Gerda Taro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gerda Taro
Gerda Taro
Gerda Taro en España, xullo de 1937 (fotografía de Guillermo Zúñiga).
Nome de nacemento Gerta Pohorylle
Nacemento 1 de agosto de 1910
Lugar Alemaña Stuttgart, Imperio Alemán
Falecemento 26 de xullo de 1937 (26 anos)
Lugar España O Escorial, España
Nacionalidade alemá
Ocupación Fotografía

Gerda Taro, pseudónimo de Gerta Pohorylle, nada en Stuttgart, no Imperio Alemán, o 1 de agosto de 1910O Escorial, e finada en España, o 26 de xullo de 1937), foi unha pioneira xornalista gráfica de guerra. Fotografou xunto con Ernest Andrei Friedman baixo o pseudónimo Robert Capa, sendo difícil saber que fotos son de cada un. É considerada a primeira fotoxornalista muller que cubriu unha fronte de guerra e a primeira en falecer ao facelo.[1]

Biografía[editar | editar a fonte]

Gerda Taro chamábase en realidade Gerta Pohorylle, e era filla de xudeus polacos. A pesar das súas orixes burguesas, desde moi nova entrou a formar parte de movementos socialistas e obreiros. Por iso coa chegada dos nazis ao poder, e tras sufrir unha detención, decidiu fuxir cunha amiga a París.

En París coñeceu por casualidade a Ernest Andrei Friedman, un xudeu húngaro que tentaba gañar a vida como fotógrafo. Gerda e Andrei fixéronse noivos e Andrei ensinoulle a Gerda os seus coñecementos de fotografía.

Como non lles ían ben as cousas e non recibían traballo, ocorréuselles unha curiosa idea. Inventarían un personaxe chamado Robert Capa, que supostamente era un reputado fotógrafo chegado dos Estados Unidos para traballar en Europa. Como é tan famoso, vende as súas fotos a través dos seus representantes: Friedman e Pohorylle, ao triplo do prezo que un fotógrafo francés. Este truco funciona perfectamente e ao pouco tempo reciben moreas de encargos e por fin gañan diñeiro.

Guerra Civil Española[editar | editar a fonte]

Adestramento dunha miliciana republicana fotografada por Gerda Taro

En 1936 dá comenzo a Guerra Civil Española, que marcaría decisivamente a ambos. Trasládanse a España para cubrir o conflito. Foron testemuñas de diferentes episodios da guerra, e realizaban reportaxes que logo eran publicados en revistas como Regards ou Vu.

Ao principio a marca «Capa» era utilizada indistintamente por ambos os fotógrafos. Logo produciuse certo distanciamento entre eles e Andrei Friedman quedou co nome de «Robert Capa». Pouco antes de morrer ela comezaría a empregar a sinatura de «Photo Taro».[2]

Do traballo de Gerda en solitario a súa reportaxe máis importante foi a da primeira fase da batalla de Brunete. Gerda foi testemuña do triunfo republicano nesta primeira fase da batalla. Esta reportaxe foi publicada en Regards o 22 de xullo de 1937 e deulle a Gerda un gran prestixio.

Fotografía de Robert Capa realizada por Gerda Taro

Porén pouco despois as tropas franquistas iniciarían un contraataque, e Gerda decidiu volver á fronte de batalla en Brunete. Alí foi testemuña dos bombardeos da aviación do bando sublevado, e realizou moitas fotografías, poñendo en perigo a súa vida. Aquela batalla finalizou en derrota para o bando republicano.

Falecemento[editar | editar a fonte]

Gerda Taro perdeu a vida nun accidente durante o repregamento do exército republicano. Gerda subiu ao estribo do coche do xeneral Walter (membro das Brigadas Internacionais). Nun momento dado, uns avións inimigos voando a baixa altura fixeron que estalase o pánico no convoi e Gerda caeu ao chan, tras unha pequena elevación do terreo. Nese momento un tanque republicano entrou marcha atrás ao camiño saltando a elevación tras a que se atopaba Taro e caeu sobre ela.

A eiruga do tanque destripouna, polo que foi trasladada urxentemente ao hospital inglés de El Goloso do Escorial. Alí morreu poucas horas despois, na madrugada do 26 de xullo de 1937, seis días antes de cumprir 27 anos. O seu corpo foi trasladado a París, onde recibiu todos os honores como unha heroína republicana. Os seus restos están enterrados na división 97 do Cemiterio do Père-Lachaise,[3] en París.

Dous soldados republicanos cun soldado nunha padiola, Puerto de Navacerrada, fronte de Segovia, España, finais de maio-principios de xuño de 1937 (un dos negativos recuperados, fotografía de Gerda Taro. Descrición tomada de ICP[4]).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García, M. (2014, xaneiro 5). Robert Capa, reportero de guerra. La Jornada, suplemento cultural dominical "La Jornada Semanal", núm. 983, pp. 8-10. (Consultado o 5 de xaneiro de 2014) (en castelán)
  2. Arroyo Jiménez & Doménech Fabregat 2015, p. 121.
  3. "Gerda Taro". FIndagrave.com (en inglés). 21 de xuño de 2006. Consultado o 6 de marzo de 2013. 
  4. [1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]