguez Dono, Ana I. Fachal Fraguela, M. Carme Pazos Balado, Manuela Pérez Rodríguez e Isolina Salgado Basoa; Colaborou na revisión Isabel González Fernández. A primeira edición foi prologada polo Presidente da Xunta e o Conselleiro de Educación.

Finalidade

[editar | editar a fonte]

Segundo afirma o Presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia no prólogo, a elaboración desta obra foi aprobada por unanimidade en sesión plenaria para cumprir un dos seus deberes e

coñecer a fondo a linguaxe propia, a interpretación e coñecemento de cada un dos seus vocábulos, da súa gramática e da súa fonética adquirindo a base necesaria para chegar á literatura, alma do pobo ó que pertence, sendo motivo non só de pracer intelectual senón tamén de orgullo das súas raíces.

A pesar de que a Real Academia Galega participou na elaboración, non todos os termos que aparecen no DGTM aparecen no Dicionario da RAG (algúns mesmo aparecen noutros dicionarios de galego pero non no DRAG), nin todos os termos da lingua popular que aparecen no DRAG aparecen no DGTM, xa que teñen fins distintos. En palabras do Presidente da RAMCG, Francisco Reyes,

Somos conscientes de que nesta primeira edición se notará a falta de numerosos vocábulos, a pesar de que se transcribiron máis de 20 000; haberá defectos nas definicións dalgúns, así como a obrigada transcrición literal de determinados vocábulos, recoñecendo neste caso o mérito do autor que logrou definilo por primeira vez.
Non se tratou de ofrecer un Diccionario de Termos Médicos no que teñan entrada todas e cada unha das especialidades médicas do momento actual, isto corresponderíalle a outro tipo de dicionario; tampouco de recoller unha gran variedade de vocábulos populares referentes á saúde e empregados coloquialmente polos non sanitarios, polo cal só se reflicten aqueles máis comúns e cun sentido máis próximo ó médico e a outros profesionais da sanidade.
Trátase en definitiva dun texto xeral dos termos máis usualmente utilizados no contexto sanitario e sobre todo que sirva de estímulo para empregar con maior asiduidade a linguaxe terminolóxica médica galega entre os profesionais e os pacientes"[1]

Como indicou Constantino García, un dos directores da obra, debido á diglosia xerada ao longo dos séculos, a terminoloxía médica en Galicia era un campo que debía ser desenvolvido, sendo para iso necesario ter un bo coñecemento da lingua dos falantes galegos.

Novos avances na terminoloxía médica en galego

[editar | editar a fonte]

Na publicación do DGTM deixaban claro que se trata dun dicionario xeral dos termos máis habituais, e que o labor habería de ser complementado con outras publicacións, por exemplo de dicionarios máis exhaustivos de ámbitos específicos. Desde a primeira edición do dicionario, en 2002, houbo outras achegas ao léxico médico en galego, coma o Vocabulario de Medicina da USC e a incorporación de termos innovadores. No caso da medicina xenómica, legal e forense, Anxo Carracedo incluíu na lingua galega palabras da súa creación, mesmo inexistentes noutras linguas.[2] Na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC cerca do 5% das materias danse en galego, e, xunto coa actividade investigadora, contribúe a ampliar e renovar a terminoloxía médica. Unha das vías que empregan científicos galegos para a ampliación de neoloxismos é fomentar o seu uso no eido da Lusofonía[3]; búscase por tanto a coherencia coas linguas do noso contorno, especialmente co portugués (se os nomes dos enzimas en galego rematan en -ase, como amilase, maltase, lactase, etc. é porque esta é a terminación usada en portugués e algunhas outras linguas)[4].

O TERMIGAL (Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega), é un organismo no que participan a RAG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación a través do Centro Ramón Piñeiro, ofrece un servizo de resolución terminolóxica de dúbidas e continúan o traballo de elaboración e difusión de léxico en diversas especialidades como a bioloxía, bioquímica, farmacoloxía e medicina, por exemplo desenvolvendo vocabulario de temas específicos como a SIDA.

A USC e a RAG tamén seguen a desenvolver vocabulario médico hoxe en día, por exemplo os termos surto e gromo non aparecen no DGTM (naquela altura non eran de uso tan cotiá coma durante a pandemia, e o termo brote non ten acepción epidemiolóxica), e agora están recollidos no banco de datos terminolóxicos da aplicación bUSCatermos do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade. En 2020 publicaron Termos esenciais da COVID-19.[5] Outra das actividades da USC para animar ao uso e difusión dos termos médicos en galego é a tradución e subtitulado de contidos da área sanitaria nas charlas TED-Saúde, desde o 2016.[6]

  1. Francisco Reyes. "Prólogo". Diccionario galego de termos médicos (PDF). Dirección Xeral de Política Lingüística. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de novembro de 2021. Consultado o 05 de xaneiro de 2022. 
  2. Carracedo, A. "O galego na miña vida". Charla de Ángel Carracedo, Dr en Medicina pola USC, investigador e profesor universitario (LGx15 / YouTube). Escena en 4:20. 
  3. Capítulo 331 de Ben Falado (6-1-2022). Galicia en galego. Anxo Carracedo (TVG). 
  4. "Xurxo Rodríguez, técnico do SNL da USC". GCiencia. Consultado o 6-1-2022. 
  5. "Termos esenciais da CoViD-19". USC - SNL. Consultado o 6-1-2022. 
  6. "Subtitulación de TED-Saúde". USC.gal. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]