Saltar ao contido

Estrelitziáceas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Distribución muindial da familia.
Ravenala madagascariensis, de porte arbóreo.

A das estrelitziáceas (Strelitziaceae) é unha familia de plantas herbáceas, rizomatosas da orde das zinxiberales, propias das rexións tropicais e suutropicais de Suramérica, África mridional e Madagascar.

A familia comprende tres xéneros.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Son plantas herbáceas perennes, aínda que algunhas especies poden desenvolver pseudocaules debido a vaíñas foliares endurecidas (como Ravenala madagascarensis) co que o hábito sería dunha árbore.

Os caules subterráneos son rizomatosos (ramificados dicotomicamente polo menos algúns), os caules aéreos son decumbentes e herbáceos ou arborescentes e con textura de leñosa.

A raíz primaria está ben desenvolvida. As raíces presentan vasos amplos distribuídos todo ao longo do corte transversal e agrupacións de floema na medula. Posúen estomas policíticos.

As follas son dísticas, envaiñadoras, pecioladas, simples, con venación penniparalela (veas fusionadas na marxe). O pecíolo posúe moitos arcos ou canais de aire.

A inflorescencia pode ser terminal ou axilar, un tirso con dunha a moitas cimas monocásicas, cada unha cunha bráctea grande e espatácea. Poden presentar unha grande inflorescencia (como Phenakospermum guianense) ou varias laterais e con frecuencia longamente pedunculadas.

As flores son hermafroditas, zigomorfas, epíxinas,[2] con brácteas.

O perianto ten 3+3 tépalos, os 3 externos libres, os 3 internos soldados, os internos desiguais (o interno medio máis pequeno que os laterais), ás veces tépalos internos conniventes.

O androceo está formado por 5 estames (ou 6 en Ravenala). As anteras son basifixas, de dehiscencia lonxitudinal, e con dúas tecas.

O xineceo consta de 3 carpelos soldados, e ovario ínfero; o carpelo medio é anterior, trilocular, con numerosos primordios seminais por carpelo. o estilo é filiforme, a placentación é axilar, os óvulos son anátropos, bitégmicos.

Hai nectarios nos septos dos ovarios.

O froito é unha cápsula loculicida. As sementes teñen arilo, endosperma rico en amidón e perisperma con menos amidón.

Presentan fenilfenalenonas c corpos de SiO2 máis ou menos esféricos.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A familia foi recoñecida polo APG II en 2003,[3] e confirmada no APG III en 2009[4]. O Linear APG III, nese mesmo ano, asignoulle o número de familia 82.

A familia conta con 3 xéneros sensu Royal Botanic Gardens, Kew, coas especies que se relacionan a continuación:

Familia Strelitziaceae

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Encóntranse en rexións tropicais de Suramérica, sur de África e Madagascar.

As flores son polinizadas por insectos, aves (Strelitzia) ou lémures (Ravenala).

Evolución

[editar | editar a fonte]

O grupo troncal Strelitziaceae data de hai uns 78 millóns de anos. A diverxencia dentro do grupo corona data de hai uns 59 millóns de asos (Janssen & Bremer 2004).[5]

Estudouse moito a polinización dentro do grupo, pero aínda así non está claro cal sería a condición plesiomórfica (ver, por exemplo, Kress et al. 1994).[6]

Importancia económica

[editar | editar a fonte]

Algunhas especies teñen cultivares utilizados como plantas ornamentais, por exemplo a ave do paraíso (Strelitzia reginae) e a árbore ave do paraíso (Strelitzia nicolai).

  1. Angiosperm Phylogeny Group (2009). "An update of the Angiosperm Phylogeny Group classification for the orders and families of flowering plants: APG III". Botanical Journal of the Linnean Society 161 (2): 105–121. doi:10.1111/j.1095-8339.2009.00996.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25 de maio de 2017. Consultado o 11 de abril de 2015. 
  2. epíxino, do grego γυνή giné, "femia", co prefixo epi-, "encima", é un adxectivo que se aplica á flor, ao perianto, ou ao androceo que parecen nacer ou inserirse sobre o ovario, por seren concrescentes con el. Do Diccionario de botánica, de Pío Font Quer.
  3. THE ANGIOSPERM PHYLOGENY GROUP* (2003-4). "An update of the Angiosperm Phylogeny Group classification for the orders and families of flowering plants: APG II". Botanical Journal of the Linnean Society (en inglés) 141 (4): 399–436. ISSN 0024-4074. doi:10.1046/j.1095-8339.2003.t01-1-00158.x. 
  4. THE ANGIOSPERM PHYLOGENY GROUP (2009-10). "An update of the Angiosperm Phylogeny Group classification for the orders and families of flowering plants: APG III: APG III". Botanical Journal of the Linnean Society (en inglés) 161 (2): 105–121. doi:10.1111/j.1095-8339.2009.00996.x. 
  5. Janssen, T.; Bremer, K. (2004). "The age of major monocot groups inferred from 800+ rbcL sequences.". Bot. J. Linnean Soc. 146: 385–398. 
  6. Kress; W. J.; Schatz, G. E.; Andrianifahanana, M. & Morland, H. S. (1994): "Pollination of Ravenala madagascariensis (Strelitziaceae) by lemurs in Madagascar: Evidence for an archaic coevolutionary system". American J. Bot. 81: 542-551.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kubitzki, K. (2004): The Fmilies and Genera of Vacular Plants, Volume IV Flowering Plants. Monootyledons: Alismatanae and Commelinanae (except Gramineae). Berlin/Heidelberg/New York: Springler Verlag. ISBN 3-540-40593-3.
  • Simpson, Michael G. (2010): Plant Systematics. Elsevier Inc. ISBN 978-0-12-644460-5.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]