Gran Redada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Gran Redada, tamén coñecida como Prisión xeral de ciganos, pretendía o exterminio biolóxico do pobo cigano en España. Decretado que debian de permanecer cautivos até a morte, constou de dúas grandes operacións: unha entre a noite do 30 de xullo de 1749 e a madrugada do día seguinte e outra a partir da terceira semana de agosto (en Cataluña e nalgunhas localidades onde non chegou a orde inicial de prisión, especialmente Málaga, Cádiz e Almería).[1] Foi unha disposición autorizada polo rei Fernando VI e organizada en segredo polo marqués da Ensenada xunto co bispo de Oviedo Gaspar José Vázquez Tablada.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O acontecemento, hoxe case esquecido e escasamente estudado polos historiadores, resulta relativamente insólito, aínda tendo en conta que as tensas relacións da Coroa, e do poder en xeral, coa comunidade xitana xa xeraran anteriormente dúas redadas importantes e outros episodios de discriminación ou persecución.

A primeira gran redada produciuse durante o reinado de Filipe II, cando unha vez instaurada en 1539 a pena de galeras para os ciganos, decidiuse repor os remeiros perdidos tras a batalla de Lepanto (7 de outubro de 1571), a través dunha leva xeral, na que se fixo especial incidencia na captura de todos os ciganos homes que fosen aptos para empuñar un remo. Desenvolvida a redada no inverno de 1571/1572, ordenouse que fosen escravizados os que non estaban aveciñados, e como remeiros libres asalariados cun pequeno soldo os que o estaban. A cantidade total de ciganos debeu alcanzar os tres centenares de persoas, aínda que só algo menos dun centenar foron a parar a galeras ante as dúbidas de moitas autoridades municipais e das numerosas súplicas dos mesmos condenados.[2] Máis tarde, en 1637, os bancos de galeras seguiron demandado máis remeiros, ante as novas necesidades bélicas, polo que novamente se acordou realizar unha redada para capturar o maior número posible de ciganos homes. Sinalado o 19 de decembro de 1639, polo menos medio milleiro deles foron presos, e enviados a galeras uns dous centenares.[3]

O feito de que o nuncio Enrique Enríquez permitise, mediante decreto, que fosen os bispos de cada diocese os que decidisen en casos de asilo eclesiástico —e non el mesmo, tal e como lle delegou o propio papa—, permitiu un control máis directo sobre a poboación por parte do Estado absoluto. Ao mesmo tempo, a recente Guerra de Sucesión provocara que os campos se enchesen de delincuentes, que se sumaron á chegada e permanencia de tropas mercenarias que vían minguada a súa mobilidade por causa da inseguridade cidadá, que se lle atribuíu aos ciganos.

En 1717, unha pragmática de Felipe V, fixara a residencia forzosa dos ciganos nun número moi determinado de cidades e poboacións —un total de 41 cidades—, con obxecto de sedentarizalos e asimilalos.[4] Fernando VI, en 1746 ampliou a lista en 34 cidades.[5] Por isto, no momento da organización e execución do plan, a capital, Madrid, estaba chea de ciganoos en espera de reasentamento, pois os procesos burocráticos eran lentos, o que provocou as queixas do propio monarca, que ordenou apurar os trámites para expedir canto antes os ciganos ambulantes ao seu destino e asegurar así a súa localización posterior. Iso permitiu coñecer con exactitude o paradoiro de 881 familias xitanas, incrementando a eficacia da operación.

Os plans foron iniciados polo bispo de Oviedo, Vázquez Tablada e continuados e executados polo marqués da Ensenada cando aquel caeu en desgraza, aínda que ideas parecidas foran xa suxeridas en décadas anteriores, sen chegar a se materializar.

O plan[editar | editar a fonte]

A organización foi levada a cabo en segredo, dentro do ámbito do Despacho de Guerra. Esta institución do Estado absolutista preparou minuciosas instrucións para cada cidade, que debían ser entregadas ao corrixidor por un oficial do exército enviado para o efecto. A orde era abrir esas instrucións nun día determinado, estando presente o corrixidor e o oficial, para lograr a simultaneidade da operación. Tamén se prepararon instrucións específicas para cada oficial, que se faría cargo das tropas que debían levar a cabo o arresto. Nin o oficial, nin as tropas coñecían até o último momento o obxectivo da súa misión. Ambas as ordes ían introducidas nun sobre, ao que se engadiu unha copia do decreto do nuncio, antes mencionado, e instrucións para os bispos de cada diocese. Eses sobres remitíronse aos capitáns xenerais, previamente informados, que escolleron as tropas en función da cidade á que debían dirixirse.

As instrucións estipulaban que, tras abrir os sobres, manteríase unha breve reunión de coordinación do exército e as forzas de orde pública locais (alguacis, etc.). Sábese que en Carmona, por exemplo, estudouse a operación sobre o plano da cidade, cortando as rúas para evitar unha posible fuxida. Tras os arrestos, cruzáronse os datos dos detidos cos do censo da cidade e interrogouse os detidos sobre o paradoiro dos ausentes, que foron arrestados mediante requisitoria aos poucos días.

Tras o arresto, os ciganos deberían ser separados en dous grupos: todos os homes maiores de sete anos nun, e as mulleres e os menores de sete anos noutro. A continuación, e segundo o plan, os primeiros serían escravizados nos arsenais da Mariña, e as segundas ingresadas en cárceres ou fábricas.[6] Os arsenais elixidos foron os de Cartaxena, Cádiz (La Carraca) e Ferrol,[7], e máis tarde as minas de Almadén, Cádiz e Alacant e algunhas penitenciarías do norte de África. Para as mulleres e os nenos escolléronse as cidades de Málaga, Valencia e Zaragoza.[8] As mulleres tecerían e os nenos traballarían nas fábricas, mentres os homes se empregarían nos arsenais, necesitados dunha intensa reforma para posibilitar a modernización da Armada Española, tendo en conta que as galeras foran abolidas en 1748.[9] A separación das familias (co evidente obxectivo de impedir novos nacementos) foi un dos trazos máis crueis da persecución.

O traslado sería inmediato, e non se detería até chegar ao destino, quedando todo enfermo baixo vixilancia militar mentres se recuperaba, para así non atrasar o grupo. A operación financiaríase cos bens dos detidos, que serían inmediatamente confiscados e poxados para pagar a manutención durante o traslado, o alugamento de carretas e barcos para a viaxe e calquera outro gasto que se producise. As instrucións, moi puntillosas nese sentido, estabelecían que —de non bastar ese diñeiro— o propio rei correría cos gastos.

A posta en práctica[editar | editar a fonte]

Diversas cifras baralláronse para computar o efecto da medida adoptada en 1749. A análise dos documentos existentes até o 4 de outubro dese ano, dá a cifra de 7760 ciganos capturados, aos que se deben engadir todas as persoas que faleceron, lograron fuxir e as que quedaron libres antes de ser computadas, como tamén todos aqueles que se capturaron en localidades que non foron incluídas en primeira instancia —algo máis de mil ciganos—, polo que se estima unha cifra aproximada ás 9000 persoas, cantidade que coincide coa que Campomanes deu no seu día, seguramente por manexar esta mesma documentación.[10] Aínda que, hai algúns autores que elevan esta cantidade até 12 000 persoas implicadas, multitude que causou problemas de localización, que foron resoltos sobre a marcha. En cada lugar os feitos desenvolvéronse de maneira particular. En Sevilla, un dos lugares máis densamente poboados de ciganos de toda España (130 familias), creouse un certo estado de alarma cando se ordenou pechar as portas da cidade e os habitantes se decataron de que o exército rodeaba a poboación. A recollida dos ciganos deu lugar a disturbios que se saldaron con polo menos tres fuxitivos mortos. Noutros lugares, os propios ciganos presentáronse voluntariamente ante os corrixidores, crendo talvez que acudían a resolver algún asunto relacionado co seu recente reasentamento.

A meticulosa organización dos arrestos contrasta coa imprevisión e o caos en que se converteu o traslado e o aloxamento, sobre todo nas etapas intermedias das viaxes. Reuniuse os ciganos en castelos e alcazabas, e mesmo se baleiraron e cercaron barrios dalgunhas cidades para aloxar os deportados (por exemplo, en Málaga). Xa no seu destino, as condicións de amoreamento resultaron ser especialmente terríbeis, pois polo xeral incluían o uso de grillóns.

A envergadura do proxecto de exterminio mostrouse moi por encima dos medios dispoñíbeis naquela época, xa que se carecía dos necesarios recursos económicos e humanos para completalo. Ademais, moitas partidas formáronse improvisadamente, e non tiveron ben definido cal era o obxectivo, aínda cando os padróns de ciganos achábanse incompletos, feito que fixo xurdir numerosas dúbidas desde un primeiro momento, por non saber se había de procederse contra todos os ciganos en xeral, ou ben había que facer excepcións con aqueles que posuían estatutos de cristiáns vellos ou formaban matrimonios mixtos. O Consello de Castela, desbordado pola morea de interrogantes que desde todos os recunchos da península foron chegando, tivo que dilucidar sobre todo isto e sobre o que había de practicarse con aqueles que se achaban noutros destinos penais, dilema que se resolveu ao ordenar mantelos presos tras cumprir a súa condena. Ademais, as protestas dos ciganos que posuían un estatuto de castellanía ou dunha veciñanza consolidada de moitos anos atrás, conseguiron que se dispuxese a liberdade dos “que antes de recollelos tivesen executorias do Consello ou outras formais declaracións para non ser considerados como tales”, medida que acabou facéndose extensíbel ao resto das familias dos implicados, rompendo o carácter universal da redada e abrindo un novo proceso que se centrou nunha reformulación dirixida cara a orzamentos moi diferentes do proxecto orixinal de exterminio.[11]

Segundo a documentación conservada, a actitude dos non ciganos foi variábel. Desde a colaboración e a denuncia até a petición de misericordia ao Rei por parte de cidadáns «respectábeis» (no caso de Sevilla), o que é unha mostra do variado grao de integración que tiña a poboación xitana de entón. Foron as mulleres xitanas as que mostraron unha maior rebeldía, especialmente na Casa de Misericordia de Zaragoza, onde se produciron grandes e repetidas evasións, moitas veces con éxito. Ademais, para facer máis gravosa a súa estancia romperon os seus vestidos até quedarse espidas, e coa roupa, taponar os pozos negros da Casa. Mobiliario, cubertos, porcelana, etc., non se libraron da súa furia.[12]

A vaguidade da definición de «cigano»[editar | editar a fonte]

Nas instrucións enviadas non se mencionaba os «ciganos»; a palabra estaba prohibida por pragmáticas anteriores, en virtude dos ideais unificadores da Ilustración. A pragmática basicamente describía as súas actividades. Iso permitiría a algúns corrixidores ordenar que non se molestase a determinada familia por estar arraigados na veciñanza e ter oficio coñecido. Así mesmo, non se detivo as mulleres xitanas casadas cun non cigano (aínda que houbo excepcións), apelándose ao foro do marido, o que implicaba que os ciganos casados con non xitanas si serían deportados xunto coas súas mulleres e fillos. Dispúxose a forca para os fuxidos, aínda que parece que as autoridades locais se negaron a cumprir esa orde, en parte polas decisións de revisión de casos que veremos a continuación, en parte por considerala inxustificada.

O 7 de setembro de 1749, xa moi avanzada a operación, ten lugar unha reunión da Xunta de Ciganos, onde o marqués da Ensenada declara:

Falta o principal, que é darlles destino co que se impidan tantos danos e extinga se é posíbel esta xeración.[13]

Na reunión barállase a deportación final a América, a súa dispersión polos presidios ou o seu emprego nas obras públicas. Con todo, ante as queixas desde diferentes estamentos e as constantes solicitudes de liberdade, terminouse concedendo por Real orde de 28 de outubro un indulto parcial, no que se beneficiaron aqueles que puideron demostrar unha forma de vida conforme ás pragmáticas reais. En canto aos destinos, os homes maiores de 7 anos enviáronse aos arsenais, e as mulleres e nenos menores desa idade a Casas de Misericordia. Ao non producirse un indulto total, os recursos e os preitos mantivéronse até o final.

Ao non existir unha noción clara e determinante de quen era cigano e quen non, moitos ciganos asentados desde había xeracións viron revisados os seus casos, en ocasións por iniciativa propia, outras veces ao ser defendidos polos seus veciños, e na maioría mediante procedementos secretos, caso por caso, co fin de comprobar o seu grao de integración.

Fernando VI, baixo cuxo reinado se fraguou a Gran Redada.

Segundo Teresa San Román, en realidade o que ocorreu foi que os conselleiros do Rei descubriron que os ciganos arrestados (os sedentarizados) eran os máis valiosos para as economías locais, mentres que os máis perigosos, aos seus ollos, continuaban soltos. En outubro o goberno presenta unha nova orde con máis especificacións, tratando de facer entender que estaba a se deter os ciganos equivocados. Iso explicaría que aínda en 1751 e 1755 houbese partidas de detidos enviados aos cárceres e ao mesmo tempo se liberaban outros. En xeral, a confusión posterior foi total, pois se detén aos ciganos nun sitio e son soltados noutros (por petición dos veciños e procedementos secretos). Esta situación provocaría, segundo a autora, a ruptura traumática dos vínculos entre "casteláns" e ciganos, especialmente desde a perspectiva destes últimos, que viron traizoados os seus esforzos de integración.[14]

O persoal militar encargado de custodiar os arrestados apremou tales procedementos, pois en realidade os ciganos detidos creaban crebacabezas aos seus carcereiros e apenas servían para os traballos dos arsenais. Isto permitiu a paulatina liberación de moitos presos, aínda que nun ambiente de caos (onde a similitude de apelidos e nomes deu lugar a diversas confusións). A iso sumouse o feito de que os liberados debían recuperar os seus bens agora poxados, o que converteu o proceso nun problema xurídico para moitas localidades. Doutra banda, a liberación de parte do continxente dividiu os ciganos en dous grupos: os «bos» e os «maos». Descoñécese a proporción existente entre un e outro tipo.

Aqueles que quedaban presos resignáronse ou resistíronse, e houbo intentos de evasión. Aos catro anos de internamento, moitos ciganos volveron reclamar liberdade, amparándose en que esa era a pena para os vagabundos, normalmente sen obter por iso a liberdade. Sábese que en 1754, cinco anos despois da redada, había 470 mulleres en Valencia e 281 homes en Cartaxena.[15] Entre tanto, as liberacións acompañábanse de novas detencións.

Basicamente, o asunto foise dilatando en Madrid, a pesar das protestas dos militares que se queixaban do custo económico que supuña ter ao seu cargo os prisioneiros, ou dos veciños e corrixidores. Desde a Corte déronse instrucións tallantes para que non se admitisen máis recursos nin liberacións. A pesar de todo, algúns arsenais, pola súa conta, e irregularmente, puxeron en liberdade a varios continxentes en 1762 e 1763. Estes sucesos, e o balbordo que causaría entre os mandos do exército, provocaron o indulto final.

O indulto[editar | editar a fonte]

En 1763 notificóuselles aos ciganos, por orde do rei (neste caso, Carlos III), que ían ser postos en liberdade. Pero a complexa administración absolutista debía primeiro resolver o problema da súa recolocación. Ademais, os conselleiros do rei decidiron que, xunto co indulto, debería reformarse de novo toda a lexislación sobre os ciganos. Isto supuxo un atasco burocrático de dous anos máis, para desesperación dos ciganos presos, que non cesaron de reclamar a liberdade, e inquietude dos militares, até tal punto que o rei ordenou acelerar os trámites e deu ordes de finalizar o asunto.[16] O 6 de xullo de 1765, dezaseis anos despois da redada, a secretaría de Mariña emite orde de liberar a todos os presos, orde que cara a mediados de mes xa se cumpriu en todo o reino. No arsenal de Cartaxena, un total de 75 ciganos foron postos en liberdade, 12 deles con destino a Alzira. Con todo, estes non foron os últimos, pois o 16 de marzo de 1767 os dous ciganos que até entón se achaban escravizados nos traballos do camiño de Guadarrama foron postos en liberdade.[17]

Cando en 1772 se someteu a deliberación unha nova lexislación sobre ciganos, no preámbulo menciónase a redada de 1749. Carlos III solicitará que sexa retirada esa mención, pois «fai pouca honra á memoria do meu irmán» (referíndose a Fernando VI).[18]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Martínez Martínez. Los gitanos y gitanas de España a mediados del siglo XVIII. El fracaso de un proyecto de exterminio (1748-1765) (en español). Universidad de Almería. ISBN 978-84-16027-31-6. 
  2. Martínez Martínez, Manuel (2004), «Los gitanos en el reinado de Felipe II (1556-1598). El fracaso de una integración.» En Chrónica Nova, 30.
  3. Martínez Martínez, Manuel (2012), «Los forzados de la escuadra de galeras del Mediterráneo en el siglo XVII. El caso de los gitanos.» En Revista de Historia Naval, 117.
  4. A razón dunha familia xitana por cada cen habitantes (Gómez Alfaro, óp. cit., páx. 20).
  5. Angus Fraser, "los gitanos", editorial Ariel, 2005. Páx. 169. ISBN 84-344-6780-1
  6. «Despois de presas todas as referidas familias hanse de separar os homes cos raparigos de sete anos para arriba, e as mulleres cos de menor idade.» Instrucións a un corrixidor. Transcrición de A. Gómez Alfaro do cartapacio 1936.33 do Arquivo municipal de Orihuela, óp. cit., páx. 27.
  7. Martínez Martínez, Manuel (2014). Los gitanos y las gitanas de España a mediados del siglo XVIII : el fracaso de un proyecto de "exterminio" (1748-1765). Almería: Universidad de Almería. pp. 55–62. ISBN 9788416027316. OCLC 884722358. 
  8. San Román, óp. cit., páx. 40.
  9. Angus Fraser, óp. cit., páx. 170.
  10. Martínez Martínez, Manuel, Los forzados de Marina en el siglo XVIII. El caso de los gitanos (1700-1765). Tese de doutoramento, Universidade de Almería, 2007.
  11. Martínez Martínez, Manuel (2007), óp. cit.
  12. Martínez Martínez, Manuel (2014) Los gitanos y las gitanas de España a mediados del siglo XVIII. El fracaso de un proyecto de exterminio (1748-1765), páxs. 113-124.
  13. Gómez Alfaro, óp. cit., páx. 73.
  14. San Román, Teresa, óp. cit., páx. 43.
  15. Gómez Alfaro, óp. cit., páx. 98.
  16. Os forzados de Cartaxena quéixanse nunha instancia do 19 de marzo de 1765 do seu arresto, cando «sen ser ouvidos en Xustiza, con toda indefensión, sen máis corpo do delito que apelidarse Ciganos, foron presos e conducidos a devandito destino, no que cargados de ferro, vituperados e mortos de necesidade, traballaron incesantemente nas faenas de máis rigor no espazo de dezaseis anos, sen delinquir en ningún delito, nin falta na súa obrigación» (Gómez Alfaro, óp. cit., páx. 115).
  17. Martínez Martínez, Manuel (2012), «Forzados gitanos confinados en los arsenales peninsulares tras la redada general de 1749.» En Estudios de Historia Naval. Actitudes y medios en la Real Armada del siglo XVIII, Murcia.
  18. Gómez Alfaro, óp. cit. páxina 9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

As fontes directas destes sucesos atópanse dispersas nos arquivos municipais españois, e en moitos casos perdéronse, así como noutros arquivos oficiais e epistolarios administrativos e diplomáticos. A pesar da natureza do caso, apenas mereceu a atención da historiografía. A reconstrución destes episodios débese, fundamentalmente, a Antonio Gómez Alfaro.

  • Fraser, Angus: Los gitanos (esp. pág. 170 y sig.), Ed. Ariel, Barcelona, 2005, ISBN 84-344-6780-1.
  • Gómez Alfaro, Antonio: 'La Gran Redada de Gitanos, Ed. Presencia Gitana, Madrid, 1993. ISBN 84-87347-09-6
  • Martínez Martínez, Manuel: Los forzados de Marina en el siglo XVIII. El caso de los gitanos (1700-1765), Tese de doutoramento, Universidade de Almería, 2007, ISBN 978-84-8240-852-1.
  • Martínez Martínez, Manuel: «Forzados gitanos confinados en los arsenales peninsulares tras la redada general de 1749.» En Estudios de Historia Naval. Actitudes y medios en la Real Armada del siglo XVIII. Murcia, 2012, páxs. 291-328, ISBN 978-84-9781-719-6.
  • Martínez Martínez, Manuel: Los forzados de la escuadra de galeras del Mediterráneo en el siglo XVII. El caso de los gitanos en Revista de Historia Naval, 117, 2012.
  • Martínez Martínez, Manuel: Los gitanos en el reinado de Felipe II (1556-1598). El fracaso de una integración en Chrónica Nova, 30, 2004, pp. 401–430, ISSN 0210-9611.
  • Martínez Martínez, Manuel (2014). Los gitanos y las gitanas de España a mediados del siglo XVIII : el fracaso de un proyecto de "exterminio" (1748-1765). Almería: Universidad de Almería. ISBN 9788416027316. OCLC 884722358. 
  • San Román, Teresa: La diferencia inquietante (esp. páxs. 38 a 43), Ed. Siglo XXI. Madrid, 1997. ISBN 84-323-0951-6

Outros Artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]