Strelitzia nicolai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bosquete de S. niolai no Kirstenbosch National Botanical Garden da Cidade do Cabo.
Lámina por Matilda Smith.
Curtis's Botanical Magazine vol. 115 (1889).

Strelitzia nicolai é unha especie das anxiospermas da orde das zinxiberales e familia das estrelitziáceas.

Trátase dunha planta herbácea, pero de porte arbóreo, con aparencia de palmeira, orixinaria de Suráfrica e amplamente culivada en parques e xardíns en rexións tropicais e subtropicais pola súa beleza.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha planta semllante á plataneira (do xénero Musa) pero máis alta, xa que pode atinxir os 6 m de altura, e coa peculiaridad de que as súas follas só abren en dúas direccións.
As follas son moi longas, de até 1,8 m, e de cor verde, algo agrisada cando son vellas, e xorden no extremo superior do caule, dispostas como un abano.
A inflorescencia está protexida por unha bráctea de cor azul escura. A flor é máis grande que a de Strelitzia reginae]] (a famosa ave do paraíso), pois pode chegar até os 18 cm de longo, e está situada xusto por riba do punto onde emerxe o abano de follas do caule. Os sépalos son brancos e presentan unha "lingua" de cor azul purpúrea.
As sementes son cápsulas triangulares.[1][2]

Strelitzia nicolai é unha das poucas plantas onde se demostrou a presenza do pigmento bilirrubina, que fundamentalmente se encontra nos animais.[3]

Esta planta adoita empregarse como ornamental en parques e xardins, e na decoración de espazos públicos, como centros comerciais, aeroportos etc.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Strelitzia nicolai foi descrita o ano 1858 polo xardineiro e botánico alemán Eduard August von Regel e o seu compatriota, agrónomo e botánico Friedrich August Körnicke, que publicaron a súa descrición na revista Gartenflora 7: 265, pl. 235.[1]

O epíteto específico nicolai ("de Nicolao") está dedicado na honra do tsar Nicolao I de Rusia, a proposta de von Reguel que, despois de acabar os seus estudos en Alemaña, serviu como director do Xardín Botánico Imperial Ruso de San Petersburgo, cidade na que morou até a súa morte, en 1892.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

  • Strelitzia alba subsp. nicolai (Regel & Körn.) Maire & Weiller.[1]
  • Strelitzia quensonii Lem.[1][4]

Distribución[editar | editar a fonte]

Strelitzia nicolai é unha das tres especies do xénero Strelitzia con aspecto de árbore (as outras dúas son S. caudata e S. alba). A área de dispersión natural de S. nicolai está restrinxida ao bosque temperado perennifolio e aos de matogueiras da costa do leste de África meridional, desde o río Great Fish, polo norte, até o porto de Richards Bay.[5]

Tamén se considera nativo de Mozambique, Botsuana e Zimbabue e, segundo parece, está naturalizado en México oriental (no estado de Veracruz).[5]

Galería[editar | editar a fonte]

Flores[editar | editar a fonte]

Plantas[editar | editar a fonte]

Sementes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Strelitzia nicolai en Trópicos.
  2. Gibbs Russell, G. E.; W. G. M. Welman; E. Retief; K. L. Immelman; G. Germishuizen; B. J. Pienaar; M. Van Wyk & A. Nicholas (1987): "List of species of southern African plants". Memoirs of the Botanical Survey of South Africa 2 (1–2): 1-152.
  3. Pirone, Cary; Quirke, J. Martin E.; Priestap, Horacio A.; Lee, David W. (2009). "Animal Pigment Bilirubin Discovered in Plants". Journal of the American Chemical Society 131 (8): 2830. PMC 2880647. PMID 19206232. doi:10.1021/ja809065g. 
  4. Strelitzia nicolai en PlantList.
  5. 5,0 5,1 Kew World Checklist of Selected Plant Families, Strelitzia nicolai.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • AFPD (2015): African Flowering Plants Database (Base de Datos das Plantes con Flores de África.
  • Moore, H. E. Jr. & Hyypio, P. A. (1970): "Some comments on Strelitzia (Strelitziaceae)". Baileya 17: 65–74.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]