Fernando Gerassi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fernando Gerassi
Nacemento5 de outubro de 1899
Lugar de nacementoConstantinopla
Falecemento1974
NacionalidadeTurquía, España e Estados Unidos de América
Ocupaciónpintor e oficial
Na rede
http://www.fernandogerassi.com
editar datos en Wikidata ]

Fernando Gerassi Story, nado en Istambul o 5 de outubro de 1899 e finado en 1974, foi un pintor e activista español de orixe turca.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dunha familia de orixe sefardí expulsada de España no século XV. Estudou no Colexio Alemán de Istambul e na propia Alemaña en 1918 grazas á cómoda posición económica do seu pai. Estudou Filosofía en Berlín e Friburgo, pero durante a República de Weimar, nun ambiente convulso, escoitar e ler a obras do historiador da arte Heinrich Wölfflin oriéntolle cara á pintura. En 1924 trasladouse a París, centro dos movementos pictóricos de Europa. Alí fixo contacto cos pintores e escultores da época e percorreu o país en busca das paisaxes dos impresionistas.

A ruína da familia como consecuencia da chegada ao poder de Atatürk en Turquía obrigoulle a buscar traballo en 1927 en París, pero sen abandonar a pintura. Casou con Stepha Awkykowich, á que coñecera en Berlín en 1922 e que estudaba na Sorbona. As relacións da súa esposa permitíronlle coñecer a Simone de Beauvoir e Jean-Paul Sartre, aos que lle uniu unha amizade de por vida.

A empresa para a que traballaba trasladouse en 1929 a Madrid para ampliar o negocio, e Fernando marchou a España. Xa estivera un tempo antes coñecendo a obra de Diego Velázquez. Realizou a súa primeira exposición en Barcelona en 1930 e en 1931 en París. En España coñeceu a Federico García Lorca, Emiliano Barral e Rafael Alberti, entre outros intelectuais da xeración do 27. Ademais trabou amizade con Pablo Neruda, agregado cultural da embaixada de Chile en España.

O nacemento do seu fillo en 1931 coincidiu cunha maior penetración da obra pictórica de Fernando en España e Francia, o que lle obrigou a viaxes continuas onde expuxo con éxito a súa obra. Integrouse no grupo de pintores españois en Francia composto por Pablo Picasso, Juan Gris ou Dalí. Foi un momento de gran creatividade que se viu destruído polo golpe de estado do 18 de xullo de 1936 e a guerra civil en España. Fernando posicionárase a favor da República española dende as eleccións municipais do 14 de abril de 1931 que obrigaron o exilio de Afonso XIII. Ao coñecer os sucesos, marchou a España. Alí traballou en favor da causa republicana, participando activamente na defensa de Madrid nos primeiros días do conflito.

O coronel ruso Gueorgui Zhukov apreciou en Fernando os seus dotes como tradutor (dominaba varias linguas) e pediulle que se incorporase ás Brigadas Internacionais. Durante a guerra civil obtivo a nacionalidade española. Chegou a dirixir provisionalmente a Brigada Dabrowski, pero tamén participou co Batallón Garibaldi xunto a Luigi Longo e Randolfo Pacciardi. Desenvolveu tamén operacións para traer armamento de maneira clandestina desde Francia xunto a André Malraux. A guerra permitiulle coñecer a Ernest Hemingway, a quen lle unirá unha grande amizade.

Ao final da guerra, cruzou a fronteira con Francia. Tras o pacto Molotov-Ribbentrop propuxo ao goberno francés a creación dunha unidade de republicanos no exilio para defender Francia do que consideraba unha inevitable nova guerra mundial, pero o executivo francés refusou o ofrecemento. Mobilizado durante a segunda guerra mundial, terminará por fuxir coa súa familia dos nazis pola súa condición de xudeu. Viaxou a Portugal e despois a Estados Unidos con documentación diplomática facilitada pola legación da República Dominicana en París.

A chegada a Nova York, de forma ilegal, aproveitouna a axencia antecesora da CIA para comisionar a Gerassi en actividades de espionaxe en España, o que lle levará a obter unha medalla no 1944. Ao finalizar a contenda, Fernando dedicarase só á pintura.

Durante un longo período de tempo os seus servizos aos Estados Unidos foron prontos esquecidos e Gerassi estará suxeito á ameaza de expulsión a España pola súa estancia ilegal no país. A estraña situación foi posta en coñecemento de Robert F. Kennedy, irmán do Presidente dos Estados Unidos, o que lle permitiu obter a nacionalidade estadounidense. O crítico Meyer Shapiro recoñeceu a calidade da obra de Fernando e colocouno baixo a súa protección en Vermont, onde traballou freneticamente. Durante este tempo abandonou a pintura figurativa e adoptou posicións políticas moi vinculadas co pacifismo.

A súa obra foi amplamente coñecida en todo o país.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]