Experimento de Milgram

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O experimento de Milgram foi unha serie de experimentos de psicoloxía social levada a cabo por Stanley Milgram, psicólogo da Universidade de Yale, e descrito nun artigo publicado en 1963 na revista Journal of Abnormal and Social Psychology baixo o título «Behavioral Study of Obedience» («Estudo do comportamento da obediencia») e resumida en 1974 no seu libro Obedience to authority. An experimental view (Obediencia á autoridade. Unha perspectiva experimental). O fin da proba era medir a disposición dun participante para obedecer as ordes dunha autoridade aínda cando estas puidesen entrar en conflito coa súa propia conciencia persoal.

O investigador (V) persuade ao participante (L) para que lle dea descargas eléctricas dolorosas a outro suxeito (S) que está noutra sala separada por un vidro, o cal é un actor que simula recibilas, sendo, pois, descargas de mentira. Moitos participantes continuaron aplicando estas descargas a pesar dos rogos do actor para que non o fixeran.

Os experimentos comezaron en xullo de 1961, tres meses despois de que Adolf Eichmann fose xulgado e sentenciado a morte en Xerusalén por crimes contra a humanidade durante o réxime nazi en Alemaña. Milgram ideou estes experimentos para responder á pregunta: Podería ser que Eichmann e o seu millón de cómplices no Holocausto só estivesen a seguir ordes? Poderiamos chamalos a todos cómplices?

Milgram resumiría o experimento no seu artigo Os perigos da obediencia en 1974 escribindo:  

Os aspectos legais e filosóficos da obediencia son de grande importancia, pero din moi poco sobre como a maioría da xente se comporta en situacións concretas. Fixen un simple experimento na Universidade de Yale para probar canta dor inflixiría un cidadán corrente a outra persoa simplemente porque llo pedían para un experimento científico. A férrea autoridade impúxose aos fortes imperativos morais dos suxeitos (participantes) para facerlle dano a outras persoas e, cos berros das vítimas soando nos ouvidos dos suxeitos (participantes), a autoridade subxugaba con maior frecuencia. A extrema boa vontade dos adultos de aceptar case calquera requirimento ordenado pola autoridade constitúe o principal descubrimento do estudo.
Stanley Milgram. The Perils of Obedience (Os perigos da obediencia. 1974)

Método do experimento[editar | editar a fonte]

A través dun anuncio posto nunha parada de autobús en Florida (Connecticut) reclamábanse voluntarios para participar nun ensaio relativo ao «estudo da memoria e a aprendizaxe» en Yale, polo que se lles pagaba catro dólares (equivalente a 28 dólares actuais) máis axudas de custo. Aos voluntarios que se presentaron, ocultóuselles que en realidade ían participar nunha investigación sobre a obediencia á autoridade. Os participantes eran persoas de entre 20 e 50 anos de idade de todo tipo de educación, desde os que acababan de saír da escola secundaria a participantes con doutoramentos.

O experimento require tres persoas: o experimentador (o investigador da universidade), o «mestre» (o voluntario que leu o anuncio no xornal) e o «alumno» (un cómplice do experimentador que se fai pasar por participante no experimento). O experimentador explícalle ao participante que ten que facer de mestre, e ten que castigar con descargas eléctricas o alumno cada vez que falle unha pregunta.

Entón faise un falso sorteo, cada un dos dous participantes escolle un papel dunha caixa que determina o seu rol no experimento. O cómplice colle o seu papel e di ser designado como «alumno». O participante voluntario toma o seu e ve que di «mestre». En realidade en ambos os papeis poñía «mestre» e así se consegue que o voluntario con quen se vai a experimentar reciba forzosamente o papel de «mestre».

Separado do «mestre» por un módulo de vidro, o «alumno» senta nunha especie de cadeira eléctrica e átase para «impedir un movemento excesivo». Colócanselle uns eléctrodos no seu corpo con crema «para evitar queimaduras» e sinálase que as descargas poden chegar a ser extremadamente dolorosas pero que non provocarán danos irreversibles. Todo isto obsérvao o participante.

Aos participantes comunicábaselles que o «experimento sería gravado», para que soubesen que non poderían negar posteriormente o ocorrido.

Comézase dando tanto ao «mestre» como ao «alumno» unha descarga real de 45 voltios co fin de que o «mestre» comprobe a dor do castigo e a sensación desagradable que recibirá o seu «alumno». Seguidamente o investigador, sentado no mesmo módulo no que se atopa o «mestre», proporciona ao «mestre» unha lista con pares de palabras que lle terá que ensinar ao «alumno». O «mestre» comeza lendo a lista a este e tras finalizar leralle unicamente a primeira metade dos pares de palabras dando ao "alumno" catro posibles respostas para cada unha delas. Este indicará cal destas palabras corresponde co seu par lida premendo un botón (do 1 ao 4 en función de cal cre que é a correcta). Se a resposta é errónea, o «alumno» recibirá do «mestre» unha primeira descarga de 15 voltios que irá aumentando en intensidade até os 30 niveis de descarga existentes, é dicir, 450 voltios. Se é correcta, pasarase á seguinte palabra.

O «mestre» cre que está a dar descargas ao «alumno» cando en realidade todo é unha simulación. O «alumno» foi previamente aleccionado polo investigador para que vaia simulando os efectos das sucesivas descargas. Así, a medida que o nivel de descarga aumenta, o «alumno» comeza a golpear no vidro que o separa do «mestre» e quéixase da súa condición de enfermo do corazón, logo berrará de dor, pedirá a fin do experimento, e finalmente, ao alcanzarse os 270 voltios, gritará de agonía. O que o participante escoita é en realidade unha gravación de xemidos e berros de dor. Se o nivel da suposta dor alcanza os 300 voltios, o «alumno» deixará de responder as preguntas e produciranse estertores previos ao coma.

Polo xeral, cando os «mestres» alcanzaban os 75 voltios, poñíanse nerviosos ante as queixas de dor dos seus «alumnos» e desexaban parar o experimento, pero a férrea autoridade do investigador facíalles continuar. Ao chegar aos 135 voltios, moitos dos «mestres» detíñanse e preguntábanse o propósito do experimento. Certo número continuaba asegurando que eles non se facían responsables das posibles consecuencias. Algúns participantes mesmo comezaban a rir nerviosos ao ouvir os berros de dor provenientes do seu «alumno».

Se o «mestre» expresaba ao investigador o seu desexo de non continuar, este indicáballe imperativamente e segundo o grao:

  • Continúe, por favor.
  • O experimento require que vostede continúe.
  • É absolutamente esencial que vostede continúe.
  • Vostede non ten opción ningunha. Debe continuar.

Se despois desta última frase o «mestre» se negaba a continuar, parábase o experimento. Se non, detíñase despois de que administrase o máximo de 450 voltios tres veces seguidas.

No experimento orixinal, o 65% dos participantes (26 de 40) aplicaron a descarga de 450 voltios, aínda que moitos se sentían incómodos ao facelo. Todos os «mestres» pararon en certo punto e cuestionaron o experimento, algúns mesmo dixeron que devolverían o diñeiro que lles pagaran. Ningún participante se negou rotundamente a aplicar máis descargas antes de alcanzar os 300 voltios.

O estudo posterior dos resultados e a análise dos múltiples tests realizados aos participantes amosaron que os «mestres» cun contexto social máis parecido ao do seu «alumno» pararían o experimento antes.

Resultados[editar | editar a fonte]

Milgram rodou unha película documental que amosaba o experimento e os seus resultados, titulada Obediencia, cuxas copias orixinais son difíciles de atopar hoxe en día.

Antes de levar a cabo o experimento, o equipo de Milgram estimou cales podían ser os resultados en función de enquisas feitas a estudantes, adultos de clase media e psicólogos. Consideraron que a media de descarga se situaría nos 130 voltios cunha obediencia ao investigador do 0 %. Todos eles creron unanimemente que soamente algúns sádicos aplicarían a voltaxe máxima.

O desconcerto foi grande cando se comprobou que o 65 % dos suxeitos que participaron como «mestres» no experimento administraron a voltaxe límite de 450 aos seus «alumnos», aínda que a moitos o facelo os colocase nunha situación absolutamente incómoda. Ningún participante parou no nivel de 300 voltios, límite no que o alumno deixaba de dar sinais de vida. Outros psicólogos de todo o mundo levaron a cabo variantes da proba con resultados similares, ás veces con diversas variacións no experimento.

En 1999, Thomas Blass, profesor da Universidade de Maryland, publicou unha análise de todos os experimentos deste tipo realizados até entón e concluíu que a porcentaxe de participantes que aplicaban voltaxes notables situábase entre o 61 % e o 66 %, sen importar o ano de realización nin a localización dos estudos.

Reaccións[editar | editar a fonte]

O primeiro que se preguntou o desconcertado equipo de Milgram foi como era posible que se obtiveron estes resultados. Á primeira vista, a conduta dos participantes non revelaba tal grao de sadismo, xa que se mostraban preocupados pola súa propia conduta. Todos se mostraban nerviosos e preocupados polo cariz que tomaba a situación e, ao decatarse de que en realidade a cobaia humana non era máis que un actor e que non lle fixeron dano, suspiraban aliviados. Doutra banda eran plenamente conscientes da dor que estiveran inflixindo, pois ao preguntarlles por canto sufrimento experimentara o alumno a media foi de 13 nunha escala de 14.

O experimento expuxo preguntas sobre a ética do método científico en si mesmo debido á tensión emocional extrema sufrida polos participantes (aínda que se podería dicir que dita tensión foi provocada polas súas propias e libres accións).

En defensa de Milgram hai que sinalar que o 84 % de participantes dixeron posteriormente que estaban «contentos» ou «moi contentos» de participar no estudo e un 15 % éralles indiferente (responderon un 92 % de todos os participantes). Moitos expresáronlle a súa gratitude máis adiante e Milgram recibiu en varias ocasións ofrecementos e peticións de axuda dos antigos participantes.

Hai un colofón pouco coñecido do experimento Milgram, reportado por Philip Zimbardo: ningún dos participantes que se negaron a administrar as descargas eléctricas finais solicitou que terminase o experimento (que se deixasen de realizar ese tipo de sesións) nin acudiron ao outro cuarto a revisar o estado de saúde da vítima sen antes solicitar permiso para iso.

Seis anos despois do experimento, durante a guerra de Vietnam, un dos participantes no experimento enviou unha carta a Milgram explicándolle por que estaba agradecido de participar a pesar da tensión:  

Fun un participante en 1964, e aínda que cría que estaba mancando outra persoa, non sabía en absoluto por que o estaba facendo. Poucas persoas se decatan de cando actúan de acordo coas súas propias crenzas ou cando están sometidos á autoridade. [...] Permitir sentirme co entendemento de que me suxeitaba ás demandas da autoridade para facer algo moi malo me faría asustarme de min mesmo [...] Estou completamente preparado para ir ao cárcere se non me é concedida a demanda de obxector de conciencia. De feito, é a única vía que podería tomar para ser coherente co que creo. A miña única esperanza é que os membros do xurado actúen igualmente de acordo coa súa conciencia [...]

Con todo, non todos os participantes experimentaron este cambio na súa vida. De acordo cos estándares modernos, os participantes non foron totalmente desenganados, e algunhas entrevistas finais indicaron que moitos participantes nunca entenderon do todo a natureza do experimento.

Os experimentos provocaron críticas emocionais, máis acerca da ética do experimento mesmo que sobre os resultados. Na publicación Jewish Currents (Actualidades xudías), Joseph Dimow, un participante no experimento de 1961 na Universidade de Yale, escribiu acerca das súas sospeitas temperás de que «todo o experimento estaba deseñado para ver se os estadounidenses comúns obedecerían ordes inmorais, como moitos alemáns farían durante o período nazi». De feito este era un dos fins explícitos do experimento. Citando o prefacio do libro de Milgram, Obedience to Authority:

A cuestión xorde para saber se hai conexión entre o que estudamos no laboratorio e as formas de obediencia que condenamos da época nazi.

En 1981 Tom Peters e Robert H. Waterman Jr. escribiron que o experimento Milgram e o posterior experimento Zimbardo na Universidade de Stanford eran aterradores nas súas implicacións acerca do perigo que ameazaba no lado escuro da natureza humana.

Interpretacións de Milgram[editar | editar a fonte]

O profesor Milgram elaborou dúas teorías que explicaban os seus resultados:

  • A primeira é a teoría do conformismo, baseada no traballo de Solomon Asch, que describe a relación fundamental entre o grupo de referencia e a persoa individual. Un suxeito que non ten a habilidade nin o coñecemento para tomar decisións, particularmente nunha crise, transferirá a toma de decisións ao grupo e a súa xerarquía. O grupo é o modelo de comportamento da persoa.
  • A segunda é a teoría da cousificación (agentic state), onde, segundo Milgram, a esencia da obediencia consiste no feito de que unha persoa se ve a si mesma como un instrumento que realiza os desexos doutra persoa e por tanto non se considera a si mesmo responsable dos seus actos. Unha vez que esta transformación da percepción persoal acontece no individuo, todas as características esenciais da obediencia ocorren. Este é o fundamento do respecto militar á autoridade: os soldados seguirán, obedecerán e executarán ordes e instrucións ditadas polos superiores, co entendemento de que a responsabilidade dos seus actos recae no mando dos seus superiores xerárquicos.

Interpretacións alternativas[editar | editar a fonte]

O profesor Robert Shiller argumenta que outros factores poderían ser parcialmente capaces de explicar os experimentos de Milgram:

[As persoas] aprenderon que cando os expertos lles din que algo está ben, probablemente así sexa, mesmo se non parece ser así. (De feito, vale a pena sinalar que neste caso o experimentador era realmente correcto: estaba ben continuar dando os «golpes» —aínda que a maioría dos suxeitos non sospeitaban a razón—).[1]

Outra explicación dos resultados de Milgram invoca a perseveranza das crenzas como a causa subxacente.[2] «A xente non pode decatarse de que unha autoridade aparentemente benevolente é de feito malévola, mesmo cando se enfrontan a probas abafadoras que suxiren que esta autoridade é realmente malévola. Polo tanto, a causa subxacente da conduta sorprendente dos suxeitos podería ser conceptual, e non a suposta “capacidade do home para abandonar a súa humanidade ... a medida que fusiona a súa personalidade única en estruturas institucionais máis grandes”».

Variacións[editar | editar a fonte]

No seu libro Obedience to Authority: An Experimental View, Milgram describe dezanove variacións do seu experimento. Xeralmente, ao aumentar a proximidade física da vítima, diminuía a obediencia do participante. A obediencia tamén diminuía ao aumentar a distancia física respecto da autoridade (experimentos 1 ao 4). Por exemplo, no experimento 2, onde os participantes recibían instrucións por teléfono, a obediencia diminuíu nun 21 %. É interesante que algúns participantes trataron de enganar a autoridade (o experimentador) finxindo que continuaban co experimento. Na variación onde a vítima tiña a maior proximidade física co participante, cando os participantes tiñan que manter fisicamente o brazo da vítima sobre a placa que xeraba a descarga eléctrica, a obediencia decreceu. Nestas circunstancias, só o 30 % dos participantes completaron o experimento.

No experimento 8 os participantes foron mulleres; anteriormente todos os participantes foran homes. A obediencia non variou significativamente, aínda que as mulleres manifestaron experimentar maiores niveis de tensións.

O experimento 10 realizouse nunha oficina modesta en Bridgeport, Connecticut, finxindo que quen realizaba o experimento era a entidade comercial «Research Associates of Bridgeport», sen conexión aparente coa Universidade de Yale (para eliminar o factor de prestixio da Universidade que influenciase o comportamento dos participantes). Nestas condicións a obediencia caeu ao 47,5 %.

Milgram tamén combinou o poder da autoridade coa conformidade. Neses experimentos os participantes foron acompañados por un ou dous «mestres» (tamén actores, como o aprendiz ou vítima). O comportamento dos acompañantes influíu de maneira importante nos resultados. No experimento 17, cando dous mestres suplementarios se negaron a cumprir as ordes, só 4 dos 40 participantes continuaron co experimento. No experimento 18, os participantes realizaron unha tarefa de acompañamento (leron as preguntas por un micrófono ou rexistraron as respostas do aprendiz) con outro mestre, quen completaba a proba. Nesa variación só 3 de 40 desafiaron ao experimentador.

Recentes variacións do experimento de Milgram suxiren que a interpretación non supón obediencia nin autoridade, senón que os participantes sofren unha desolación aprendida, onde se senten incapaces de controlar o resultado, de maneira que abdican da súa responsabilidade persoal. Nun experimento recente, onde se usou unha simulación de computadora en lugar dun aprendiz que recibía descargas, os participantes que administraban as descargas eran conscientes de que o aprendiz era irreal, pero aínda así os resultados foron os mesmos.

Na popular serie Basic Instincts, repetiuse o experimento de Milgram en 2006, cos mesmos resultados cos homes. Nun segundo experimento con mulleres mostrouse que elas eran máis proclives a continuar o experimento. Un terceiro experimento, cun mestre adicional para xerar presión, mostrou que nestas condicións os participantes continuaban co experimento até o final.

O experimento na cultura popular[editar | editar a fonte]

Na película francesa I... Comme Icare, de 1979, dirixida por Henri Verneuil e interpretada por Yves Montand, Michel Albertini, Roland Amstutz, Jean-Pierre Bagot e Georges Bell, entre outros, reprodúcese unha sesión completa do experimento de Milgram.

O músico inglés Peter Gabriel incluíu no seu traballo "So" (1986) un tema chamado We do what we're told (Milgram's 37), no que fai explícita referencia ao experimento.

No libro O gardián do xogo lémbrase este experimento como parte da clase de primeiro curso de Psicoloxía na universidade de Winchester.

En 2010 estreouse o documental francés Le jeu de la mort, onde se recrea o experimento de Milgram, pero adaptándoo para que pareza un concurso de televisión. Deste xeito conseguen que os participantes non saiban que se trata dun experimento.

No ano 2015, estreouse a película Experimenter, dirixida por Michael Almereyda, na que o actor Peter Sarsgaard interpreta a Stanley Milgram.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Shiller, Robert (2005). Irrational Exuberance (2nd ed.) (en inglés). Princeton, New Jersey, EUA: Princeton University Press. p. 158. 
  2. Nissani, Moti (1990). ""A Cognitive Reinterpretation of Stanley Milgram's Observations on Obedience to Authority"". American Psychologist. 45: 1384-1385. doi:10.1037/0003-066x.45.12.1384. 
  3. "Experimenter". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Blass, Thomas. "The Milgram paradigm after 35 years: Some things we now know about obedience to authority", Journal of Applied Social Psychology [1], 1999, 25, pp. 955-978.
  • Blass, Thomas. (2002), "The Man Who Shocked the World", Psychology Today, 35:(2), Mar/Apr 2002.
  • Blass, Thomas. (2004), The Man Who Shocked the World: The Life and Legacy of Stanley Milgram. Basic Books (ISBN 0-7382-0399-8).
  • Levine, Robert V. "Milgram's Progress" [2]. American Scientist.
    • Revisión do libro "The Man Who Shocked the World: The Life and Legacy of Stanley Milgram". Thomas Blass. xxiv + 360 pp. Basic Books, 2004.
  • Milgram, Stanley. Official website [3]
  • Milgram, Stanley. (1963). "Behavioral Study of Obedience".[4] Journal of Abnormal and Social Psychology 67, 371-378.
  • Milgram, Stanley. (1974), Obedience to Authority; An Experimental View. Harpercollins (ISBN 0-06-131983-X).
  • Milgram, Stanley. (1974), "The Perils of Obedience" [5]. Harper's Magazine
    • Abridged and adapted from Obedience to Authority.
  • Milgram, S. (1988). Obediencia a la autoridad. En J.R. Torregroso e E. Crespo (Comps.). Estudios básicos de la psicología social. (pp. 365-382). Barcelona: Hora
  • Miller, Arthur G., (1986). "The obedience experiments: A case study of controversy in social science". Nova York : Praeger.
  • Morris, Charles G. e Maisto, Albert A. (2005). "Introducción a la psicología". Pearson Educación. ISBN: 978-607-442-314-3.
  • Parker, Ian, "Obedience". Granta [6] Issue 71, Autumn 2000.
    • Inclúe unha entrevista cun dos voluntarios de Milgram.
  • Slater, L. (2006). Cuerdos entre locos. Grandes experimentos psicológicos del siglo XX. Barcelona: Alba
  • Tarnow, Eugen, "Towards the Zero Accident Goal: Assisting the First Officer Monitor and Challenge Captain Errors" [7].
  • Wu, William, "Practical Psychology: Compliance: The Milgram Experiment." [8].
  • O experimento está moi ben reproducido na película de Henri Verneuil titulada I… comme Icare.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]