Faustino Rey

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Faustino Rey Romero»)
Faustino Rey
Nacemento27 de outubro de 1921
Lugar de nacementoRianxo
Falecemento20 de decembro de 1971
Lugar de falecementoBuenos Aires
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónsacerdote católico
editar datos en Wikidata ]

Faustino Rey Romero, nado na Lagarteira-Sestelo, en Isorna (Rianxo), o 27 de outubro[1] de 1921 e finado en Bos Aires o 20 de decembro de 1971, foi un sacerdote e escritor galego.[2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou Latín e Humanidades no convento de Herbón e seguiu a carreira eclesiástica no seminario San Fernando, en Ourense. O bispado de Ourense ordenou que abandonase o seminario debido ao seu carácter “revolucionario” e finalizou os seus estudos no seminario diocesano de Tui. Ordenouse sacerdote en 1948 e licenciouse en Teoloxía pola Universidade de Salamanca.[1]

En 1949 foi destinado a Cela e Tameiga, en Mos; e Barcela, en Arbo e tivo problemas coa Falanxe por negarse a dicir unha misa por Primo de Rivera. Foi párroco en dúas freguesías do Baixo Miño, Amorín e Currás, no concello de Tomiño. Problemas co bispado pola súa conduta antifranquista e crítica co celibato sacerdotal e a hipocrisía do clero levárono a trasladarse de volta á súa parroquia natal. En 1956 embarcouse como capelán de migración cara a Venezuela e Cuba, durante un tempo.[1]

Fundou en Catoira en 1961 o Ateneo Ullán, que sería cerne da Romaría Viquinga de Catoira. Tamén participou na creación do Premio Pedrón de Ouro. Rey Romero non era cómodo para a xerarquía eclesiástica: tiña fillos que o trataban de pai e non de padre nin tío, sen escándalos dos fregueses, pero si da xerarquía. Crego progresista da liña do Concilio Vaticano II e defensor do idioma galego na liturxia e na escrita, o seu estilo de vida e crenzas derivarían en problemas co bispado. Logo de ser forzado a un desterro voluntario,  trasladouse a Buenos Aires en 1966, onde exerceu na parroquía de Balbanera e onde morreu en 1971 aos 50 anos de idade, nun  confuso suceso: acidente, asasinato ou suicidio. Desde 1987 descansa no cemiterio de Isorna.[4]

Foi membro correspondente da Real Academia Galega e da Sociedade Mariolóxica Mater Ecclesiae de Braga.

Colaborou na revista Alba, no Faro de Vigo e en La Nación de Bos Aires, ademais de facelo en El Pueblo Gallego de Vigo e Lar de Bos Aires.[5]

Usou o pseudónimo Fausto de Isorna.[6]

En 2015 Xosé Ricardo Losada publicou Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (Vigo: Xerais), biografía completa.[7]

Obra[editar | editar a fonte]

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • Teoría general de la existencia (1968).
  • El trasmundo en la poesía de Noriega Varela.
  • Una fiesta brillante de las letras gallegas: los Juegos Florales de Tui en 1891.

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Florilegio poético (1949). Prologado polo poeta catalán Miguel Melendres.
  • Doas de vidro (1951). Prólogo de Vitoriano Taibo e ilustracións de Xesús Rodríguez Otero. Tui: Tip. Rexional.
  • Catro sonetos ó destino dunha rosa (1952). Tui: Tip. Rexional.
  • Escolanía de melros (1959). Porriño: Gráficas Bolfer. 2ª ed., Bos Aires, Nós, 1970. Prólogo de Francisco Luis Bernárdez.
  • Poema das materias sagras (1960). Porriño: Gráficas Bolfer. A segunda edición foi premio Pedrón de Ouro en 1964.
  • El ángel descielado (1961). Composto polos poemas que apareceran previamente na revista bonaerense Lar en 1954 e 1955.
  • La angustia ensanchada en el Templo Místico (1964). Braga.
  • Faustino Rey Romero (1985). Edición de Carmén García e Xesús Santos. Rianxo. 255 páxs. ISBN 84-505-2866-6.

A poesía de Rey Romero ten unha especial tenrura franciscana. Do seu libro Poema das materias sagras di Méndez Ferrín:

... semella próximo á poesía católica de Paul Claudel e presenta unha excelente tersura formal e unha ousadía, por veces grande, na creación de imaxes e relacións culturais.

Homenaxes[editar | editar a fonte]

O concello de Rianxo convoca dende 1998 o Premio Faustino Rey Romero na súa honra. Nos arredores da Casa da República (Isorna, Rianxo) erixiuse un monólito no seu recoñecemento.[8]

Manuel Rivas homenaxea a súa figura en O lapis do carpinteiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Biografía – Faustino Rey Romero". faustinoreyromero.gal. Consultado o 2022-02-07. 
  2. "Faustino Rey Romero Galegos". galegos.galiciadigital.com. Consultado o 2022-02-07. 
  3. García, Xosé Lois. "Faustino Rey Romero, no seu centenario (1921-2021)". Nós Diario. Consultado o 2022-02-07. 
  4. "Faustino Rey Romero - O Mar Feito Tradición - rianxo". omarfeitotradicion.gal. Consultado o 2022-02-07. 
  5. "Diccionario de escritores/as do Barbanza- Asociación Barbantia". www.barbantia.es. Consultado o 2022-02-07. 
  6. "Pseudónimos galegos en ogalego.eu: r". www.ogalego.eu. Consultado o 2022-02-07. 
  7. "Ficha do libro Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 2022-02-07. 
  8. "Rianxo rendeulle homenaxe a Faustino Rey Romero, un cura rompedor e incomprendido". La Voz de Galicia. 2021-12-19. Consultado o 2022-02-07. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]